Saltar ao contido

Balneario

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Balneario de Guitiriz.

Un balneario (latín balneae -arum "baños" ou balineae -arum "establecemento de baños") é un lugar dedicado ao repouso e a curación a través da utilización das augas, sobre todo as termais e minerais, cun edificio para a hospedaxe.

Publicidade de balnearios en El Eco de Cuntis, 1932.

Posiblemente a hidroterapia xa existise durante a Prehistoria, pois nos arredores dalgúns mananciais foron atopados restos de sílex do Megalítico.[1] As relixións máis antigas consideraban a auga como un elemento esencial, e os gregos e romanos comezaron a facer construcións dedicadas a ese fin, como o templo de Epidaura ou as termas que tiñan a maioría das cidades do Imperio. No noroeste peninsular existían as saunas castrexas, e tras a chegada dos romanos persistiu o culto a divindades indíxenas relacionadas coa auga.

Na Idade Media tiveron prestixio os hammas ou baños turcos. O islam promoveu a hixiene, mentres que nas zonas cristiás moitas fontes foron rebautizadas ou mesmo destruídas durante as invasións bárbaras. Na Idade Moderna en Europa a hidroterapia recupera o seu pulo, e no século XVIII, coa aplicación da Ilustración á medicina, nace o termalismo moderno, e os balnearios pasan a ser tamén lugar de socialización.

En Galicia durante a Idade Media boa parte dos mananciais eran propiedade da nobreza ou das ordes relixiosas, e foron ficando en desuso.[2] En 1697 o médico Alfonso Limón Montero cita seis baños galegos na súa obra Espejo cristalino de las aguas de España: os de Ourense, Lugo, Prexigueiro, Cuntis, Caldas de Reis e Baños de Molgas.

Balneario Acuña en Caldas de Reis.

O termalismo moderno xurdiu en Galicia logo da Desamortización. Algúns balnearios propiedade de mosteiros pasaron ao Estado, que os transferiu aos Concellos, e estes á súa vez a mans privadas a través de concesións públicas co compromiso da mellora das instalacións. Ao tempo, outras fontes foron reclamadas co precepto de res nullius. A iniciativa privada levou á creación do balneario de Mondariz, da man de Enrique Peinador Vela, así como os da Toxa, Cabreiroá, O Carballiño ou Guitiriz.

Durante a guerra civil española algúns balnearios galegos funcionaron como hospitais, e o desleixo foi facendo que esmorecesen. Na década de 1980 comezou a recuperación do termalismo galego.[3]

Técnicas e tratamentos

[editar | editar a fonte]

Algunhas das técnicas que se utilizan nos balnearios ademais das piscinas termais son baños con algas, baños con lama, baños de pel de pomelo, inhalación de vapores, hidromasaxe, chorros de auga, circuítos ao contraxeito etc. No caso dos balnearios mariños, o conxunto de técnicas hidrosaudábeis utilizadas coñécese como talasoterapia. En canto aos balnearios e centros spa que empregan o método ayurvédico, os tratamentos aplicados nestes centros teñen como fonte principal o āyurveda, un dos máis antigos e completos sistemas médicos. As instalacións complétanse con outros servizos para o coidado da saúde como masaxes diversas, saunas (turca, finlandesa, vaporarium etc.), raios UVA, solario, ximnasio, camas de auga, tratamentos de beleza etc.

Cando non é posible que estea en lugares onde existan corpos de auga natural termal, utilízanse estanques cheos de auga quentada en caldeiras a gas ou outro combustible. Para os efectos de entretemento, comunmente atópanse nestes lugares escorregadoiros, piscinas de pouca profundidade para nenos, lagos artificiais para remo, estanques con ondas artificiais e ríos de diferentes correntes xeradas tamén de xeito artificial.

Pódese denominar balneario a lugares de descanso e esparexemento non necesariamente próximos ao mar.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]