Paulo de Tarso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
San Paulo
Saint Paul in Holy Stavronikita Monastery.jpg
Biografía
Nacemento arredor do ano 9 en Tarso (actual Turquía)
Pasamento arredor do ano 67 en Roma
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a en Maioría das confesións cristiás
Festividade 29 de xuño (martirio xunto a San Pedro)
25 de xaneiro (conversión)
Santuario principal Basílica de San Paulo Extramuros, Roma
Atributos espada
Patrón/a de teólogos, misións
Retrato de Paulo de Tarso, de Velázquez.

Paulo de Tarso, nado en Tarso cara o ano 10 e finado en Roma arredor do ano 67, foi un predicador, o primeiro gran difusor do cristianismo entre os non xudeus ou xentís. O seu nome xudeu era Saulo. Adoita aparecer representado calvo e coa espada coa que foi decapitado.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu probablemente en Cilicia (actual Turquía). Era un xudeu da seita dos fariseos, de cultura helenística e cidadán de Roma. Adicábase, como o seu pai, á fabricación de tendas de campaña, oficio que realizou toda a súa vida. Aos 19 anos recibiu na propia Xerusalén formación xudía farisea por parte do coñecido rabí Gamaliel.

Tras a proclamación por parte dun grupo de galileos de que Xesús de Nazaret, un predicador itinerante que anunciara o reino de Deus, resucitara tras ser crucificado por Poncio Pilatos, pasou a ser un acérrimo perseguidor desa nova crenza, incompatible coa súa adhesión ao fariseísmo. Participou na lapidación de Santo Estevo e acadou do Sumo Sacerdote, no ano 34, a encomenda de ir a Damasco na busca e captura dos cristiáns residentes nesa cidade. No camiño de Damasco, produciuse un accidente que lle privou da vista e supuxo a súa conversión á fe en Xesús de Nazaret como o Mesías agardado polo seu pobo.

Pasou un tempo formándose na casa de Ananías e, tras recuperar a vista, comezou a proclamar con entusiasmo e a fe que anteriormente denostara. Así o fixo na propia Damasco, onde sufriu persecución, e na provincia romana de Arabia. Xunto con Bernabeu, no ano 45, iniciou unha viaxe misioneira onde se produciu a conversión dun importante número de non xudeus. Percorreon Cilicia, Chipre e Pisidia.

No primeiro concilio na cidade de Xerusalén, houberon de dar conta da nova situación da conversión dos pagáns ao irmán de Xesús Santiago o Xusto, xefe da Igrexa desa cidade. Recibiran severas condenas por non esixir aos conversos a adhesión á Lei de Moisés e propiciar unha ruptura co xudaísmo, pero o concilio decidiu ao seu favor ao entender que non se podía poñer límites á libre acción do Espírito Santo.

No ano 50, emprendeu a segunda viaxe misional por Asia Menor, Macedonia e Grecia, permanecendo en Corinto máis dun ano. No ano 54, realizou a terceira viaxe polas mesmas áreas xeográficas.

Alí por onde pasaba ían creándose comunidades cristiás entre xentes xeralmente desfavorecidas e incultas reunidas ao redor do anuncio e a celebración da salvación gratuíta ofrecida por Deus a través de Xesús a todos os homes.

Aínda que non cuestionou a autoridade imperial, proclamou a Xesús como o auténtico e único kirios (Señor) do universo, en quen non había acepción de persoas (nin xudeu nin pagán, ni home nin muller, nin escravo nin libre), como o unxido (Christos) por Deus como Mesías prometido non só para os xudeus senón para todos os pobos da terra. Isto concitoulle incomprensións, aldraxes, persecucións, maltratos, torturas, intentos de asasinato e a prisión en Antioquía e Roma. El mesmo deu testemuño dun enfrontamento co mesmo Pedro, papa a quen acusou de contemporizar cos xudaizantes influentes que tentaban impoñer a Lei de Moisés aos cristiáns non israelitas. Cando era levado prisioneiro a Roma, sufriu un naufraxio que lle permitiu anunciar o Evanxeo en Malta.

Fiel á súa fe ata o final, foi decapitado por sentenza imperial ao redor do ano 67, no contesto da persecución de Nerón. O suposto lugar da súa sepultura está ocupado dende o século IV pola basílica de San Paulo Extramuros, unha das sete igrexas de peregrinación de Roma.

Influencia[editar | editar a fonte]

Mantivo correspondencia coas comunidades que ía fundando. Algunhas destas cartas, escritas en grego koiné están consideradas entre os documentos máis influentes da civilización occidental e son os primeiros testemuños escritos do cristianismo. Todas elas forman parte do Novo Testamento e os Pais da Igrexa entenderon que eran fonte de revelación e expresión da Palabra de Deus, o que explica a súa inclusión na Biblia de todas as Igrexas cristiás sen excepción. Estas danlle o título de apóstolo aínda que non coñecera a Xesús en vida. A única Igrexa na que as ideas paulinas semellan non ter callado é a Igrexa Etíope Tewahedo, onde seguen en vigor moitas prácticas do xudaísmo.

