Megalitismo en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia de Galicia
Prehistoria
O megalitismo
Idade do Bronce
Idade do Ferro
Cultura castrexa
Idade Antiga
Galaicos
Romanización
Cultura galaico-romana
Cristianización
Antigüidade tardía
Monarquía sueva
Chegada dos bretóns
Monarquía visigoda
Idade Media
Período alto-medieval
Era Compostelá
Período feudal
Idade Moderna
Antigo Réxime
A Ilustración galega
Idade Contempóranea
A Restauración borbónica
Segunda República
Guerra Civil Española
Ditadura franquista
Período autonómico
Véxase tamén
Historia da lingua galega
Reino de Galicia
Galicia
Cronoloxía do reino de Galicia
Para comprender mellor os caracteres xerais deste fenómeno tan estendido, consulte o artigo megalitismo.

Galiza, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. O megalitismo atlántico peninsular caracterízase pola abundancia de sitios arqueolóxicos, máis de cinco mil só en Galiza, e revela a existencia dunha poboación numerosa e moi espallada. O fenómeno tumulario galego dátase entre o VI milenio antes de Cristo e o 2000 a. C.

O megalitismo corresponde ás primeiras sociedades campesiñas, que habitaban un territorio dominado polo bosque caducifolio (carballos, piñeiros e bidueiros). O período climático é o que se coñece coma período atlántico e parte do subboreal, isto é, un clima cálido cunha temperatura media superior á actual, mais bastante chuvioso. Abundaban tamén os prados. Detéctase unha menor porcentaxe de arboredo no contorno dos sitios arqueolóxicos, probabelmente debido á deforestación co obxecto de aproveitar a leña.

Suponse que os lugares habitados non estarían lonxe de onde se atopan os túmulos, mais son poucos os que se teñen atopado. De aí a famosa frase de Alonso del Real: "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían".

Estruturas arquitectónicas[editar | editar a fonte]

Dolmen de Axeitos

A construción característica do megalitismo son os grandes monumentos construídos con grandes pedras. Os máis abundantes e típicos son as antas ou dolmens, que son estruturas funerarias sobre as que se constrúe un túmulo ou mámoa. Contan cunha cámara principal e ás veces un corredor, construídas con varias laxes fincadas e cubertas por outra ou outras. No interior da cámara acostuman aparecer gravuras ou pinturas de función simbólica.

Túmulos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Mámoa.

As antas estaban parcial ou totalmente cubertas de terra, formando unha mámoa. Coñécense tamén coma medorras ou medoñas. As mámoas teñen planta circular ou ovalada, vense na paisaxe coma montes de terra suaves parecidos a mamas (de onde collen o nome) e son, polo xeral, visíbeis a longa distancia. A función destes túmulos é a de enterramento colectivo, xa que os mortos ían acompañados dun enxoval consistente en alimentos, armas, útiles, adornos e ídolos. Non se ten conservado ningún esqueleto debido á acidez do solo.

Estes túmulos distribúense uniformemente por todo o territorio e aparecen tanto a escasos metros da costa coma nas altas montañas orientais. Son máis frecuentes na metade occidental e especialmente nos cumios das serras de superficies chas (coma na Serra do Barbanza) e en chairas situadas a media altura, nunca en pendentes escarpadas. As mámoas adoitan aparecer en conxuntos, formando necrópoles tumularias.

O diámetro oscila entre os 8 metros e os 40. Os máis grandes son o da Mouta Grande (Verea) e o da Madorra da Granxa (Castro de Rei), que chegan aos 70 m. A altura oscila entre os 50 cm e os 4 m, se ben a maioría non supera os 2 m. Habitualmente existe un anel periférico de pedra e unha coiraza. Dado que os túmulos foron usados durante longos períodos de tempo, as estruturas varían, dándose casos de túmulos que incorporan túmulos preexistentes.

Dolmens[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dolmen.

As estruturas interiores das mámoas constitúen a cámara funeraria, que adoita ser de planta poligonal. Están construídos con pedras de gran tamaño (aínda que, en poucas ocasións, sexa simplemente cachotería). Os ortóstatos están fincados verticalmente e inclinados cara o interior. Féchanse por riba con pedras de grande tamaño. Paviméntanse con terra batida ou mesmo lousas. En Galiza son de tamaño pequeno.

Os dolmens simples son os máis antigos. Durante o período de maior desenvolvemento da cultura megalítica apareceron os dolmens de corredor, nos que estes corredores, de tamaño pequeno, se unen á cámara e se van ampliando cara o exterior. Parece que os corredores tiveron importancia ritual, xa que neles teñen aparecido elementos simbólicos, coma estelas.

Os enxovais son pouco abondosos hoxe en día, en parte debido ao espolio secular ao que foron sometidas as mámoas.

Cistas[editar | editar a fonte]

"Casota de Freán", en Berdoias, Vimianzo - posíbel cista

No último período do megalitismo os enterramentos fanse máis pequenos e consisten en túmulos secundarios en masas tumularias, túmulos sen cámara diferenciada e cistas sen túmulo.

Menhires e círculos de pedras[editar | editar a fonte]

Os menhires parece que non están relacionadas cos ritos funerarios. Existen poucos se se compara con outras áreas coma Gran Bretaña ou Bretaña. O máis coñecido é a Lapa de Gargantáns (Moraña), que mide 2,35 m de altura. Presenta unha escotadura, coma a dos ídolos dos dolmens con corredor, algunhas gravuras e decoración de cazoletas en todas as súas caras. O menhir de Cristal (Ribeira) mide 2,50 m, ten nove cazoletas nunha das caras e unha noutra. Coñécense outros menhires (tamén denominados pedrafitas), coma o de Pedra Chantada (Vilalba), o da Pedra Alta de Cortegada e outros dous en Guntín.

