Real Club Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Real Club Coruña
Real Club Coruña histórico.jpg
Real Club Coruña.jpg
NomeReal Club Coruña
Alcume(s)Aurinegros, coruñistas
Fundación1904
Desaparición1919
EstadioCampo de Monelos
Oza, A Coruña, Galicia Galicia
Na casa

O Real Club Coruña foi un club de fútbol galego da cidade da Coruña. Foi fundado en 1904 e desapareceu en 1919.[1] O club coruñés foi o primeiro de España en conseguir o título de "Real", despois de que Afonso XIII aceptase a presidencia de honra en 1908,[2] e chegou a ser o club de fútbol con máis socios de España, por diante do FC Barcelona. Os aurinegros xogaban os seus encontros como locais no campo de Monelos, situado no antigo veciño concello de Oza, anexionado ó da Coruña en 1912.

Historia[editar | editar a fonte]

Copa Coruña-Deportivo, trofeo amigábel disputado en 1913 entre o R.C. Deportivo e o R.C. Coruña.

A diferenza do acontecido na maioría da península, o fútbol non chegou á cidade da Coruña a través dos ingleses, senón que foi introducido por Jose María Abalo Abad, un estudante coruñés que coñeceu o novo deporte durante a súa estadía no Reino Unido e á súa volta á cidade herculina decidiu procurar persoas interesadas en deprende-las regras e practicalo. Malia que nun principio os voluntarios escaseaban, Abalo consegue contar cun grupo de xogadores en 1903, na súa maioría procedentes da Sala de Armas Calvet.

O Corunna Foot-ball Club, con nome en inglés no seus comezos, levou a cabo os seus primeiros adestramentos na Praza de Touros da cidade, e disputou formalmente o seu primeiro encontro o 24 de marzo de 1904 ante a tripulación do buque inglés Diligent no Corralón da Gaiteira, obtendo a vitoria o equipo local por 3-0. O Corunna Foot-ball Club, que vestía camisola amarela e negra con pantalón branco, mudou cedo o seu nome polo de Coruña Fútbol Club. Ó non haber rivais na cidade, tivo que procuralos fóra, sendo os seus rivais máis habituais nesta etapa o Vigo F.C. e o Fortuna F.C..

En 1906, o Coruña interveu nun feito destacado da historia deportiva da cidade. Moitos dos integrantes do Coruña frecuentaban a Sala de Armas Calvet, o principal centro deportivo da cidade, no cal se ofrecía un variado número de disciplinas deportivas. Un grupo de alumnos doutras disciplinas liderado por Federico Fernández-Amor Calvet (dono do ximnasio), desafía os membros do Coruña FC a dous partidos que se xogarían o 9 e o 10 de decembro de 1906. O resultado dos encontros foi sorprendentemente favorábel para os atletas, que se impuxeron cun 2-1 no primeiro partido e empataron o segundo encontro cun 1-1. O afervoamento desatado pola vitoria fixo que os alumnos fosen máis alén e fundasen o seu propio club, o Club Deportivo da Sala Calvet, que logo mudaría o seu nome polo de Real Club Deportivo da Coruña.

Dende o principio ámbalas dúas entidades mantiveron unha gran rivalidade, en parte alimentada pola súa distinta vocación social, pois o Deportivo aceptaba nas súas filas a todo tipo de grupos sociais (aínda que era preciso ser membro da Sala Calvet, co pago da súa cota correspondente) e o Coruña era considerado o equipo das clases acomodadas da cidade. Con todo, en 1912 o Coruña era o club de fútbol con máis socios de España (700), por riba do FC Barcelona (531).[3]

Durante os anos seguintes, a rivalidade entre ámbolos dous clubs continuou a se acrecentar, producíndose unha serie de altercados nos partidos nos que se enfrontaban entre si os dous clubs, momento no que a directiva do Deportivo tomou a decisión de non volver xogar máis contra os coruñistas. Isto non gustou nada ós xogadores do Deportivo, que decidiron abandona-lo club e forma-lo Deportivo Auténtico.

O Real Club Coruña non foi ser capaz de se adaptar ó semiprofesionalismo que comezaba a proliferar a mediados da década dos dez, desaparecendo en 1919 pola falta de interese e a marcha de xogadores.[4]

O plantel do equipo en 1910 estaba formado polo gardameta Eduardo Guardado, os defensas Juan Long e Joaquín Pérez, os medios Enrique Iribarren, Julián López e José P. Pombo, e os dianteiros Quincho Yarza, Joaquín Caruncho, White, Gumersindo Varela e Carlos Monasterio.[5]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Futbolteca (ed.). "Historia del RC Deportivo de La Coruña" (en castelán). 
  2. CIHEFE (ed.). "El archivo general de palacio y el fútbol español: los clubs" (en castelán). 
  3. Barba, Alejandro (1912). Foot Ball, Basse Ball y Lawn Tennis (en castelán). Soler. pp. 91–112. 
  4. "Historia y actualidad deportiva de Galicia". La Noche nº 8.791 (en castelán). 25 de xullo de 1949. p. 7. 
  5. "El fútbol en La Coruña hace 20 años". El Balón (en castelán). 16 de xuño de 1930. p. 6. Consultado o 16 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]