Saltar ao contido

Baldaquino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baldaquino
Imaxe
 Subclase de
Identificadores
Freebase/m/046lj4 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata C:Commons
Baldaquino de Bernini, na basílica do Vaticano.

Chámase baldaquino ou ciborio a unha construción relixiosa de pequeno tamaño[1] destinada a protexer un altar, formada basicamente por catro columnas que sosteñen un elemento de cubrición, habitualmente unha cúpula ou un dosel. Os catro arcos ou linteis que pechan os laterais do baldaquino adoitan estar decorados por relevos, inscricións, escudos ou outros elementos decorativos. Esta estrutura básica pode estar modificada por diversas variantes, segundo a época, o estilo ou o material de construción.

O nome procede de baldacchino, tea procedente de Baldac, nome da cidade de Bagdad durante a Idade Media, porque de alí proviñan os tapices cos que se confeccionaban as cortinaxes coas que se pechaban lateralmente. O nome de ciborio vénlle do latín ciborium, en alusión á forma de copa invertida.

Por similitude, denomínanse tamén baldaquinos os doseis de tea que cobren ou protexen tronos reais, camas etc. No escudo de Serbia ou o no dos Países Baixos poden verse exemplos deste uso.

San Juan de Duero (Soria).

O máis antigo baldaquino coñecido é ciborio de Kathoura, en Siria, do ano 195. Presentes noutros puntos de Oriente Próximo, estaban asociados a enterramentos. Do século IV era o fastigium de Latrán (roubado polos visigodos no século seguinte), así como o da basílica de Santa Petronila ou o da tumba de San Lourenzo, ambas en Roma.

Na Idade Media era usual pechar os laterais con cortinas, de modo permanente ou só durante o momento da consagración, que ocultaban os celebrantes da vista dos fieis. Nas igrexas de Oriente utilizaban mesmo portas de madeira que se pechaban durante ese momento.

Co paso dos séculos, aumentan os exemplos de baldaquinos e a súa difusión xeográfica. Do século X é o baldaquino de San Marcos (Venecia) e do XI os de San Nicolao de Bari ou o francés de Cluny. Na Basílica de San Xoán de Latrán conservan un baldaquino sobre o altar maior e, segundo a tradición, contén dous relicarios coas cabezas dos apóstolos San Pedro e San Pablo.[2]

O exemplar máis afamado é o baldaquino da basílica de San Pedro do Vaticano, construído por Bernini e Borromini en bronce, madeira e mármore entre 1624 e 1633.

Na Península Ibérica hai notables exemplos no Museo Nacional de Arte de Cataluña (Barcelona) (procedente de San Vicente de Estamariu [3]) ou o da catedral de Xirona. En Castela destacan os de San Juan de Duero (Soria)[4], o do mosteiro de Rodilla (Burgos) ou o da igrexa da Madalena (Zamora.[5]

Ramiro II de León (Tumbo A da Catedral de Santiago)

Ademais dos exemplos arquitectónicos existentes ou dos que se ten constancia histórica, os baldaquinos aparecen tamén representados en medallas romanas, no díptico de Monza, nun mosaico de Salónica, en miniaturas medievais etc. A modo de exemplo, o Tumbo A da catedral de Santiago, de 1140, representa os reis Ordoño II (871-924), Ramiro II (898-951) e Sancho I (†966) debuxados baixo baldaquinos ornados con torres nos esquinais. Tamén se poden ver nas Cantigas de Santa María.

Baldaquinos en Galicia

[editar | editar a fonte]

En Galicia, o primeiro baldaquino do que se ten información foi o que mandou construír o bispo Xelmírez na Catedral ó redor do ano 1110. Era de madeira recuberta de ouro e prata e contiña o novo altar da catedral. Foi derrubado na segunda metade do século XVII.

Outro exemplar notable, tamén desaparecido, foi o do arcebispo Fonseca I. Sábese que dispuxo a construción en 1462 e que en 1476 seguía entregando prata para "fazer as ymaxes do cimborio e obra". En documentos de 1512 consta que se mandou "alimpiar e adereçar el cimborio que está sobre el altar".