Tivo contactos con Pedro, Santiago e Xoán o Evanxelista.

Sen as cartas de Paulo de Tarso non se entende a filosofía de Agostiño de Hipona, o pensamento medieval europeo, o xansenismo, o movemento husita ou a doutrina de Martiño Lutero e os demais reformadores do protestantismo.

Pensamento[editar | editar a fonte]

En Paulo de Tarso existe unha fonda raíz xudía; remítese aos patriarcas, particularmente Abraham e ás promesas feitas por Deus a Israel. Na súa cosmovisión apréciase certa influencia da cultura helenística e singularmente do estoicismo nas súas categorías éticas. Con todo, a súa experiencia relixiosa desenvolve nel unhas ideas certamente orixinais que condicionaron o fenómeno histórico do cristianismo.

Para Paulo de Tarso, toda a humanidade está escrava do pecado e a morte. A salvación non ven polo cumprimento da Lei de Moisés senón pola adhesión a Xesucristo (xustificación pola fe) aceptando nel o amor gratuíto de Deus (graza).(Rom. 3, 21-26). Ese Deus identifícase coa divindade única e exclusiva do xudaísmo e é a divindade descoñecida que *arelaban os pagáns.

Ese amor, manifestado na morte e resurrección de Xesús, ofrécese aos criminais e pecadores sen distinción de raza, sexo ou condición social. Nada pode afastar ao cristián dese amor (Rom. 8, 31-35) que fai nacer nel diversos carismas en beneficio de toda a comunidade.

O carisma máis importante e o único imprescindible é o ágape (en latín,caritas), (Corintios 13): amor desinteresado e sen límites que supera os desexos da carne (envexa, soberbia, xenreira, celos, lascivia, avaricia) e anticipa neste mundo a Vida Eterna á que os cristiáns están predestinados. Neste sentido, toda a Lei de Deus resúmese no amor ao próximo.(Gálatas 5, 13-15)

Xa non son precisos o Templo dos sacerdotes nin os preceptos rituais e morais, pois en Xesús os homes foron liberados para unha vida nova animada polo Espírito de Deus que lles permite experimentar a Deus como Abba (palabra aramea coa que Xesús designaba a Deus como Pai, e que Paulo non traduce ao grego).(Rom.8, 14-16). O que vive da fe é sacerdote, profeta e rei, e nada domina sobre el.

Xesús é o Christos, en quen o mesmo Deus se baleirou nunha humillación inconcibible, (kenose) abaixándose ata a condición de escravo e asumindo a morte calumniosa da Cruz; agora é, tras a súa resurrección, o Señor do Cosmos e da Historia, e retornará para renovar a Creación enteira destruíndo o pecado e a morte e facendo que todos vivan unha vida plena e feliz en Deus.

Estas concepcións están na base da doutrina da Graza e o pecado orixinal de Agostiño de Hipona, así como na doutrina da xustificación pola fe de Martiño Lutero e da predestinación de Xoán Calvino, eixos do protestantismo; a relativización do autoritarismo relixioso e civil que encerran son a cerna da reforma protestante, do desafío xermano á autoridade imperial, do puritanismo anglosaxón que daría lugar á revolución inglesa e a emancipación americana e son a principal fonte de inspiración do mundo cultural de tradición protestante británico, xermano, nórdico e norteamericano.

Escritos[editar | editar a fonte]

A Conversión de San Paulo, fresco de Juan Bautista Celma na capela da Azucena ou de San Pedro, na Catedral de Santiago de Compostela

O primeiro escrito cristián é a súa primeira carta aos Tesalonicenses. Máis adiante escribiulles unha segunda carta.

Grandes epístolas:

  • Aos romanos
  • I aos Corintios
  • II aos Corintios
  • Aos Gálatas.

Cartas da catividade:

  • Aos Efesios
  • Aos Filipenses
  • Aos Colosenses

Cartas pastorais:

  • I a Timoteo
  • II a Timoteo
  • A Tito
  • A Filemón.

A Carta aos Hebreos, que se acolle a súa autoridade, hoxe en día unanimemente non se considera da súa autoría directa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Paulo de Tarso

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bart D Ehrman. Peter, Paul and Mary Magdalene: The Followers of Jesus in History and Legend; 304 pages, Oxford University Press,
  • Bart D. Ehrman. The New Testament: A Historical Introduction to the Early Christian Writings; 608 pages, Oxford University Press; ISBN 978-0-19-975753-4,
  • Hyam MacCoby. The Mythmaker: Paul and the Invention of Christianity; 238 pages, Barnes & Noble Books (1998); ISBN 978-0-7607-0787-6.