Cartagena, España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 37°36′0″N 0°59′0″W / 37.60000°N 0.98333°W / 37.60000; -0.98333

Cartagena, España
BanderaCartagena.png Escudo Cartagena.png
Situación xeográfica
Situacion Cartagena CARM.png
País España
Comunidade autónoma Rexión de Murcia
Provincia Murcia
Xeografía
Altitude 10 msnm
Superficie 558,3 km²
Poboación
Poboación 210.376 (2008)
Densidade 376,81
Xentilicio Cartagenero/a
Cartaxinés/esa
Información
Código postal 302XX e 303XX
Alcalde Pilar Barreiro (PP)
Páxina web www.cartagena.es

Cartagena (do cartaxinés quart-hadast "cidade nova", denominada en latín Carthago Nova "nova Cartago". Do acusativo latino Carthaginem saíu a forma tardía que derivaría no árabe قرطجانة (Qarṭaǧānatu), forma inmediatamente previa á actual, Cartagena[1] ) é unha cidade e concello español situado xunto ao mar Mediterráneo, pertencente á Rexión de Murcia. Conta con 210.376 habitantes (INE 2008), repartidos nun termo municipal de 558,3 km², sendo a segunda cidade da rexión tras Murcia. Está situada ao sur da chaira denominada Campo de Cartagena, comarca da que é capital e que ten unha poboación total de 332.035 habitantes.

A economía de Cartagena baseouse tradicionalmente na explotación de chumbo, prata e cinc da serra mineira e o sector químico (sulfuro, abonos fosfatados e explosivos). Na actualidade, esgotados os filóns mineiros, Cartagena vive principalmente da construción e reparación naval, o refinado de petróleo e a exportación de aceite de oliva, froitas, cítricos, hortalizas, esparto, viño e produtos metálicos. Así mesmo, é unha das principais bases navais do país, xunto con Rota e Ferrol, e un emerxente destino turístico grazas ao seu denso patrimonio artístico, legado de máis de 2.500 anos de historia.

Cartagena é famosa polas súas festas maiores de Cartaxineses e Romanos e as procesións de Semana Santa. Do seu vasto patrimonio monumental destacan o Submarino Peral exposto no porto, o recentemente restaurado Teatro Romano (o máis grande da península tras o de Mérida), numerosos restos arqueolóxicos de época cartaxinesa e romana, fortalezas, baterías de costa, edificacións de carácter militar e numerosos edificios modernistas e neoclásicos.

Como capital lexislativa da Comunidade Autónoma, Cartagena é sede da Asemblea Rexional.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Vista satélite do Campo de Cartagena, Mar Menor e Cabo de Palos.
Pazo Consistorial de Cartagena.
Teatro Romano de Cartagena.

As súas coordenadas son 37º 36' N, e 0º 59' O, e comprende unha extensión de 558,3 km².

O casco histórico da cidade atópase asentado sobre cinco pequenos outeiros, chamados Molinete, Monte Sacro, Monte de San José, Despeñaperros e Monte da Concepción, o que deu lugar a que fose coñecida como "a pequena Roma" na antigüidade.

Cartagena constitúe un grande plano inclinado con dirección NO-SE limitado: ao norte e noroeste polas serras pre-litorais (Carrascoy, El Puerto, Los Villares, Columbares e Escalona), e polo sur e suroeste polas serras litorais (El Algarrobo, La Muela, Pelayo, Gorda, La Fausilla e Minera, coas súas últimas estribacións en Cabo de Palos). Os materiais dominantes son sedimentarios, como a calcaria, e metamórficos, como a laxe, mármore, etc.

A cidade ábrese ao Mar Mediterráneo polo sur a través dunha ampla baía delimitada polas estribacións dos montes de San Julián e Galeras.

Organización territorial[editar | editar a fonte]

Os 558,3 km² do seu termo municipal estrutúranse en diversas localidades e casaríos espallados que se administran baixo a figura das deputacións. Dentro delas hai numerosas aldeas, barriadas e casaríos. Ademais o casco urbano conta con numerosos barrios.

Os barrios de Cartagena agrúpanse nas seguintes deputacións: Casco Urbano, San Antonio Abad, El Plan, La Magdalena, Canteras, Santa Lucía, San Félix, El Hondón, Alumbres e Escombreras.

As aldeas do termo municipal agrúpanse nas seguintes diputaciones: Rincón de San Ginés, El Algar, La Palma, Pozo Estrecho, El Albujón, La Aljorra, Perín, Beal, Miranda, Lentiscar, Los Puertos de Santa Bárbara, Campo Nubla e Los Médicos.

Clima[editar | editar a fonte]

Hai unha predominancia dos ombroclimas árido e semiárido, cunha grande extensión do andar termomediterráneo, unha variada xeoloxía e unha diversificada xeomorfoloxía. O clima da zona defínese como subtropical mediterráneo árido ou subárido, de abrigo topográfico ou subtropical estepario. A posición marítima suaviza as temperaturas, se ben as precipitacións superan os 300 mm anuais, atopándonos ante unha das zonas mais áridas do país.

