Ana Pontón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ana Belén Pontón Mondelo
Ana Pontón
Ana Pontón nunha sesión de control ao presidente da Xunta de Galicia no 2012

Portavoz nacional do BNG
Actualmente no cargo
Dende o 28 de febreiro de 2016
Precedido por Xavier Vence

Actualmente no cargo
Dende o 7 de febreiro de 2004

Datos persoais
Nacemento 27 de xullo de 1977 (41 anos)
Sarria, Galicia[1]
Partido BNG (1993–presente)
Profesión Política
Alma máter Universidade de Santiago de Compostela
Sitio web anaponton.enblogue.org
Twitter @anaponton

Ana Belén Pontón Mondelo, nada en Sarria o 27 de xullo de 1977[2], é unha política galega do Bloque Nacionalista Galego (BNG). É a Portavoz Nacional do BNG e principal candidata ás Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016 desde a XV Asemblea Nacional desta formación, celebrada o 28 de febreiro de 2016.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ana Pontón na XVI Asemblea BNG no 2017.

Licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Con 16 anos comezou a súa militancia en Galiza Nova e no BNG. En Compostela participou nos Comités Abertos de Facultades, sendo elixida representante na Xunta da Facultade de Ciencias Políticas e no Claustro.[3]

Entre 2000 e 2004 foi membro da Dirección Nacional e da Comisión Permanente de Galiza Nova, sendo secretaria de organización entre 2000 e 2003. Participou na Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.

Na IX Asemblea Nacional foi elixida membro do Consello Nacional do BNG. O 7 de febreiro de 2004 accedeu como deputada ao Parlamento de Galicia, en substitución de Pilar García Negro, sendo portavoz en temas de mocidade e igualdade de xénero[4]. Nas eleccións autonómicas de 2005 foi elixida deputada, exercendo como portavoz de Mocidade, Medio Ambiente e Igualdade, amais de ser presidenta da Comisión de Agricultura.

Participou en eventos como o Festival Mundial da Xuventude Democrática (Cuba, 1997), a Marcha Mundial das Mulleres (Bruxelas, 2000) ou o Fórum Social Mundial (Porto Alegre, 2002).

Colabora coa publicación Terra e Tempo.

O 8 de febreiro de 2012 anunciouse que substituiría a Carlos Aymerich como voceira do BNG no Parlamento galego até as eleccións dese mesmo ano, tralas que sería relevada polo cabeza de lista Francisco Jorquera.[5]

A comezos 2016, após os malos resultados electorais colleitados por Nós - Candidatura Galega, que lideraba o BNG, Xavier Vence anunciou que non repetiría como voceiro nacional. Ana Pontón presentouse como un dos dous -e principal- candidato a o suceder na XV Asemblea Nacional[6] celebrada na Coruña o 28 de febreiro de 2016.

Nesa Asemblea resultou elixida Portavoz Nacional do BNG polo 85% dos votos. Aprobouse tamén nesa Asemblea unha emenda estatutaria que permitiría compatibilizar o cargo de Portavoz Nacional co de candidato á Presidencia da Xunta de Galicia. En abril dese mesmo, Ana Pontón foi proclamada como cabeza de lista do BNG ás Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016.[7]

A pesar das malas perspectivas electorais que auguraban as enquisas, o BNG conseguiu nas eleccións autonómicas do 25 de setembro case 120.000 votos, que se transformaron en seis deputados, só un menos que na lexislatura anterior. Case todos os medios sinalaron que a actuación da candidata na campaña –en especial nos debates electorais retransmitidos pola TVG[8]– estiveron detrás duns resultados moderadamente satisfactorios para o partido. De feito, seis meses despois Ana Pontón foi reelixida Portavoz Nacional do BNG polo 98% dos votos da militancia, na XVI Asemblea do BNG.


Predecesor:
Xavier Vence
 
Portavoz Nacional do BNG
 
2015 -
Sucesor:
-

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ana Belén Pontón Mondelo, páxina no Parlamento de Galicia
  2. "data de nacemento". www.bng.gal. Consultado o 18 de outubro de 2018. 
  3. P. Igrexas, Xabier (20 de setembro de 2016). "Un sorriso solvente para mudar o país". Sermos Galiza. Consultado o 20 de setembro de 2016. 
  4. "VI LEXISLATURA (20-11-01 ó 26-04-05)" (PDF). Parlamento de Galicia. Consultado o 2016-02-29. 
  5. ""Pontón releva a Aymerich, que deja el cargo con "agradecimiento" al BNG"". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 08 de febreiro de 2012. 
  6. "Dúas candidatura concorren á renovación dos cargos de dirección do BNG na XV Asemblea Nacional"
  7. Lombao, David (28 de febreiro de 2016). "Pontón asume o liderado do BNG co reto de ser "clave no cambio político"". Praza. Consultado o 13 de febreiro de 2019. 
  8. "Feijóo críspase coa corrupción no debate e as esquerdas preséntanse como alternativa". 13/09/2016. Consultado o 5/04/2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]