Sífilis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A sífilis ou lúes é unha enfermidade infecciosa de transmisión sexual. Tamén se coñece como gálico ou morbo gálico, así como mal cativo, mal francés, mal español ou mal ruín.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

A enfermidade está producida pola Treponema pallidum, unha espiroqueta (con forma de fío en espiral) pertencente á orde Spirochetales, familia Treponemataceae. Esta bacteria mide de 0,1 a 0,2 micras de grosor e entre 5 e 15 micras de lonxitude.

Transmisión[editar | editar a fonte]

A sífilis transmítese por contaxio directo, a través de relacións sexuais (sífilis adquirida). Tamén se pode difundir da nai ao feto por medio da placenta, neste caso dáselle o nome de sífilis conxénita[1].

Síntomas[editar | editar a fonte]

1º Fase Logo dun período de incubación de 10 días a 6 semanas (a media son 3 semanas), no sitio de inoculación -a boca, o pene, a vaxina ou o ano- preséntase unha bocha non dolorosa que rapidamente se ulcera, converténdose nunha chaga circular ou ovalada de bordo avermellado, parecida a unha ferida aberta, chamada chancro. É característica a súa consistencia cartilaxinosa, con base e bordos duros. Nesta fase tamén aparecen adenopatías [2] rexionais.

2º Fase Pode presentarse medio ano logo da desaparición do chancro e dura de tres a seis meses, provocando ronchas rosáceas indoloras chamadas cravos sifilíticos nas palmas das mans e plantas dos pés (aínda que ás veces poden aparecer noutros sitios como peito, cara ou costas), febre, dor de garganta e de articulacións, perda de peso, caída de cabelo, cefaleas e falta de apetito. Non é común que as lesións na muller sexan tan visibles. Ás veces brotan ao redor dos xenitais e ano unhas erupcións planas chamadas condiloma latum.

3º Fase Na terceira fase (chamada tamén fase final), a sífilis vólvese espertar para atacar directamente ao sistema nervioso ou algún órgano. Nesta fase prodúcense os problemas máis serios e pode chegar a provocar a morte. Algúns dos síntomas son trastornos oculares, cardiopatías, lesións cerebrais, lesións na medula espinal, perda de coordinación das extremidades, aneurisma sifilítico ou luético, etc.

A tolemia causada pola sífilis na súa última etapa foi algunha vez o tipo de demencia máis común.

Tratamento[editar | editar a fonte]

Antigamente tratábase con mercurio, o cal fixo famosa a frase Unha noite con Venus e unha vida con Mercurio, pero este tratamento era máis tóxico que beneficioso e na actualidade utilízase a penicilina e outros antibióticos. Pódese curar facilmente con antibióticos durante a fase primaria e secundaria. A penicilina tamén actúa na última etapa aínda que nese caso debe ser penicilina g-sódica, xa que é a única forma de que se difunda o antibiótico polo líquido cefalorraquídeo, que é onde se atopa a bacteria durante esta última fase. O tratamento con penicilina pode provocar nalgúns pacientes a denominada Reacción de Jarisch-Herxheimer (reacción febril de tipo agudo que con frecuencia vén acompañada por calafríos, febre, náuseas, etc.).

Secuelas[editar | editar a fonte]

Tratada a tempo, a enfermidade ten cura sinxela sen deixar secuelas. Se non se trata a tempo, pode ocasionar demencia, problemas circulatorios, cegueira, parálise, trastornos neurolóxicos, ulceracións na pel. Nalgúns casos, as persoas que supostamente xa obtiveron a cura aínda poden infectar aos demais.

O padecer a sífilis aumenta o risco de contraer outras enfermidades de transmisión sexual (coma o VIH), xa que os chancros son unha vía fácil de entrada do virus no organismo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A sífilis conxénita está practicamente eliminada nos países máis desenvolvidos. Así en Galicia houbo catro casos entre 1997 e 2005 (tres deles de nai inmigrante) fronte aos 68 casos de sífilis só no ano 2005 Boletín Epidemiolóxico de Galicia, Vol. XIX, número 1, 2006 páx. 2 (PDF)
  2. Infartación dos ganglios linfáticos que drenan a zona da inoculación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]