Saltar ao contido

Nosa Señora de Covadonga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nosa Señora de Covadonga
Imaxe
 Instancia de
Localización
43°18′32″N 5°03′15″O / 43.308913, -5.054043
Wikidata C:Commons

A Virxe de Covadonga, coñecida popularmente como A Santina, é unha imaxe da Virxe María que se atopa nunha cova en Covadonga, no concello de Cangas de Onís, Principado de Asturias. É a patroa de Asturias e unha das sete Patroas das comunidades autónomas de España.

Segundo a tradición, a Virxe axudou aos cristiáns capitaneados por Paio, provocando un desprendemento de rochas na coñecida como batalla de Covadonga, que minguou o exército árabe. Esta vitoria é lendariamente considerada como o inicio da Reconquista e a reinstauración dos reis cristiáns na Península.

A imaxe primitiva perdeuse nun incendio. A actual talla data do século XVI e foi doada ao Santuario pola Catedral de Oviedo en 1778.

É unha talla policromada cuberta de vestiduras e manto, aínda que foi concibida para mostrarse sen a roupaxe e o manto está pintado sobre a madeira nunha cor azul verdoso adornado con flores vermellas. A capa é de cor avermellada cos bordos dourados, así como o cinto e os baixos do faldrón tallados na escultura. A Virxe sostén ao Neno Xesús na súa man esquerda e na dereita suxeita unha rosa de ouro. Sobre a súa cabeza, unha coroa dourada con perlas nas súas arestas e brillantes incrustados. Do arco que describe a parte superior da coroa pende unha pomba representando ao Espírito Santo, rodeada dun círculo de brillantes.

O Neno Xesús actual foi colocado no ano 1704, sobre a man esquerda da Nai. Ao longo do tempo a imaxe foi obxecto de restauracións e modificacións. Así, o conxunto foi retocado en 1820; reaxustouse en 1874. Tras ser roubada e recuperada durante o período da Guerra Civil foi restaurada polo Instituto Nacional de Conservación e Restauración da Dirección Xeral de Belas Artes en 1971 e 1986.

A actual imaxe de Covadonga estivo na próxima capela da Colexiata de San Fernando desde 1778 ata 1820, en que foi levada á Cova, onde se habilitara unha pequena capela para a súa custodia.

Foi coroada canonicamente en 1918, coincidindo co duodécimo centenario da histórica batalla de Covadonga. Por este motivo a talla da Virxe de Covadonga foi unha das primeiras imaxes marianas de España en recibir a Coroación canónica, xunto á Virxe de Montserrat (Patroa de Cataluña), a Virxe da Candeloria (Patroa das Canarias), a Virxe de Guadalupe (Patroa de Estremadura) e a Virxe dos Desamparados (Patroa da Comunidade Valenciana), entre outras.

Os días 21 e 22 de agosto do ano 1989 o papa Xoán Paulo II visitou o santuario e rezou e oficiou misa na Santa Cova de Covadonga.[1]

Roubo da imaxe

[editar | editar a fonte]

A imaxe da Santina foi roubada da súa cova e levada a París en 1939, aínda que non foi obxecto de profanación algunha. Terminada a Guerra, fíxose cargo da Embaixada española en París o doutor Pedro Abadal, quen comunicou o achado da imaxe en París e o mesmo trasladou a imaxe no seu coche pechado desde a embaixada de España onde foi atopada ata a fronteira con España.

O día 11 de xuño de 1939 entraba triunfalmente en España a imaxe da Santina. A cidade de Irún dispoñíase a recibila cunha extrema exaltación de relixiosidade. O mesmo entusiasmo suscitou a Santa Imaxe en Donostia, Loyola, Arrasate, Vitoria, Valladolid e León. O día 13 chegaba a Asturias entrando por Pajares.

Pasou nove días na Catedral de Oviedo, visitou Xixón, Avilés e varios pobos ata que por fin chegou a Covadonga onde con grande entusiasmo sería entronizada. Foi recibida no chamado campo do Repelao polo Cabido da Colexiata o 6 de agosto, depositándose a imaxe da Virxe na Santa Cova de Covadonga á unha e media da tarde.

  1. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de maio de 2014. Consultado o 06 de xuño de 2013.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]