Vicepresidencia da Xunta de Galicia
A vicepresidencia da Xunta é un antigo cargo político dentro do organigrama da Xunta e que a miúdo serviu como coordinación do traballo doutras consellerías. Ao longo da historia da Xunta de Galicia houbo gobernos que contaron cun vicepresidente, con dous vicepresidentes ou con ningún.
O vicepresidente é tamén o encargado de substituír o presidente nas súas funcións en caso de falecemento, dimisión ou viaxe ao estranxeiro, e ata a elección dun novo presidente, de ser o caso. De non existir vicepresidente, esas funcións recaen na persoa que ocupe o cargo de conselleira de Presidencia.
A vicepresidencia pode rer funcións políticas claramente definidas ou actuar como consellería sen carteira, na asistencia do cargo do presidente.
Historia[editar | editar a fonte]
O primeiro vicepresidente da Xunta foi Xosé Manuel Romay Beccaría, que aínda que se ocupou das tarefas relacionadas coas relacións coa administración estatal e coa Xustiza non tivo esa denominación. A partir de 1983 créanse dúas vicepresidencias, unha de perfil político, encabezada por Xosé Luís Barreiro Rivas e outra de perfil económico, encabezada por Carlos Mella, que á súa vez detentaban o cargo de conselleiros de áreas específicas. Este modelo mantívose durante uns poucos meses, ata que Mella dimite debido ás súas friccións con Barreiro, e este último queda como único vicepresidente coordinando a área política.
Logo da dimisión de Barreiro Rivas en 1986 pasa a ocupar o cargo de vicepresidente da Xunta Mariano Rajoy, pero sen levar aparellada a xestión dunha consellería. Logo da moción de censura presentada en 1987 por Fernando González Laxe (PSdeG), a vicepresidencia volve ser de novo de Barreiro Rivas, pero ten que dimitir como consecuencia dun proceso xudicial. Nin Barreiro nin o seu substituto Xavier Suárez-Vence xestionaron ademais outras consellerías.
Logo da vitoria de Manuel Fraga en 1989 desapareceu a figura do vicepresidente ata que foi recuperada quince anos máis tarde, en 2004 baixo a figura dunha dobre vicepresidencia, a de Alberto Núñez Feijóo como vicepresidente primeiro e a de Xosé Manuel Barreiro como vicepresidente segundo. Estas vicepresidencias presentáronse como unha preparación para a sucesión política de Fraga e non tiñan competencias específicas, fóra das que cada un deles, como conselleiros, xa tiña.
Tras a formación do goberno de coalición entre socialistas e nacionalistas en 2005, Anxo Quintana asumiu a vicepresidencia única, que levaba aparelladas as competencias de relacións institucionais e de Igualdade e Benestar. O vicepresidente encargábase ademais da coordinación da actividade das consellerías gobernadas polos nacionalistas.