Saltar ao contido

Praza de Concepción Arenal (Pontevedra)

Praza de Concepción Arenal
A praza de Concepción Arenal en 2023
Tipoloxíapraza
Dimensións
Lonxitude35 m
Largura55 m
Área2 500 m2
Localización
LocalidadePontevedra
Código postal36002
Construción
Completado1908
Inauguración2006 (reforma)

A Praza de Concepción Arenal é unha praza de principios do século XX situada na cidade de Pontevedra, no límite do barrio da Moureira.

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]

A praza debe o seu nome á escritora e activista galega Concepción Arenal (1820-1893), que viviu na cidade de Pontevedra, no número 27 da rúa da Oliva entre 1889 e 1890, onde impulsou un prestixioso faladoiro de intelectuais.[1][2]

A praza creouse a partir da construción da próxima ponte da Barca. O 17 de xullo de 1904, o concello de Pontevedra, con motivo da mellora das comunicacións na zona coa próxima apertura desta ponte sobre o río Lérez e a ría de Pontevedra, propuxo a creación dunha praza na confluencia das rúas Afonso XIII e Ferreiros, en terreos cedidos por José Riestra López, Marqués de Riestra.[3][4]

A praza atopábase nun espazo en expansión da cidade xa que á construción da próxima ponte sumouse a construción do novo cuartel de San Fernando entre 1905 e 1909, cuxa longa fachada lateral na rúa Xeneral Martitegui daba paso cara á nova praza desde a praza de España.[5][6][7][8][1]

As obras da praza finalizaron en 1908, do que deu conta o pleno municipal nunha sesión celebrada o 17 de marzo de 1908, na que se aprobou a denominación de Concepción Arenal para a nova praza.[3]

A praza de Concepción Arenal reformouse na súa totalidade no século XXI, converténdose en semipeonil e configurándose ao redor dunha glorieta central. As obras empezaron en 2005 e concluíron en 2006, sendo reaberta a un tráfico restrinxido o 27 de abril de 2006.[9][10]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A praza, de 2.500 m², ten forma circular irregular e nela conflúen as seis rúas de Afonso XIII, da Barca, Xeneral Martitegui, Ferreiros, Condesa de Pardo Bazán e Jofre de Tenorio.[3][9]

A praza é semipeonil e está configurada cun deseño circular con varios círculos concéntricos no pavimento, cuxo punto central é unha glorieta peonil atravesada por varios camiños, con cinco columnas de proxectores de iluminación, céspede e arboledo.[11][12] Ao redor desta glorieta disponse un único carril circular para vehículos con limitación de velocidade de 20 km/h e que distribúe o limitado tráfico das rúas contiguas.[13] A praza está pavimentada con lastros de cor sepia delimitados por franxas de granito circulares e horizontais que estruturan o deseño. No lado leste da praza sitúase nun nivel máis elevado unha ampla plataforma de granito que actúa como outra pequena praza dentro da praza e que dispón de bancos. Está enmarcada por muros de granito e ofrece no seu lado oeste unha especie de pequeno miradoiro sobre a glorieta, en cuxo muro de peche frontal atópase unha inscrición que lembra á escritora á que está dedicada a praza: "Concepción Arenal 1820-1893. Abride escolas e han pechar os cárceres".[14]

A praza de Concepción Arenal conta con varias árbores: un pradairo xaponés e vexetación na glorieta central e un pradairo vermello e dous pradairos prateados nun extremo da praza empedrada no lado leste.[15]

A praza está rodeada por edificios modernos dunha media de seis e sete alturas, estando dominada na súa parte sur polo Edificio do Colexio Froebel (inicialmente Escolas Froebel).[16] Este edificio cuxa construción se aprobou en 1910, previa adquisición dun soar ao Marqués de Riestra, foi proxectado en 1914 e dedicado ao novo sistema pedagóxico Froebel. As súas obras empezaron en 1924 e finalizaron en 1936. Ten dous pisos e soto e torreóns nos ángulos. Anticipa formas racionalistas e presenta multitude de grandes fiestras simétricas resaltadas en vertical que proporcionan moita luz ás aulas. No interior o edificio ten un gran patio acristalado con soportais perimetrais.[17]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 "La vida de Concepción Arenal en Pontevedra". Faro (en castelán). 10 de marzo de 2013. 
  2. "Cuando Concepción Arenal vivió en Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de decembro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Juega Puig 2000, p. 72.
  4. "Ruta por la Galicia de Concepción Arenal". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de febreiro de 2020. 
  5. "En febrero empezarán las obras de cantería del cuartel de San Fernando". El Diario de Pontevedra (en castelán). 3 de novembro de 1905. 
  6. "Bonifacio Menéndez Conde inspeccionará las obras del nuevo cuartel". El Diario de Pontevedra (en castelán). 10 de outubro de 1908. 
  7. "Ingenieros militares supervisan las obras de San Fernando". El Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de outubro de 1908. 
  8. "Finalizadas las obras del nuevo cuartel de San Fernando". El Diario de Pontevedra (en castelán). 23 de marzo de 1909. 
  9. 9,0 9,1 "La plaza de Concepción Arenal se reabre hoy al tráfico con importantes cambios circulatorios". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de abril de 2006. 
  10. "Pedrosa critica el diseño de la plaza Concepción Arenal". El Correo Gallego (en castelán). 15 de maio de 2006. 
  11. "Nuevo diseño para la plaza de Concepción Arenal". Faro (en castelán). 29 de outubro de 2005. 
  12. "Deciden acondicionar la glorieta de Eduardo Pondal tras 7 años con la rotonda de plástico". Faro (en castelán). 29 de marzo de 2007. 
  13. "El diseño de Concepción Arenal admite todos los sentidos de tráfico". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de xaneiro de 2006. 
  14. "El inicio del asfaltado, programado para mañana". Faro (en castelán). 11 de abril de 2006. 
  15. Blanco Dios & Castro González 2010, p. 41,44,45.
  16. "Plaza de España, Concepción Arenal y calles aledañas". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de novembro de 2004. 
  17. Fontoira Surís 2009, p. 423.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Blanco Dios, Jaime Bernardo; Castro González, Amancio (2010). As árbores da cidade de Pontevedra. Pontevedra: Concello de Pontevedra. p. 41; 44-45. ISBN 978-84-606-5147-5. 
  • Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 423. ISBN 9788484573272. 
  • Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. p. 71-72. ISBN 84-8457-044-4. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]