A temperatura media anual ronda os 20°C. O mes máis frío é xaneiro cunha media de 12°C. En agosto, o mes máis caloroso, a temperatura media chega aos 28°C.

O vento constitúe un dos factores climáticos máis importantes da bisbarra. Son os fluxos do terceiro e primeiro cuadrante os que predominan, debido ao efecto de barreira que supoñen as serras litorais das cordilleiras Béticas, que favorecen un troco de rumbo a suroeste, e á canalización dos fluxos no portiño tectónico que constitúe Cartagena e o mar Menor.

Demografía[editar | editar a fonte]

Evolución demográfica de Cartagena, 1900-2005.

Segundo os dados que obran no concello, a 1 de xaneiro de 2007, o municipio de Cartagena conta cunha poboación de 211.329 habitantes (107.736 homes e 103.593 mulleres), dos cales, 176.021 moran na cidade e 35.840 nas deputacións do municipio.

Segundo o censo INE 2006, o 12,75% dos habitantes de Cartagena son de nacionalidade estranxeira[2].

A súa área metropolitana, integrada polos municipios de La Unión, Fuente Álamo, Los Alcázares, San Javier, Torre Pacheco e San Pedro del Pinatar, conta con 332.035 habitantes.

Evolución demográfica do municipio de Cartagena [3]
1857 1877 1887 1900 1910 1920 1930 1940
Poboación 59.618 75.908 84.171 99.871 102.542 96.891 102.518 113.468
1950 1960 1970 1981 1991 1996 2000 2007
Poboación 113.160 123.630 146.904 172.751 173.061 170.483 183.799 211.329

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Cartagena.
Hispania tras a división provincial de Diocleciano.
Hispania no s.VI.

Tense constancia certa da fundación da cidade de Cartagena ó redor do ano 227 a. C. polo xeral cartaxinés Asdrúbal o Belo co nome de Qart Hadasht (Cidade Nova), posiblemente sobre un asentamento tartesico anterior de nome Mastia de Tarse, do que se teñen noticias dende o século VI a. C.

A cidade cartaxinesa de Qart Hadasht sería a principal base dos cartaxineses en España, e dela partiu Aníbal na súa famosa expedición a Italia, que lle levaría a cruzar os Alpes, ao comezar a Segunda Guerra Púnica no ano 218 a. C. O xeral romano Escipión tomou Cartagena no ano 209 a. C., sendo posesión romana desde entón co nome de Carthago Nova, e unha das cidades romanas mais importantes de Hispania.

Nun principio, Carthago Nova dependeu administrativamente da Hispania Citerior con capital en Tarraco (Tarragona). Durante o goberno de Augusto, a cidade foi elevada a rango de colonia co nome de Colónia Vrbs Iulia Nova Carthago (C.V.I.N.C) co que os seus habitantes pasaban a considerar-se cidadáns de dereito romano. Durante o goberno de Tiberio, creouse o Conventus Iuridicus Carthaginensis con capital na cidade, dentro da provincia tarraconense.

No ano 298, o emperador Diocleciano dividiu a Tarraconense en tres provincias, constituíndo a provincia romana Carthaginense e estabelecendo a capital na cidade de Cartagena. Cara ao ano 425 a cidade foi saqueada polos vándalos antes de pasar estes a África.

Tras a caída do Imperio de Occidente e o establecemento dos reinos xermanos en España, cara ao 550 Cartagena foi conquistada polo emperador bizantino Xustiniano I e converteuse na capital da Provincia de Spania do Imperio Bizantino baixo o nome de Carthago Spartaria.

Os visigodos, dirixidos polo rei Suintila, tomaron e, segundo conta San Isidoro destruíron e asolaron por completo a cidade, causando unha profunda decadencia. Sen embargo, este comentario se cadra pecou de esaxerado, xa que en 675, Munulo, bispo de Cartagena, aparece asinando unha das actas dos concilios de Toledo, o que demostra que nese momento había un bispo co seu sede na cidade.

Durante a dominación árabe, Cartagena experimentou unha certa recuperación e contou cunha mesquita e unha alcazaba fortificada sobre o actual cerro da Conceizón.

En 1245 prodúcese a reconquista da cidade, e restáurase o bispado de Cartagena, aínda que uns poucos anos despois a sede foi trasladada a Murcia. En 1296 pasaría á Coroa de Aragón, lexitimada a posesión pola Sentencia Arbitral de Torrellas, pero o Tratado de Elx de 1305 devolvería a cidade ao Reino de Castela.

Cartagena experimentou unha grande recuperación co establecemento da dinastía dos Borbóns no século XVIII, período no que Cartagena convértese na capital do Departamento Marítimo do Mediterráneo, e constrúense numerosas obras de carácter militar, como as murallas da cidade e os diversos castelos que a rodean, así como o Hospital de Marina.

No século XIX o acontecemento máis importante é a revolución cantonal que comezou o 12 de xullo de 1873, en que a cidade ergueuse contra o goberno central en defensa das teses federalistas. O alzamento de Cartagena tivo grande relevancia pola importancia militar da cidade, que resistiu até que en xaneiro de 1874 as tropas do xeral López Domínguez entraron na cidade.