Os menhires galegos rematan en punta, teñen os lados asimétricos e están decorados con cazoletas.

A maioría dos supostos círculos de pedras desapareceron. Coñécense os da Eira das Meigas no monte Neme, na illa da Estrela (Corme), no monte Corzán (Negreira) e na chaira da Mourela (As Pontes).

Evolución[editar | editar a fonte]

Nunha primeira fase ou "fase inicial" as antas máis antigas eran poligonais simples e as cámaras eran de pequeno tamaño (12 m de diámetro por 1 m de altura) e sen corredor. Os enxovais típicos consisten en cerámica lisa ou con decoración impresa e instrumental lítico como micrólitos, lamelas, doas de variscita e machadas pulidas.

Durante a segunda fase ou "fase de apoxeo", desde comezos do IV milenio, apareceu o corredor de entrada, as cámaras fixéronse algo maiores e comezaron a gravarse ou pintarse as lousas. Prodúcese o espallamento deste fenómeno pola meirande parte do territorio galaico. Os enxovais inclúen os materiais da fase anterior, mais aumentan os instrumentos pulidos, predominando a punta de frecha de base triangular. Éntrase no Neolítico final e o calcolítico inicial.

As mámoas do último período ou "fase final" (2200-2000 a.C.) son de tamaño reducido (entre 6 a 12 m de diámetro e menos de 1 m de altura). Son sartegos de forma cadrada ou rectangular e cunha única tampa como cuberta que salientan menos na paisaxe. Parece coma se se abandonasen os enterramentos colectivos e se xeneralizasen os individuais. Os enxovais son distintos dos anteriores: dobres machadas, dobres aixolas, mazas, ciceis e aixadas grandes. A presenza de obxectos perforados tense interpretado como proba da existencia de contactos coas rexións atlánticas de Francia e da Bretaña e o sur da Península Ibérica. Este período antecede á aparición da cultura do vaso campaniforme.

Economía[editar | editar a fonte]

A economía era mixta, baseada na agricultura (leguminosas e cereais) e na gandaría (caprinos e ovinos, xunto con súidos e gando vacún). Ademais, estas actividades completaríanse coa recolección de froitos, a caza e a pesca.

O megalitismo galaico mantén contactos comerciais (algúns estudos e investigadores sinalan a presenza dunha rede de intercambio a máis longa distancia, relacionándoo con outros focos da fachada atlántica europea: Bretaña francesa, Illas británicas e Irlanda) e recibe a influencia doutras comunidades megalíticas da área portuguesa e probablemente do occidente asturiano.

Arte[editar | editar a fonte]

As manifestacións artísticas da cultura megalítica galaica son fundamentalmente a pintura, o gravado e a escultura.

No caso da pintura consérvanse poucas representacións por mor da humidade ambiental. Aparece máis ca nada nos monumentos de corredor, cun predominio da figuración xeométrica. Algunhas construcións con pinturas son o Dolmen de Dombate, Pena Cuberta ou o Forno dos Mouros, entre outros.

No tocante ó gravado os motivos seguen a ser xeométricos predominantemente (zigzags, círculos, motivos en O, ondulacións, motivos radiais, báculos, cruzamentos, figuras antropomorfas esquemáticas e a enigmática "A Cousa"). "A Cousa" é unha figura da que non se coñece con exactitude o seu significado, que segundo algunhas interpretacións podería ser unha machada.

Pola súa banda as esculturas aparecen situadas nos monumentos, entre o anel periférico e a entrada do corredor. Son dunha representación moi sinxela e esquemática, aínda que de tipoloxía variada.

Teorías[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1920 apareceu a teoría "orientalista", segundo a cal os construtores de megálitos proviñan do leste mediterráneo. Posteriormente, Bosch Gimpera postulou a teoría "occidentalista", segundo a cal os primeiros construtores serían pastores descendentes dos grupos mesolíticos asentados no noroeste da Península Ibérica, de onde se difundiría cara o sur. Actualmente pénsase que esta cultura puido ter a súa orixe no Alto Alentexo, onde se teñen atopado sepulcros sen corredor, coñecidos coma "protodolmens". Destes xurdirían os dolmens de corredor con enterramentos colectivos que se expandirían cara o norte. A teoría dos contactos e relacións marítimas con Bretaña e Irlanda está practicamente desbotada para as etapas iniciais deste período.

Historia posterior[editar | editar a fonte]

Algúns destes túmulos foron reempregados máis tarde, en época romana, como postos de vixilancia. Exemplos disto son o campamento da Cidadela (Sobrado). Bastantes deles foron destruídos en época recente co obxecto de atopar supostos tesouros de ouro ou como consecuencia das actividades agrícolas (labradíos, repoboacións forestais), apertura de estradas, establecemento de industrias, etc. De moitos fica xa só a lembranza na toponimia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Rodríguez Casal, Antón A. (edición) (1997). O neolítico atlántico e as orixes do megalitismo. Actas do Coloquio Internacional. ISBN 84-8121-649-6.
  • Caamaño Gesto, José Manuel (2007). A Gran Historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. Volume 1: O Paleolítico e o Epipaleolítico. O neolítico e o Megalitismo.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]