Estilo manuelino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro dos Xerónimos de Belén, o exemplo máis emblemático da arquitectura manuelina, encargado polo rei Manuel I pouco despois de que Vasco da Gama[1] regresase da India, en 1502, a Santa María de Belén, Lisboa.

O estilo manuelino,[2] tamén chamado gótico portugués tardío, flamíxero[3] ou flamejante, é un estilo decorativo e escultórico aplicado á arquitectura e ao mobiliario que se desenvolveu no reinado de D. Manuel I e continuou até despois da súa morte, aínda que xa existía dende o reinado do rei Xoán II. Trátase dunha variación portuguesa do gótico tardío, así como da arte luso-mourisca ou arte mudéxar, marcada por unha sistematización dos seus propios grandes motivos iconográficos, simbolizando o poder real. Posteriormente incorporou ornamentación do Renacemento italiano. O termo "manuelino" foi creado por Francisco Adolfo Varnhagen na súa Noticia histórica e descritiva do mosteiro de Belém de 1842.

O estilo desenvolveuse nun momento propicio da economía portuguesa e deixou pegada por todo o territorio portugués e mesmo fóra de Portugal.

Características[editar | editar a fonte]

Columna no claustro do mosteiro dos Xerónimos.

A característica dominante do manuelino é a exuberancia das formas e unha forte interpretación naturalista-simbólica de temas orixinais, eruditos ou tradicionais. A xanela, tanto nos edificios relixiosos como seculares, é un dos elementos arquitectónicos onde mellor se pode obvervar este estilo. Estes motivos aparecen en construcións, picotas (pelourinhos), túmulos ou mesmo pezas artísticas, como en ourivaría, das que a Custodia de Belém é un exemplo.

O conxunto decorativo dun elemento escultórico manuelino preséntase case sempre como un discurso de pedra, onde se cruzan diversos elementos e referencias (pansemiose, "todos os significados"), como a simboloxía cristiá, a alquimia, a tradición popular etc. O contexto pode ser moralizador, alegórico, xocoso (ao sinalar defectos humanos ou detalles obscenos, como a referencia sexual nunha gárgola no exterior da capela de São Nicolau, en Guimarães), esotérico ou, simplemente, propagandístico en relación a ao poder imperial de D. Manuel I. Nótese que esta simboloxía tamén está moi ligada á heráldica.

Os motivos máis frecuentes da arquitectura manuelina son a esfera armilar, conferida como lema por D. Xoán II ao seu curmán e cuñado, o futuro rei D. Manuel I, interpretado posteriormente como signo dun plan divino para o reinado de D. Manuel, a Cruz da Orde de Cristo e elementos naturalistas: corais, algas, alcachofas, piñas, animais varios e elementos fantásticos: Ouroboros, sereas, gárgolas.

Simbolismo[editar | editar a fonte]

Iluminación da época manuelina do Livro 3 Místicos, Torre do Tombo.

O discurso artístico presente neste estilo aínda que comezou a construírse antes do reinado de D. Manuel, tivo unha influencia considerábel na propia personalidade do monarca, das súas aspiracións no contexto mundial, en particular no proxecto dunha cruzada que unificaría o mundo cristián occidental co mítico reino cristián oriental do Preste Xoán, converténdoo no "Rei dos mares" (e, de feito, así o designaron varios autores estranxeiros). Dese tempo son as exploracións de Tristão da Cunha e Joan da Nova e a embaixada de Miguel da Silva en Roma.

O estilo manuelino transmite en boa medida estas aspiracións mesiánicas dun rei cuxo ascenso ao poder foi, cando menos, insólito, tras a morte seguida doutros herdeiros directos ao trono (como o príncipe D. Afonso e o seu irmán, D. Diogo, asasinado). Porén, dende a interpretación dada á expresión Spera Mundi, na esfera armilar, que lle foi concedida como lema, até a interpretación do seu propio nome, Emanuel ("Deus connosco", en hebreo), dada pola súa nai cando naceu, despois dun longo e penoso parto que só rematou cando pasaba a procesión do Corpus na rúa, había varios “sinais” que indicaban que este rei fora “Escollido” para grandes feitos. A propia concepción política deste rei, influenciada polo seu mentor Diogo Rebelo e polo joaquinismo, faríalle crer que estaba destinado a fundar o Quinto Imperio da Profecía de Daniel.