Santa María a Nova (Noia)

En 1930, Xosé Filgueira Valverde e Xosé Ramón Fernández-Oxea publicaron un primeiro estudo sobre a presenza destas estruturas na arquitectura relixiosa galega, xa construídas en pedra. Atá entón só se tiña constancia de dous baldaquinos en Galicia, os dous sobre cadanseu cruceiro: o de Santa María a Nova, en Noia, e o da Colexiata, en Baiona. Coñecíanse tamén distintos relevos e pezas soltas que se consideraban restos de frontais de altar (segundo Casto Sampedro Folgar) ou de retablos pétreos (segundo López Ferreiro), como os de Caldas de Reis, Bemil, Baíñas, Fisterra, Santiso, Curro, Sacos, Xeve, Fragas etc., algúns debuxados por Enrique Campo. En 1987, os mesmos autores publicaron unha revisión daquela primeira monografía, ampliando o catálogo desde os 37 da primeira edición a 67 na segunda, con 11 exemplares armados (aínda que case todos modificados) e outros 56 xa desfeitos dos que se conservan máis ou menos restos ou, canto menos, memoria documental. Algún, coma o de Ventosa (Agolada), consérvase completo pero desmontado.

Imaxes de baldaquinos en Galicia

[editar | editar a fonte]

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]

Só cinco baldaquinos están datados, sendo o máis antigo deles un de Caldas de Reis (de 1482) e o máis moderno o de San Martiño de Meis (de 1543). Dado que practicamente todos asentan sobre arcos conopiais, de introdución tardía [7], non parecen ser anteriores ó século XV.

Só se ten constancia da autoría nun caso, no baldaquino que, procedente da igrexa de Santa María, hoxe está nunha fornela da capela de San Roque, en Caldas de Reis. As dúas pezas que se conservan só mostran escudos, inscricións e decoración floral, e consta que "Ioan Rico me laurou", coa data de 1482. Filgueira e Fernández Oxea propoñen a existencia de dúas escolas: unha que irradia desde Pontevedra e o Salnés (con influencia de Santiago) e outra localizada en Lugo, máis tardía, e á que identifican cun Mestre da Ventosa.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]
Distribución xeográfica dos baldaquinos catalogados en Galicia. Aínda que máis frecuentes ó sur de Compostela, unha comparación amosa que non hai especial coincidencia coas dioceses de Galicia.

Como se pode ver no mapa, a maior parte dos baldaquinos galegos inventariados atópanse na metade norte da provincia de Pontevedra, estendéndose polas zonas limítrofes das de Lugo e Ourense. Existen outros exemplares soltos no sur da provincia de Pontevedra e en puntos dispersos da Coruña.

En total, hai 41 na provincia de Pontevedra, 12 na da Coruña, 11 na de Ourense e 3 na de Lugo.[8][9]

Consérvanse armados e en pé os seguintes:

Na Catedral de Santiago de Compostela, na capela do Espírito Santo, consérvanse catro pezas que poderían proceder dun baldaquino existente na capela, desarmado tralas reformas realizadas no século XVI. Unha delas forma o lintel da porta de acceso á capela e as outras tres recolocáronse na fronte ou debaixo de cadanseu sepulcro, un deles do arcebispo Troncoso (m. 1367), que foi quen mandou ampliar a capela.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Os baldaquinos pétreos galegos eran de planta cadrada [10] e situábanse exentos, no centro do cruceiro da igrexa. Actualmente, tódolos que se conservan en pé están apegados a unha parede ou nunha esquina da igrexa (excepción feita das cruces cubertas de Noia e Baiona), se ben o de Vilar de Donas (en Palas de Rei, Lugo) segue sendo exento, pero cerca da parede.

As columnas que os sustentan adoitan ser cilíndricas ou de sección hexagonal, e só nalgún caso presentan algunha decoración. Bases e capiteis son sempre simples.

Cómpre citar o caso excepcional dos restos dun baldaquino procedente do mosteiro de San Paio de Antealtares (Compostela). Consisten en tres columnas de 1,18 m de alto por 18 cm de diámetro, que presentan esculpidas tres apóstolos cada unha de clara factura románica. Dátanse no ano 1135 e hoxe están expostas, dúas no Museo Arqueolóxico Nacional (Madrid)[11] e outra no Fogg Museum, da Universidade Harvard (cedida como intercambio polo Estado español); descoñécese o paradoiro da cuarta columna.[12] No Museo de Pontevedra están expostas reproducións en xeso das tres columnas.

Igualmente, na Catedral de Santiago exhibíase unha columna de bronce de finais do século XII, de 2,28 m de altura, que Filgueira supón parte dun baldaquino ou semibaldaquino da propia Catedral ata que, no século XVI, se transformou no relicario do bordón do Apóstolo e mais o do peregrino Franco de Siena (1211-1291). Estivo acaroada ó piar sueste do cruceiro ata que foi trasladada, en 2015, á Capela das Reliquias do Museo da Catedral.

