Ana Pontón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ana Belén Pontón Mondelo")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ana Belén Pontón Mondelo
Ana Pontón
Ana Pontón en 2012

Portavoz nacional do BNG
Actualmente no cargo
Dende o 28 de febreiro de 2016
Precedido por Xavier Vence

Actualmente no cargo
Dende o 7 de febreiro de 2004

Datos persoais
Nacemento 27 de xullo de 1977 (42 anos)
Sarria, Galicia[1]
Partido BNG (1993–presente)
Profesión Política
Alma máter Universidade de Santiago de Compostela
Sitio web https://anaponton.gal
Twitter @anaponton

Ana Belén Pontón Mondelo, nada en Sarria o 27 de xullo de 1977[2], é unha política galega do Bloque Nacionalista Galego (BNG). É a Portavoz Nacional do BNG desde 2016.

Foi candidata á Presidencia nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2016. A inicios de 2020 foi elixida de novo pola militancia como candidata á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións de abril de 2020.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Con 16 anos comezou a súa militancia en Galiza Nova e no BNG. En Compostela participou nos Comités Abertos de Facultades, sendo elixida representante na Xunta da Facultade de Ciencias Políticas e no Claustro.[3]

Entre 2000 e 2004 foi membro da Dirección Nacional e da Comisión Permanente de Galiza Nova, sendo secretaria de organización entre 2000 e 2003. Participou na Asemblea de Mulleres de Galiza Nova.

Na IX Asemblea Nacional foi elixida membro do Consello Nacional do BNG. O 7 de febreiro de 2004 accedeu como deputada ao Parlamento de Galicia, en substitución de Pilar García Negro, sendo portavoz en temas de mocidade e igualdade de xénero[4]. Nas eleccións autonómicas de 2005 foi elixida deputada, exercendo como portavoz de Mocidade, Medio Ambiente e Igualdade, amais de ser presidenta da Comisión de Agricultura.

Participou en eventos como o Festival Mundial da Xuventude Democrática (Cuba, 1997), a Marcha Mundial das Mulleres (Bruxelas, 2000) ou o Fórum Social Mundial (Porto Alegre, 2002).

Colabora coa publicación Terra e Tempo.

O 8 de febreiro de 2012 anunciouse que substituiría provisionalmente a Carlos Aymerich como voceira do BNG no Parlamento galego até as eleccións dese mesmo ano, tralas que sería relevada polo cabeza de lista Francisco Jorquera.[5]

Portavoz Nacional do BNG e Candidata á Presidencia da Xunta de Galicia[editar | editar a fonte]

A comezos 2016, após os malos resultados electorais colleitados por Nós - Candidatura Galega, que lideraba o BNG, Xavier Vence anunciou que non repetiría como voceiro nacional. Ana Pontón presentouse como un dos dous -e principal- candidato a o suceder na XV Asemblea Nacional[6], celebrada na Coruña o 28 de febreiro de 2016.

Ana Pontón na XVI Asemblea BNG no 2017.

Nesa Asemblea resultou elixida Portavoz Nacional do BNG polo 85% dos votos. Aprobouse tamén nesa Asemblea unha emenda estatutaria que permitiría compatibilizar o cargo de Portavoz Nacional co de candidato á Presidencia da Xunta de Galicia. En abril dese mesmo, Ana Pontón foi proclamada como cabeza de lista do BNG ás Eleccións ao Parlamento de Galicia 2016.[7]

A pesar das malas perspectivas electorais que auguraban as enquisas, o BNG conseguiu nas eleccións autonómicas do 25 de setembro case 120.000 votos, que se transformaron en seis deputados, só un menos que na lexislatura anterior. Case todos os medios sinalaron que a actuación da candidata na campaña –en especial nos debates electorais retransmitidos pola TVG[8]– estiveron detrás duns resultados moderadamente satisfactorios para o partido. De feito, seis meses despois Ana Pontón foi reelixida Portavoz Nacional do BNG polo 98% dos votos da militancia, na XVI Asemblea do BNG.

Ante as dificultades dos demais partidos da oposición, Ana Pontón liderou en numerosas ocasións a fiscalización do goberno de Feijoo. Tras recibir o voto afirmativo das asembleas comarcais celebradas en decembro, o Consello Nacional do BNG revalidou o 11 de xaneiro de 2020 a súa candidatura á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións de abril de 2020.[9]

Vida privada[editar | editar a fonte]

Aínda que naceu na parroquia de Chorente, no concello de Sarria, reside en Santiago de Compostela desde os seus tempos de estudante. A mediados de setembro de 2019 anunciou que estaba embarazada de dezaoito semanas[10]: a nena naceu o 21 de xaneiro de 2020 e levou por nome Icía[11].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ana Belén Pontón Mondelo, páxina no Parlamento de Galicia
  2. "data de nacemento". www.bng.gal. Consultado o 18 de outubro de 2018. 
  3. P. Igrexas, Xabier (20 de setembro de 2016). "Un sorriso solvente para mudar o país". Sermos Galiza. Consultado o 20 de setembro de 2016. 
  4. "VI LEXISLATURA (20-11-01 ó 26-04-05)" (PDF). Parlamento de Galicia. Consultado o 2016-02-29. 
  5. ""Pontón releva a Aymerich, que deja el cargo con "agradecimiento" al BNG"". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 8 de febreiro de 2012. 
  6. "Dúas candidatura concorren á renovación dos cargos de dirección do BNG na XV Asemblea Nacional"
  7. Lombao, David (28 de febreiro de 2016). "Pontón asume o liderado do BNG co reto de ser "clave no cambio político"". Praza. Consultado o 13 de febreiro de 2019. 
  8. "Feijóo críspase coa corrupción no debate e as esquerdas preséntanse como alternativa". 13/09/2016. Consultado o 5/4/2019. 
  9. "O BNG proclama candidata á Xunta a Pontón, que aspira a liderar o "cambio" en Galicia como "presidenta"". Praza Pública. 11/01/2019. Consultado o 13/01/2019. 
  10. "Ana Pontón, líder do BNG, anuncia en redes sociais que está embarazada". Galicia Confidencial. 15/09/2019. Consultado o 13/01/2020. 
  11. "Ana Pontón dá a luz a Icía, a súa primeira filla". Galicia Confidencial. 21/01/2020. Consultado o 21/01/2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Xavier Vence
 
Portavoz Nacional do BNG
 
2016 -
Sucesor:
-