Xoán o Bautista
| San Xoán Bautista | |
|---|---|
| Profeta e Mártir | |
| Nado | arredor do ano 6 aC en Palestina |
| Finado | arredor do ano 36 en Palestina |
| Venerado en | Tódalas confesións cristiás |
| Santuario principal | Igrexa de S. Xoán o Bautista, Xerusalén |
| Festividade | 24 de xuño |
| Atributos | cruz, año |
| Patrón/a de | Xordania |
Xoán Bautista, nado contra o 5 a.C. e finado contra o 30 d.C., foi quen anunciou a chegada do Mesías prometido (de aí o nome de Xoán o Precursor co que tamén se coñece) e bautizouno no río Xordán.
Índice |
Traxectoria [editar]
A vida de Xoán está descrita nos Evanxeos, especialmente no de san Lucas, que detalla os feitos do nacemento, ministerior e morte. Era fillo de Zacarías, un sacerdote, e Isabel, curmán de Xesús e naceu seis meses antes:
7. Non tiñan fillos, porque Elisabet era estéril, e ámbolos dous eran de idade avanzada.
11. E aparecéuselle un anxo do Señor, de pé, á dereita do altar do incenso.
13. Pero o anxo díxolle: Non temas, Zacarías, porque a túa petición foi oída, e a túa dona Elisabet dará a luz un fillo, e chamaralo Xoán.
26. E ó sexto mes, o anxo Gabriel foi enviado por Deus a unha cidade de Galilea chamada Nazaret.
27. a unha virxe desposada cun home que se chamaba Xosé, dos descendentes de David; e o nome da virxe era María.
30. E o anxo díxolle: Non temas, María, porque atopaches graza perante de Deus.
31. E velaquí que concebirás no teu seo e darás a luz un fillo, e poraslle por nome Xesús.
36. E velaquí que a túa parenta Elisabet na súa vellez tamén concebiu un fillo; e este é o sexto mes para ela, a que chamaban estéril.
(Lucas: 5-36)
Xa de mozo retirouse ó deserto para vivir como anacoreta facendo penitencia e ó redor do ano 27 foi á rexión do Xordán, a onde chegou Xesús de Nazaré para ser bautizado. É neste momento cando insiste en que el non é o Mesías esperado polos xudeus senón que a súa misión só é anunciar e preparar a súa chegada: "Eu bautízovos con auga, pero vén quen é máis forte ca min e eu non merezo desanoar as correas das súas sandalias" (Lucas 3:15).
Nas súas prédicas, Xoán denunciou publicamente o comportamento de Herodes Antipas, fillo de Herodes o Grande, por adulterio, pola relación incestuosa que mantiña con Herodías, a súa sobriña, denuncia que provocou que fose detido e levado á cadea de Maqueronte. Outras versións (Flavio Josefo) xustifican a detención en razóns políticas: Herodes tomou esta decisión por medo a que incitase a unha posible rebelión contra el dos seus numerosos seguidores.
En calquera caso, ó cabo de 10 meses foi decapitado por orde de Herodes. Conta a lenda que Salomé, filla de Herodías, foi que pediu a cabeza de Xoán como recompensa por un baile que fixo para o rei.
Culto [editar]
O culto a san Xoán Bautista está amplamante estendido por todo o territorio da igrexa católica, que o considera maior homine, par angelis (máis que un home, semellante ós anxos). A igrexa de Latrán (Roma), cabeza e nai de tódalas igrexas, está dedicada a Xoán, así como os baptisterios de Pisa ou Ravenna, entre outros.
San Xoán Bautista é o patrón dos Cartuxos. Tamén o é dos xastres, dos peleteiros (por ir vestido cunha pel), dos cardadores de la, dos coiteleiros, dos presos no cárcere e dos condenados a morte, e tamén dos músicos. Foi considerado protector das fontes.
Celebración [editar]
A súa festa celébrase conmemorando o seu nacemento, o 24 de xuño, ou a data da súa decapitación, o 29 de agosto.
Evidentemente, non hai seguridade histórica en ningunha das dúas datas. A primeira calcúlase a partir da data aceptada tradicionalmente para o nacemento de Xesús, o 24 de decembro, aceptando como bo que cando o anxo Gabriel anunciou a María a concepción de Xesús, tamén lle dixo que a súa prima Isabel estaba embarazada de seis meses. Nin sequera hai seguridade no ano en que puido suceder isto, xa que distintos autores propoñen para o nacemento de Xesús os anos 2, 4 ou mesmo 7 antes da nosa era.
De calquera xeito, seguramente a orixe da súa festa hai que atopala nas antigas celebracións do solsticio de verán. Igual que o solsticio de inverno se cristianizou coa celebración do nacemento de Xesús, o de verán converteuse na festa do precursor. O que non é obstáculo para que baixo o nome dunha festa cristiá pervivan ritos pagáns que se celebran por toda Galicia: o lume, as ondas as herbas...
Tampouco hai certeza na data da súa morte nin, polas razóns antes expostas, no ano. Calculándoa sobre a cronoloxía de Herodes Antipas, estímase que se produciría no ano 27 da nosa era, pero como a tradición a sitúa pouco antes da crucifixión de Cristo, acéptase usualmente o ano 30.
Iconografía [editar]
San Xoán Bautista represéntase basicamente en dúas formas:
- como neno
- como adulto, vestido cunha pel de carneiro [1] e sostendo un año ou unha cruz de cana cunha cartela na que aparece Ecce agnus Dei. O dedo índice ergueito representa o seu carácter de anunciador de Xesús. Ocasionalmente, represéntase coa cabeza nunha bandexa.
San Xoán Bautista en Galicia [editar]
San Xoán é o patrón de 144 parroquias galegas [2]. É patrón dos concellos de Ames, Carballo, Cerdedo, Cesuras, Fisterra, Mazaricos, Muros, Sarria e Touro (na provincia da Coruña); Antas de Ulla, Becerreá, Guitiriz, O Corgo e O Incio (na de Lugo); Laza, Padrenda, Rairiz de Veiga e Trasmiras (Ourense); e Poio (Pontevedra).
Da influencia de San Xoán na cultura galega dá idea o feito de que dá nome ó mes de xuño: De san Xoán prás Navidás, o días van pra atrás.
En Galicia é avogoso das colleitas de pan (entendido como trigo ou centeo).
Na noite de San Xoán, a noite do día 23 ó 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo e en toda Galicia [3] unha ampla variedade de festas e prácticas rituais especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de San Xoán en moitos lugares de España. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que se festexa este acontecemento solar.
Notas [editar]
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- FERRO RUIBAL, Xesús (Dir.) et al: Dicionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]