Rúa Michelena (Pontevedra)
Rúa Michelena | |
---|---|
Rúa Michelena no tramo preto da praza da Peregrina | |
Tipoloxía | rúa |
Dimensións | |
Lonxitude | 0,23 km |
Formato | peonil |
Localización | |
Inicio | Praza da Peregrina, Paseo de Antonio Odriozola |
Fin | Praza de España, Rúa Bastida |
A rúa Michelena é unha rúa de Pontevedra situada no centro da cidade, na beira do centro histórico. É unha das rúas principais de Pontevedra e das máis comerciais da cidade.[1]
Orixe do nome
[editar | editar a fonte]A rúa está dedicada desde 1858 a José María de Michelena, que foi designado gobernador civil de Pontevedra e presidente da Deputación de Pontevedra o 11 de novembro de 1851 e que cesou no cargo o 6 de maio de 1853. As súas grandes iniciativas e actividade e excelentes condicións de gobernante fixérono merecedor dunha rúa na cidade. A el débese o proxecto de accesos á igrexa de san Francisco coa súa balaustrada de ferro e o seu xardín con céspede e flores na praza diante da igrexa.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]A actual rúa Michelena era un lugar fóra do perímetro da muralla de Pontevedra con chan de terra no que se acumulaba auga coñecido como Poza das Rans.[2][3]
En 1852 empezouse a derrubar a muralla de Pontevedra pola porta de Trabancas entre as actuais prazas da Ferrería e da Peregrina, o que posibilitou a apertura en 1854 desta rúa que seguía o perímetro da derrubada muralla na súa parte sur. Unha parte do chan edificable foi doado aos veciños da cidade.[2][3]
En 1858 a corporación municipal de Pontevedra acordou denominar a rúa en honra a José María de Michelena.[2][3]
En 1864 concluíron as obras na rúa quedando cun aspecto parecido ao que ten na actualidade. Na rúa empezaron a establecerse comercios como o dos fotógrafos Hermanos Guiard en 1867. Na década de 1860 o avogado, político e empresario Francisco Antonio Riestra Vallaure comprou varios soares na rúa, onde fixo construír catorce edificios, entre eles o da mansión do número 30.[4] En 1872 a rúa Michelena foi unha das primeiras da cidade en contar con beirarrúas.[2]
O 25 de xullo de 1888 a rúa Michelena converteuse na primeira de toda Galicia (xunto coa veciña rúa da Oliva) en ter alumamento público, grazas á instalación de arcos voltaicos e lámpadas de incandescencia. Esta primeira rede eléctrica galega foi obra do marqués de Riestra, que construíu na praza da Verdura a primeira fábrica de electricidade de todo o noroeste peninsular e que adquirira en 1887 unha patente sobre un procedemento de axuste de dínamos.[5]
Nos primeiros anos do século XX a rúa Michelena era xa unha das máis importantes da cidade. O 1 de novembro de 1900 comezaron as obras do novo edificio do Banco de España na cidade no número 28 da rúa.[6] O edificio deseñouno o arquitecto José Fermín de Astiz Bárcena e inaugurouse en 1903.[7]
En 1913, o Papagaio Ravachol, que vivía desde 1891 na farmacia de Don Perfecto Feijoo, nunha casa que xa non existe no extremo leste da rúa, na esquina coa praza da Peregrina, finou.[8]
Desde finais de 1924 ata 1943 a rúa converteuse nun dos principais puntos do percorrido do tranvía eléctrico na cidade, que foi substituído a partir de entón polo servizo de trolebús e pola circulación de automóbiles.[9]
O 9 de marzo de 1981 abriu no número 22 da rúa a emblemática Librería Michelena, referente en toda Galicia polos seus amplísimos fondos de ata 70.000 volumes. Pechou o 30 de xuño de 2010 como consecuencia da crise económica que azoutou España entre 2008 e 2014.[10][11][12]
En 1985 a rúa era aínda un dos principais puntos do tráfico rodado na cidade e contaba con varios carrís de circulación.[13] En agosto de 2001 a rúa pechouse ao tráfico automobilístico e converteuse en peonil.[14][15]
Descrición
[editar | editar a fonte]É unha rúa empedrada que segue o trazado da antiga muralla medieval en pleno centro da cidade[16] cun trazado de preto de 250 metros relativamente recto e predominantemente chaira. Ten unha anchura media de 10-11 metros.
É unha rúa peonil céntrica na beira do centro histórico, que comunica a praza de España coa praza da Peregrina. No seu trazado conflúen tres rúas peonís, de oeste a leste: Marquesa, Xeneral Gutiérrez Mellado[17] e Fernández Villaverde.
