Estación de autobuses de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′16″N 8°38′14″O / 42.421027777778, -8.6373055555556

Estación de autobuses de Pontevedra
Fachada oeste da estación
SituaciónAvenida da Estación, 10
36003 Pontevedra
Servizosaccesos adaptados
aparcadoiro
ascensores
aseos
carril kiss and ride
cafetería
información
venda de billetes
Intermodalidade
Bus
Liña urbana 1 (vermella)
Liña urbana 2 (azul)[1]
OutrosTaxi
Tren

A Estación de Autobuses de Pontevedra é unha estación de autobuses na cidade de Pontevedra que permite o tráfico de autobuses interurbanos, con destinos nacionais ou internacionais.

Localización[editar | editar a fonte]

A estación de autobuses de Pontevedra está situada na zona sur da cidade, na Avenida da Estación, fronte á estación de ferrocarril, xunto ao río Gafos. Está a 400 metros da circunvalación PO-10 e preto da autoestrada AP-9.

Historia[editar | editar a fonte]

Desde os anos da posguerra, na década de 1940, Pontevedra viña demandando unha estación de autobuses para centralizar o transporte de viaxeiros en autocar, de acordo coa súa condición de capital de provincia. Tras moitas xestións en Madrid, Calixto González-Posada Rodríguez foi o primeiro alcalde da cidade en anunciar a construción da estación. Con todo, o compromiso do goberno español coa súa construción non se materializou, nin nos anos 40 nin nas décadas seguintes.[2]

A falta de estación de autobuses, os autobuses que chegaban a Pontevedra paraban en varias rúas céntricas da cidade como Gutiérrez Mellado (antiga Xeneral Mola), Pastor Díaz, Benito Corbal, Sagasta, Cobián Roffignac, García Camba e a praza de San Xosé.[3]

Finalmente, tras cuestionarse a elección da súa localización pola súa relativa distancia do centro da cidade, a estación de autobuses de Pontevedra construíuse nun terreo fronte á estación de ferrocarril, no seu lado oeste, preto do río Gafos. O enxeñeiro encargado da obra foi o señor Moreno de la Casa. As obras de construción empezaron en decembro de 1976 e duraron dous anos. A estación de autobuses foi inaugurada polo alcalde de Pontevedra Joaquín Queizán Taboada o 4 de decembro de 1978.[4] Con todo, a estación non entrou en funcionamento ata o 24 de novembro de 1980, con dúas plantas, escaleiras mecánicas e varios establecementos comerciais no seu interior. En 2015, as escaleiras mecánicas foron eliminadas e substituídas por dous ascensores con capacidade para 13 persoas cada un.[5][6]

O 13 de xaneiro de 2020, a Xunta de Galicia iniciou a gran reforma da estación de autobuses, cun orzamento de 6 millóns de euros. A fachada, o interior e os sistemas de información foron completamente renovados e recuperouse a cuberta orixinal do edificio, favorecendo un interior luminoso.[7] Tamén se renovaron as dársenas, elimináronse os carrís dos dous accesos rodados que había a ambos os dous lados da fachada principal da estación e construíuse un novo acceso rodado no lado suroeste cara á avenida Josefina Arruti. Ademais, construíuse unha praza peonil fronte á estación e unha nova conexión peonil no lado este coa estación de ferrocarril para fomentar o transporte intermodal de pasaxeiros e recuperouse e axardinouse a zona do río Gafos.[8][9][10]

O novo acceso á estación polo sur entrou en funcionamento o 1 de setembro de 2021.[11] As obras de reforma da estación finalizaron en novembro de 2022.[12][13]

Descrición[editar | editar a fonte]

O edificio da estación de autobuses de Pontevedra ten dúas plantas. A planta superior é accesible desde a praza da Avenida da Estación, a través dunha ampla rampla apta para discapacitados ao longo da parte central da fachada[14] e de escaleiras nos laterais. Nesta planta atópase a entrada, un gran vestíbulo central, unha cafetería,[15][16] as oficinas de xestión e información, os aseos, un gran panel informativo frontal e os ascensores. A planta baixa dá acceso ás 18 dársenas de embarque, dispostas en batería, e conta cunha área de espera exterior.[17]

A fachada está composta por un revestimento branco de chapa de aceiro microperforada, que lle dá un aspecto unificado, e múltiples xanelas. O teito, fiel ao seu deseño orixinal, ofrece moita luz grazas aos múltiples lucernarios. No interior, o amplo vestíbulo da primeira planta benefíciase da luz natural e está dominado por texturas de madeira.[18][19]

Fronte á entrada principal da estación hai unha gran praza peonil pavimentada con árbores, en cuxo lado sur hai unha marquesiña que delimita unha ruta peonil que une a estación de autobuses coa de ferrocarril. Ao oeste da praza, hai unha zona de estacionamento e un carril kiss and ride para os usuarios que chegan á estación en coche ou moto.[20][21]

Servizos[editar | editar a fonte]

A estación de autobuses de Pontevedra está servida por diversas liñas de autobuses. Pontevedra está conectada por autobús coa maioría das cidades de España e Galicia, así como co estranxeiro, incluído o aeroporto do Porto e Francia.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Las nuevas líneas de bus urbano en Pontevedra operarán de 7.15 a 22.30 horas de lunes a domingo". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de setembro de 2021. 
  2. "Cuando la ciudad era una estación de autobuses". Faro (en castelán). 30 de outubro de 2011. 
  3. "Cuando la ciudad era una estación de autobuses". Faro (en castelán). 30 de outubro de 2011. 
  4. "De Autobuses a Intermodal". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de decembro de 2022. 
  5. "Cuando la ciudad era una estación de autobuses". Faro (en castelán). 30 de outubro de 2011. 
  6. "La Xunta prevé rematar en febrero las obras de la estación de autobuses". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de decembro de 2014. 
  7. "La estación intermodal de Pontevedra encara su recta final". Diario de Pontevedra. 19 de outubro de 2022. 
  8. "Comienzan las obras de la estación de autobuses para abrir una intermodal en enero de 2021". Faro (en castelán). 14 de xaneiro de 2020. 
  9. "La estación intermodal entrará en su etapa final con una inversión de 4,26 millones de euros para el próximo año". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2020. 
  10. "Las obras de remodelación de la estación de autobuses de Pontevedra, listas en mayo". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de marzo de 2021. 
  11. "El nuevo acceso a la estación de buses permite destapar ya un tramo del Gafos". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de setembro de 2021. 
  12. "La nueva estación intermodal: seis millones de euros, más espaciosa, luminosa y accesible". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de abril de 2023. 
  13. "Infraestruturas da por rematada la reforma de la estación del bus de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de abril de 2023. 
  14. "Pontevedra estrena su nueva Estación de Autobús, en la que se han invertido 6,5 millones". El Español (en castelán). 1 de abril de 2023. 
  15. "La cafetería de la estación de autobuses de Pontevedra reabrirá en marzo". Diario de Pontevedra (en castelán). 21 de febreiro de 2023. 
  16. "La cafetería de la estación de buses reabre con nueva imagen y otro nombre: Feroz". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de maio de 2023. 
  17. "La nueva estación de bus, antes del Xacobeo". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de xullo de 2019. 
  18. "Finales de junio, fecha de remate de las obras de la estación de buses". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xuño de 2022. 
  19. "La nueva estación de bus, antes del Xacobeo". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de xullo de 2019. 
  20. "Finales de junio, fecha de remate de las obras de la estación de buses". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xuño de 2022. 
  21. "Vía libre a las obras en la estación de autobuses". Diario de Pontevedra (en castelán). 26 de outubro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]