En 1929 xorde a idea de crear o club, cando en Vilalba xa existía un equipo de fútbol, o Sporting Vilalbés. O 1 de novembro de 1931 constituíuse o Racing Club Vilalbés, que cambiaría o seu nome polo de Club Villalbés entre 1940 e 1965.
Na tempada 1991/92 prodúcese o primeiro ascenso do Racing a Terceira División, categoría que perdeu tres tempadas máis tarde. Na tempada 1998/99 volve ascender e xoga en Terceira durante catro anos. O equipo volveu á categoría na tempada 2008/09, acadando o cuarto posto na tempada 2010/11, quedando clasificado para a fase de ascenso a Segunda División B. No playoff quedou eliminado na primeira fase polo Alhaurín de la Torre CF.