A cuberta era habitualmente piramidal, rematada con pináculos, imaxes ou pequenos castelos, elementos que tamén podían estar decorando os esquinais. Interiormente adoitaban presentar crucerías. Os baldaquinos de Xurenzás e do pazo de Monroy (Noia) conservan pequenas cabezas aliñadas sobre os nervios da pirámide.

Na maior parte dos casos, o que hoxe se conserva -completos ou partidos- son os paneis que, a modo de linteis dos arcos laterais, pechaban superiormente a estrutura. Trátase de pezas rectangulares esculpidas, cunhas medidas que oscilan entre o 1,80 e o 1,43 metros de longo por 70–85 cm de alto.

San Román de Santiso (Lalín)

Estes frontais mostran diversas escenas, case sempre de tipo relixioso aínda que tamén hai motivos simbólicos e heráldicos. Algúns exemplares están policromados como o puideron estar orixinalmente, como as pezas conservadas no interior da igrexa de San Pedro de Rebón (Moraña), a de San Román de Santiso (Lalín) ou o baldaquino de Ventosa (Agolada).

Están pechados por abaixo por un arco, habitualmente conopial [13] pero noutros casos florenzado ou ondulado, que deixaba aberto un espazo orixinalmente baleiro, aínda que tamén hai arcos cegos. Non son raros os arcos dobres nunha mesma peza; hai un único caso de arco trilobulado (na capela do Santo Espírito da Catedral de Santiago). Moitas veces este arco foi rebaixado ou mesmo eliminado ó recolocar a peza na nova situación. Estes rebaixes tamén se produciron nos laterais das pezas.

Superiormente están pechados por distintos motivos ornamentais organizados en cresterías, molduras, bólas etc.

Tipoloxía

[editar | editar a fonte]

A temática representada nos paneis que se coñecen é moi variada, predominando as representacións evanxélicas: a Anunciación da Virxe en 19 casos; a adoración dos Reis, en 14; o Xuízo Final, en 14; o desencravo, a Quinta Angustia ou o enterro de Cristo, en 13; así como o Nacemento de Xesús, a Santa Cea, a coroación da Virxe etc., ata un total de 26 temáticas distintas. Por outra banda tamén son moi frecuentes as representacións de santos, encabezados por Santiago en 8 casos; San Sebastián, en 7; e San Pedro noutros 7, ata un total de 14 santos ou santas distintos, mais outras 7 figuras indeterminadas). Por outra banda, en cinco casos, os paneis están decorados con motivos heráldicos.[14]

Estado actual

[editar | editar a fonte]
Baldaquino de Ventosa (Agolada, Pontevedra)
Paneis do baldaquino de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro, Pontevedra), hoxe no Museo Provincial de Lugo

Como se dixo, a maior parte dos baldaquinos galegos foron desmontados segundo se foi estendendo o gusto polo estilo barroco á vez que como consecuencia das sucesivas reformas e ampliacións que se fixeron nas diferentes igrexas. Os responsables eclesiásticos do momento substituíronnos por retablos barrocos e as pezas dos baldaquinos foron reaproveitadas como elementos ornamentais dispostos nos muros exteriores ou interiores das igrexas ou adros. No caso do da igrexa de Santa María da Atalaia, en Laxe (A Coruña), ou o do convento das Clarisas, na zona antiga da Coruña, aproveitáronse como linteis das portas de acceso.

Algúns foron parar ás coleccións históricas dos museos [15] e mesmo a algunha propiedade privada. [16]

Non son raros os casos nos que foron, simplemente, destruídos. Algunhas pezas foron inventariadas en 1930 sobre noticias orais pero sen que se puidese confirmar a súa existencia; outras desapareceran cando se fixo a nova catalogación en 1987. Entre os baldaquinos dos que se ten constancia, oral ou documental, pero que se dan por desaparecidos podemos citar, como exemplo, os de Arzúa ou o de Baíñas (Vimianzo) (citados por López Ferreiro); os de Valga ou Mourente (Pontevedra) (comunicados pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra); ou o que estaba á saída da ponte do Burgo, en Pontevedra, que debuxou Pier Maria Baldi en 1669. No caso do baldaquino de San Vicenzo de Cespón (Boiro), que se conserva en pé pero trasladado a unha esquina da igrexa, Bouza Brey recolleu a existencia dun Descendemento do que xa non se teñen noticias.

Na xa citada igrexa de Santa María de Laxe atopáronse cinco fragmentos do que parece ser un retablo, soterrados baixo o altar co simple obxectivo de levantar o piso. Na igrexa de San Xoán de Meaño (Pontevedra) aproveitáronse tres paneis como simples pedras para levantar o muro sur do adro.