Estas referencias mesiánicas e apocalípticas tamén están presentes na pintura (como nos frescos das Casas Pintadas, en Évora e na Aparición de Cristo á Virxe de Jorge Afonso). Un claro exemplo aparece tamén na representación do rei e da raíña D. María, en primeiro plano, no cadro Fons Vitae, pertencente á Misericordia do Porto, dun pintor anónimo pero segundo algúns de Colijn de Coter, nunha escena da crucifixión e onde o sangue de Cristo desemboca nun xigantesco Graal.

Principais autores[editar | editar a fonte]

No Norte de Portugal, os principais autores deste estilo, procedentes da Galiza ou Biscaia, foron Tomé de Tolosa, Francisco Fial e Pêro Galego,[4] que participaron na creación da igrexa matriz de Caminha, ademais de João de Vargas e João de Parmenes, que traballou xunto co portugués João Lopes na sé catedral de Lamego. O cántabro Juan de Castillo (João de Castilho), responsábel da galilea e do presbiterio da catedral de Braga, tamén deixou pegada no mosteiro dos Xerónimos, destacando a figura de Diogo Boitaca, creador do mosteiro de Xesús en Setúbal. O centro de Portugal conta tamén coa notable obra de Mateus Fernandes, ben representada no portal das Capelas Imperfeitas, no mosteiro de Batalha.

Aínda se fala dun manuelino de segunda xeración, tras o repunte económico de Portugal, como consecuencia dos descubrimentos. Castillo, Boitaca e os irmáns Francisco e Diogo de Arruda, que proxectaron a Torre de Belém, son os seus principais representantes.

Tamén están os nomes de Manuel Pires, João Favacho, Pêro e Filipe Rodrigues, Álvaro Rodrigues, André Pires, João Dias, Diogo Pires, o Moço, entre outros.

A arquitectura manuelina[editar | editar a fonte]

Torre de Belém en Lisboa, iniciada en 1514 durante o reinado de Manuel I de Portugal (1495-1521), con Francisco de Arruda como arquitecto.

Esta tendencia artística era coñecida, no seu momento, como a variante portuguesa da arquitectura ad modum Yspaniae (de estilo hispánico) que, á súa vez, se incluía na corrente arquitectónica "ao moderno" —expresión empregada para o gótico tardío onde existía tamén a variante, por exemplo, ao modo tudesco ou alemán na entón nova arquitectura nórdica. Esta corrente opoñíase á arquitectura á antiga vía ou ao romano.

En xeral, pouco muda en relación coa estrutura formal do gótico e plateresco alemáns. O alzado interior das igrexas mantense mediante a orientación leste-oeste, a planta, os sistemas de soporte e cubrición, o cálculo de proporcións. As naves da mesma altura, influencia das igrexa-salón alemás, de cinco tramos, ausencia de cruceiro e cabeceiras rectangulares son as principais características diferenciais. A pesar de ser esencialmente ornamental, o manuelino tamén se caracteriza pola aplicación de determinadas fórmulas técnicas da época, como as bóvedas con nervios polinervados a partir de ménsulas.

Na compoñente civil destacan os pazos, como o Pazo de D. Manuel, en Évora, e solares rurais, como a Solar de Sempre Noiva, en Arraiolos, todas elas de planta rectangular. E na tipoloxía militar, a principal referencia é o baluarte do Restelo, a Torre de Belén. Un dos primeiros baluartes de artillaría do país, rompendo coa tradición do torreón, a súa planta rectangular solápase cunha base poliédrica, que penetra no río Texo. A forma rectangular da planta oponse á decoración esculpida curvilínea.

Escultura e motivos ornamentais[editar | editar a fonte]

A fiestra do Capítulo do Convento de Cristo en Tomar é unha das obras máis referidas neste estilo.

Os motivos másis importantes da arquitectura manuelina son:

  • Símbolos nacionais :
    • A esfera armilar ("a esfera dos matemáticos " conferida como lema por D. Xoán II ao seu curmán e cuñado, D. Manuel (futuro rei D. Manuel I), quen, tendo escrito no meridiano " Sphera Mundi " - Esfera do Mundo - foi interpretado posteriormente como signo dun deseño divino para o reinado de D. Manuel que se presenta nos motivos artísticos do estilo como " Esperança do Mundo", como tamén podería ser interpretada a expresión alí inscrita). Ás veces amosaba tamén no Zodíaco as siglas latinas do lema ou motto persoal deste rei: Manuel Orbis Rex Est (MORE) ou Manuel Rex Orbis Est (MROE);
    • A Cruz da Orde de Cristo ;
    • Escudo nacional.
  • Elementos naturalistas :
    • Corais ;
    • Algas ;
    • Guizeiras (axóuxeres);
    • Árbores secas. Tamén aparecen no gótico tardío de Europa Central, empregando o termo "astwerk " para describir o seu uso. Son, polo tanto, un elemento característico do tardo-gótico e remiten á estética franciscana, cun carácter marcadamente naturalista e austero. Por outra banda, é un elemento que foi empregado polos detractores do gótico que consideraban o estilo bárbaro e primitivo -estéril como unha árbore seca. As súas raíces e troncos nodosos teñen unha notable presenza no Mosteiro de Alcobaça, na fiestra do Capítulo de Tomar, sobre o busto traseiro; na Igrexa de Vilar de Frades ou no Paço de Sintra ;
    • Alcachofas (símbolo de rexeneración e resurrección -por iso se queiman nas festas de San Xoán á espera de que volvan reverdecer e florecer);
    • Follas de loureiro, como no Claustro de D. Xoán I, no Mosteiro de Batalha;
    • Granadas, milgrandeiras (como nas portas laterais da Igrexa Matriz da Golegã -símbolo de fertilidade, pola gran cantidade de sementes que conteñen);
    • Follas de hedra;
    • Piñas (fertilidade e/ou inmortalidade -algunhas veces interpretadas como mazarocas ou espigas de millo)- son visíbeis, por exemplo, no portal da Igrexa Matriz da Golegã;
    • Caracois ou cunchas de nautilos (como na Igrexa de Vestiaria, en Alcobaça ; ou na entrada das Capelas Imperfectas, no Mosteiro de Batalha, simbolizando quizais a lentitude da obra);
    • Animais diversos;
    • Putti (meniños).
  • Elementos fantásticos :
    • Ouroboros (a serpe que morde a súa propia cola: símbolo do Universo: a unión do principio e do fin);
    • Sereas (motivo de arte profano, quizais fosen unha referencia a varias palabras semellantes e á simboloxía asociada: serán, ou a época na que se producía o ciclo produtivo do cardado da la, serenata, ritual de cortexo ligado ao pecado da carne, como en serrallo, etc.);
    • Monstros (principalmente gárgolas, pero tamén outros como dragóns e animais coa boca aberta, que devoran o seu propio corpo);
    • Orellas (cabezas cunhas orellas infrecuentemente grandes, como no posto de Santa Cruz de Coímbra);
    • Animais que realizan accións humanas, nunha perspectiva carnavalesca, como tocar instrumentos musicais.
  • Simboloxía cristiá :
  • Outros motivos :
    • As cordas e cabos entrelazados, a miúdo facendo nós, como na Catedral de Viseu, na Torre de Belém ou na Casa dos Alpoins, en Coímbra;
    • Redes;
    • Cintos con grandes fibelas, como no Coro do Convento de Cristo, en Tomar;
    • Medias esferas, como na Igrexa da Conceição, en Beja;
    • Pináculos cónicos ou cogullos con cogomelos de diferentes formas;
    • columnas retorcidas (como no portal da Igrexa Matriz da Golegã ou na Sé da Guarda);
    • Cadeas ou correntes, como na arquivolta do portal principal da Casa de Sub-Ripas, en Coímbra;
    • Bustos de personaxes históricos;
    • Cabezas de bebés ou infantes (nenos);
    • Deseños finos, semellantes aos da prata da coroa de Castela da época;
    • Referencias á cestería.

Obras principais[editar | editar a fonte]

Interior da Igrexa dos Xerónimos.
Claustro, Mosteiro dos Xerónimos.
Igrexa Matriz da Golegã, cuxo portal é un dos máis característicos do estilo manuelino.
Santa María a Maior, en Pontevedra, con influencias manuelinas, é un exemplo do estilo fóra de Portugal

Entre as obras máis salientables do manuelino, temos que mencionar:

  • No norte de Portugal, onde está presente desde o inicio do século XVI e onde son características dominantes a decoración ao estilo "flamejante" e as Igrexas divididas en tres naves:
  • No centro de Portugal:
    • Igrexa do Mosteiro de Santa Cruz de Coímbra; (túmulos, igrexa, claustro);
    • Sé Nova de Coímbra, (pía bautismal);
    • Capela de São Miguel, Universidade de Coímbra;
    • Sé da Guarda, piares torsos no interior e entrada lateral;
    • Convento de Cristo de Tomar, onde sobresae a xanela do Capítulo;
    • Igrexa de San Xoán Bautista de Tomar;
    • Igrexa Matriz da Golegã;
    • Cruceiro do Cartaxo;
    • Determinadas partes do Mosteiro de Santa Maria da Vitória (ou da Batalha) (Patrimonio da Humanidade da UNESCO);
    • O arco triunfal da Igrexa de Nossa Senhora do Pópulo, en Caldas da Rainha;
    • A Sala dos Brasões e xanelas no Pazo Real de Sintra;
    • Quinta de Ribafria, en Sintra;
    • Mosteiro dos Xerónimos, en Lisboa (Patrimonio da Humanidade da UNESCO);
    • Torre de Belém, en Lisboa (Patrimonio da Humanidade da UNESCO);
    • Convento da Madre de Deus, Lisboa;
    • Igrexa da Conceição Velha, Lisboa;
    • Portal da Igrexa da Madalena, Lisboa;
    • Capela dos Xerónimos, Lisboa;
    • Hospital Real de Todos-os-Santos, Lisboa (destruído no Terremoto de 1755);
    • Igrexa do antigo Mosteiro de Jesus, en Setúbal;
    • Entrada lateral da Igrexa de S. Julião, Setúbal.
  • No Sur de Portugal:
    • Igrexa de São Francisco, en Évora;
    • Convento dos Loios, Évora;
    • Pazo de D. Manuel I, Évora;
    • Castelo de Évora-monte, concello de Estremoz;
    • Igrexa Matriz de Viana do Alentejo;
    • Igrexa Matriz do Torrão, Alcácer do Sal;
    • Ermida de Nossa Senhora das Salvas, Sines;
    • Igrexa Matriz de Moura;
    • Igrexa Matriz de Monchique, nunha das mais características variantes locais do estilo;
    • Igrexa Matriz da Luz de Tavira - Tavira, Algarve;
    • Igrexa Matriz de Odiáxere, ben característica do chamado Manuelino de Lagos;
    • Igrexa da Misericórdia de Loulé;
  • Nas Rexións Autónomas:
    • Sé do Funchal, no Funchal (Madeira);
    • Quinta das Cruzes, no Funchal (Madeira);
    • Igrexa Matriz de Ponta Delgada (Azores);
    • Xanela da Câmara Municipal da Ribeira Grande, São Miguel, Açores;
  • O Estilo tamén se fai notar fora de Portugal, en antigas colonias e prazas fortes:
    • No actual Marrocos:
      • Cisterna Portuguesa e Igrexa da Assunção de Mazagão (actual El-Jadida) (Patrimonio da Humanidade da UNESCO);
      • Antiga Catedral de Safim (actual Safi).
    • En Cabo Verde:
      • Pelourinho e outros elementos da antiga Ribeira Grande (patrimonio da Humanidade da UNESCO).
    • En Mozambique:
      • Capela de Nossa Senhora do Baluarte, na Illa de Mozambique (Patrimonio da Humanidade da UNESCO);
      • Palácio de São Paulo, na Illa de Mozambique (patrimonio da Humanidade da UNESCO).
    • No Estado da India portuguesa, na actual India:
      • Igrexa do Priorado do Rosário, en Goa (patrimonio da Humanidade da UNESCO);
      • Igrexa de São Francisco, en Goa (patrimonio da Humanidade da UNESCO);
      • Fortaleza de Diu.
    • No Omán:
      • Partes da Fortaleza de al-Jalali, en Mascate;
      • Forte de Caçapo, na península de Moçandão (Musandán).
    • No Irán:
    • En Bahrain:
      • ruínas da capela do forte de Qala'at al-Bahrain.
  • Dunha forma mais esporádica, tamén aparece en partes do reino de Castela e antigas colonias onde exerceran frades-arquitectos portugueses, como no caso de México:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Vasco da Gama". Wikipédia, a enciclopédia livre (en portugués). 2020-04-07. 
  2. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2022-02-01. 
  3. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2022-02-01. 
  4. "Principais autores do Estilo Manuelino". Estilo Manuelino. Consultado o 2022-01-31. 
  5. Bélok. "Basílica de Santa María la Mayor (Pontevedra)" (en castelán). Consultado o 2022-02-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]