A rúa Michelena é unha das rúas principais da cidade e un dos centros neurálxicos da mesma, onde se atopan institucións oficiais como o edificio aministrativo do Concello ou o edificio das delegacións provinciais da administración periférica de España e múltiples comercios e franquías nacionais e internacionais.[18][19]
Edificios destacados
[editar | editar a fonte]O inicio da rúa coincide coa praza da Peregrina e na esquina entre a praza e a rúa Michelena estaba situado o edificio da farmacia do boticario Perfecto Feijoo onde morreu o Papagaio Ravachol en 1913 e onde se atopa hoxe unha escultura de Ravachol realizada polo escultor José Luis Penado en 2006.[20]
No número 28 da rúa atópase o edificio do Banco de España. Empezouse a construír en 1900 e inaugurouse en 1903. É un exemplo da arquitectura administrativa do Estado español de principios do século XX, de estilo ecléctico. Ten a súa entrada principal pola rúa Michelena e un patio traseiro con entrada pola rúa Fernández Villaverde. O edificio presenta unha gran simetría e solemnidade nas súas fachadas. A porta principal na rúa Michelena termina nun arco de medio punto cun balcón superior de pedra sobre ménsulas. Os elementos de pedra que enmarcan e decoran as fiestras das fachadas teñen unha decoración xeométrica na parte superior, que termina en arcos rebaixados.[21]
No número 30 da rúa localízase a Mansión do Marqués de Riestra, construída a finais do século XIX, na que o marqués de Riestra estableceu a súa residencia e a sede da súa Banca Riestra.[22][23][24][25] Trátase dun edificio ecléctico con elementos modernistas. Ten unha fachada con galerías e arcos de ferradura e marcos decorativos nos vans. As fiestras e a entrada de carruaxes da planta baixa están enmarcadas por arcos de medio punto. A planta baixa está rodeada por un zócolo de granito.[26]
Os edificios dos números 2, 4, 6, 8, 10, 24, 32, 34, 36, 38, 40 e 42 son do século XIX. O número 2 é do ano 1853 e era a casa de Manuel Portela Valladares. O número 4 é do ano 1878 e o número 24 foi a casa do político Alejandro Mon.[27] No número 20 da rúa o restaurante-tapería A Muralla, conserva integrado no soto un pano da muralla medieval da cidade, convertida nun elemento máis da decoración interior.[28]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Tramo da rúa preto da praza da Peregrina
-
Tramo da rúa preto da praza de España
-
Mansión do Marqués de Riestra no número 30
-
Edificio do Banco de España no número 28
-
Antiga Librería Michelena no número 22
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ale-Hop elige la calle Michelena para desembarcar en Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de marzo de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "El misterio de la calle Michelena". Diario de Pontevedra (en castelán). 18 de outubro de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "El punto neurálgico de la ciudad". Pontevedra Viva (en castelán). 30 de xuño de 2017.
- ↑ Carmona Badía 2009, p. 255; 257.
- ↑ "El alumbrado público de La Oliva y Michelena, el primero de toda Galicia, cumple 133 años". Diario de Pontevedra (en castelán). 6 de xullo de 2021.
- ↑ "1900: Nuevo edificio para el Banco de España en la ciudad". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de novembro de 2019.
- ↑ Moreno Arana 2017, p. 261.
- ↑ "La botica de Don Perfecto Feijoo vuelve a la Peregrina". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de marzo de 2011.
- ↑ "Marín, el histórico tranvía eléctrico". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de novembro de 2020.
- ↑ "Adiós a una librería emblemática". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de xullo de 2010.
- ↑ "Cierra la librería Michelena, símbolo cultural de Pontevedra". El País (en castelán). 14 de xuño de 2010.
- ↑ "Y 30.000 libros quedaron reducidos a cenizas". Diario de Pontevedra (en castelán). 15 de febreiro de 2023.
- ↑ "De cuando los coches campaban por Michelena". Diario de Pontevedra (en castelán). 30 de setembro de 2022.
- ↑ "La peatonalización de la Peregrina y de Michelena se hará efectiva en una semana". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xullo de 2001.
- ↑ "A Peregrina y Michelena empiezan a mudar la piel". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 2016.
- ↑ "Michelena, "la columna vertebral" de la ciudad". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de xuño de 2023.
- ↑ "La calle Gutiérrez Mellado pondrá fin al plan de transformación urbana". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de decembro de 2002.
- ↑ "De banco a tienda de regalos". Diario de Pontevedra (en castelán). 10 de marzo de 2023.
- ↑ "Adolfo Domínguez reforzará su presencia con dos nuevas tiendas". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xuño de 2007.
- ↑ "Rompen la escultura del loro Ravachol en A Peregrina". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de decembro de 2018.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 429.
- ↑ "Las galerías de la sede de Michelena 30 tienen los días contados". Diario de Pontevedra (en castelán). 30 de maio de 2022.
- ↑ "El día que murió el marqués de Riestra". Faro (en castelán). 13 de xaneiro de 2013.
- ↑ "Secretos desvelados de Michelena 30, la sede central del Concello de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2022.
- ↑ "Michelena 30: de Hevia a Lores". Faro (en castelán). 23 de xaneiro de 2011.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 427.
- ↑ Fontoira Surís 2009, p. 512.
- ↑ "El hallazgo de la muralla medieval en Michelena 20". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rúa Michelena |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carmona Badía, Xoán (2009). Empresarios de Galicia. Volume 2 (PDF). Pontevedra: CIEF, Centro de Investigación Económica e Financeira Fundación Caixa Galicia. p. 255-257. ISBN 978-84-96982-37-6.
- Durán Villa, Francisco (2000). Provincia de Pontevedra (en castelán). Madrid: Mediterráneo. p. 88. ISBN 8471563371.
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 427-429; 512. ISBN 9788484573272.
- Moreno Arana, José Manuel (Novembro de 2017). Universidad de Málaga, ed. "El edificio de la antigua sucursal del Banco de España en Jerez de la Frontera, obra de José de Astiz y Bárcena.". Boletín de Arte 2016 (en castelán) (Málaga) 37: 261–266. ISSN 0211-8483.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Praza da Peregrina
- Praza de España
- Mansión do Marqués de Riestra
- Edificio do Banco de España
- Ensanche-Centro cidade