Todo o anterior explica que entre os expertos en arquitectura e escultura se estendese a idea de que non existían baldaquinos en Galicia. As pezas soltas que se coñecían, fóra de contexto, considerábanse, como se dixo, partes de retablos en pedra ou frontais de altar[17] e só co estudo citado de Filgueira e Fernández Oxea se demostrou a súa presenza na arquitectura relixiosa galega.

Breve descrición dalgúns dos baldaquinos galegos

[editar | editar a fonte]
  • Igrexa de San Salvador de Meis (Pontevedra):
    • Catro pezas incrustadas no exterior do muro que circunda a igrexa, na praza anexa: tres ó redor dunha fonte e unha cuarta a uns metros á esquerda.
  • Igrexa de San Breixo de Arcos de Furco (Cuntis):
    • Tres relevos incrustadas no muro perimetral do adro da igrexa, rodeando un altar. Representan con sorprendente similitude as mesmas escenas do de San Salvador de Meis.
  • Igrexa de San Pedro de Bordóns (Sanxenxo):
    • Na entrada ó cemiterio, dous linteis colocados sobre o muro e que proceden dun baldaquino esquinado que acollía o osario, no adro da igrexa.
  • Igrexa de Santa María de Curro (Barro, Pontevedra):
    • Tres pezas incrustadas nas paredes das escaleiras de subida ó adro da igrexa. Esta é de comezos do século XVI e os tres linteis semellan proceder dun antigo baldaquino sobre o altar maior, apegado ó muro da igrexa.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Durante o barroco, os baldaquinos poden adoptar medidas considerables -o da Basílica de san Pedro mide 29 m de altura- pero, en calquera caso, moito menores que as das igrexas nas que se constrúen.
  2. "Peregrinos en Roma", en Historia National Geographic, nº 262, outubro 2025, 64.
  3. "Mestre d’Estamariu" (en catalán). Consultado o 1.11.2025. }}
  4. "Iglesia y claustro de San Juan de Duero" (en castelán). Consultado o 1.11.2025. 
  5. "Sepulcro iglesia de Santa María Magdalena" (en castelán). Consultado o 1.11.2025. 
  6. Representado por Castelao en As cruces de pedra na Galiza.
  7. Estímase que a primeira manifestación deste tipo de arco en Galicia corresponde á capela de Lope de Mendoza, en Santiago, da mesma man e datación que os arcos existentes en Iria Flavia e en Vilaxoán.
  8. Estas cifras foron variando co paso do tempo ó irse descubrindo e catalogando novos exemplares. Así, por exemplo, en 2022 atopouse un panel, fragmentado, dun baldaquino na igrexa parroquial de San Isidro de Moldes (Campo Lameiro), que estaba acandoado detrás da pía bautismal.
  9. "As pezas do baldaquino permanecían almacenadas 'de calquera maneira' na igrexa", en La Voz de Galicia 28.09.2022.
  10. Só os construídos sobre sepulturas presentan planta rectangular.
  11. "Guía del Museo Arqueológico Nacional de España. Obras de arte medieval: visigodo, prerrománico, románico y andalusí" (en castelán). Consultado o 1.11.2025. 
  12. Realmente, no existe seguridade de que se trate das columnas dun baldaquino e non de pés do altar, se ben Filgueira considera que "a altura para un altar é inadecuada" coa posibilidade de que pasasen a cumprir esta función, cara o século XV, "algo enterrados, pola súa altura excesiva" (Filgueira 1978, 42).
  13. Tipo de arco que semella a quilla invertida dun barco.
  14. Todas estas cifras tómanse do libro de Filgueira e Fernánmdez Oxea, pero lémbrese que desde a súa publicación (1987) descubríronse moitos outros baldaquinos.
  15. O Museo de Pontevedra, no edificio principal e nas ruínas de San Domingos, conserva varios exemplares procedentes de Vilalonga (Sanxenxo), Bora (Pontevedra) ou o da capela da Virxe do Camiño, de Pontevedra. No Museo Provincial de Lugo, os procedentes de Santa Mariña de Fragas (Campo Lameiro). Anteriormente xa se citaron os restos conservados en museos de Madrid ou de Harvard.
  16. Coma os casos do do Pazo de Monroy (Noia), procedente da igrexa de Santa María a Nova, ou o existente na parede dunha casa de Ponte Arnelas (Ribadumia).
  17. De feito, esta función é a que desenvolve un panel da Anunciación na Igrexa de Santa María de Adina, en Sanxenxo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]