Cornielles de Holanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cornelis de Holanda»)
Infotaula de personaCornielles de Holanda
Biografía
Nacemento1495 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata
Morte1547 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (51/52 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadePaíses Baixos Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor Editar o valor em Wikidata

Cornielles de Holanda, chamado tamén Cornelis de Holanda, foi un escultor do século XVI de orixe flamenga que traballou en Galiza.

Obras[editar | editar a fonte]

Parte superior da fachada da basílica de Santa María A Maior de Pontevedra.

En 1520 realizou o retablo da capela maior da catedral de Ourense. A peza ten cinco corpos e seis columnas, representando escenas da vida de Xesús Cristo e a Virxe María. Destacan as esculturas da columna central de tres corpos, correspondentes a San Martiño, a Asunción da Virxe e a Piedade.

Na igrexa de Santiago de Betanzos fixo a capela de San Pedro e San Pablo, tamén chamada do Arcediago, por ser encargada polo arcediago Pedro López de Ben. O retablo, de estilo plateresco, encaixa coa bóveda de estilo gótico tardío atribuída a Guillén de Bourse. O conxunto complétase cos sepulcros do fundador e outros familiares e unha reixa gótica de ferro fundido atribuída tamén a Cornelis.

Na catedral de Lugo construíu o retablo do altar maior, que sufriu graves danos no terremoto de Lisboa de 1755; os dous fragmentos maiores salvados encóntranse colocados nos extremos da nave do cruceiro do templo.

Na basílica de Santa María a Maior de Pontevedra, aparece documentada a súa presenza a partir de 1538, cando deu poder a Sebastián Barros para «labrar e hedificar» na nave do lado nordeste. Participou na portada sur con Jácome García e en 1540 iniciou a gran fachada principal en colaboración co mestre de obras da catedral, o portugués João Nobre «para hacerla entrambos a dos de por medio»[1]. A fachada está construída a xeito de retablo con tres corpos e numerosas figuras escultóricas, similar á custodia da catedral de Santiago realizada por Enrique de Arfe. No Museo de Pontevedra hai unha imaxe de San Sebastián atribuída a Cornelis[2].

Deseñou tamén a capela da Concepción da catedral de Santiago de Compostela e a capela do Hospital Real de Santiago.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Castillo Fondevila (1998), p. 568
  2. Castillo Fondevila (1998), p. 569

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]