Durante a Guerra Civil española de 1936-1939 Cartagena foi a única base naval que ficou baixo control da República, e a última cidade en caer en mans dos sublevados, o 31 de marzo de 1939.

Actualmente Cartagena forma parte da comunidade autónoma da Rexión de Murcia, e é sede da Asemblea Rexional.

Historia de Cartagena na arte[editar | editar a fonte]

"A clemencia de Escipión", tamén chamada "A Continencia de Escipión" é o relato lendario e mitolóxico da toma da cidade de Cartago Nova polo xeral romano Escipión o Alfricano, narrado polos historiadores Polibio e Tito Livio, e que converteuse nun dos temas preferidos da poesía, a literatura, a escultura e a ópera de tema histórico do renacemento e o barroco.

Economía[editar | editar a fonte]

Administración[editar | editar a fonte]

As primeiras eleccións municipais democráticas celebráronse en 1979. Até entón non existían partidos políticos.

Lista de alcaldes
Lexislatura Nome Grupo
1949-1960 Miguel Hernández Gómez (Franquismo)
1960-1966 Federico Triño Figueroa (Franquismo)
1966-1973 Ginés Hortas Celdrán (Franquismo)
1974-1976 Luis Roch Sánchez (Franquismo)
1976-1977 Manuel Antonio García Candela (Transición Democrática)
1977-1979 Bernardo García Pagán (Transición Democrática)
1979-1983 Enrique Escudeiro de Castro PSOE
1983-1987 Juan Martínez Simón PSOE
1987-1991 Antonio Vallejo Alberola Partido Cantonal
1991-1995 José Antonio Alonso Conesa PSOE
1995-1999 Pilar Barreiro Álvarez PP
1999-2003 Pilar Barreiro Álvarez PP
2003-2007 Pilar Barreiro Álvarez PP
2007-2011 Pilar Barreiro Álvarez PP

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Arquitectura de Cartagena.

Ao longo dos séculos, Cartagena acumulou un importante patrimonio monumental, desde os restos mais antigos, do século III a.C. até as novas construcións aínda en execución.

Teatro romano de Cartagena, en proceso de restauración, e sobre el as ruínas da antiga catedral de Cartagena

Patrimonio arqueolóxico[editar | editar a fonte]

Os xacementos máis importantes son:

Tamén destacan as caldas e conxunto do decumano, a Casa da Fortuna, a necrópole tardorromana e a Torre Cega.

Fortificacións e construcións militares[editar | editar a fonte]

Muralla de Carlos III. s.XVIII

A condición de praza naval de Cartagena fíxoa dotarse dun amplo número de construcións e fortificacións de índole militar. no entorno da cidade atópanse varios castelos defensivos e baterías de costa dos séculos XVIII e XIX, como San Julián, La Atalaya, San José, Galeras ou o Forte de Navidad.

Consérvase parte da última muralla da cidade edificada durante o reinado de Carlos III entre 1766 e 1786.

Dentro do recinto amurallado destacan outras construcións militares, como o antigo castelo da cidade, o Castelo da Concepción, o Arsenal Militar, o antigo Hospital de Marina e o Cuartel de Antiguons (ambas construcións do XVIII), a antiga Escola de gardamariñas, o edificio de Capitanía Xeral ou o antigo Parque de artillería (hoxe museo).

Outras edificacións destacadas[editar | editar a fonte]

Grande Hotel. Víctor Beltrí, 1916

Todo o centro histórico de Cartagena foi declarado Conxunto Histórico-Artístico, especialmente pola grande cantidade de edificios construídos pola burguesía da vila do s.XIX e principios do XX, a maior parte deles de estilo modernista.

Xunto a algunhas construcións do XVIII, como o antigo pazo do Marqués de Casatilly, actualmente Casino da cidade ou a casa de Antonio de Escano, as máis destacadas construcións son as realizadas durante os últimos anos do século XIX e primeiros do XX en estilo modernista. Entre as máis significativas estarían a Casa Pedreño (1872), a Casa Cervantes (1900), o Pazo de Aguirre (1900), o Pazo Consistorial (1907), a Casa Zapata (1909), o Grande Hotel (1916), a Casa Llagostera (1916) obras de arquitectos como Tomás Rico, Carlos Mancha ou Víctor Beltrí.

Existen tamén varias igrexas destacadas dende o punto de vista histórico-artístico. A máis destacada é a antiga Catedral da Nosa Señora da Asunción, actualmente en ruínas tras os bombardeos da Guerra Civil Española.

Outras igrexas destacadas son a de Santa María de Gracia, construída no século XVIII e da que saen as procesións de Semana Santa e a igrexa da Caridade, de 1893 en estilo neoclásico e sede a patroa de Cartagena, a Virxe da Caridade.

Na actualidade séguense realizando construcións destacadas, como as novas construcións actualmente en execución como o Museo do Teatro Romano, de Rafael Moneo, o Museo Nacional de Arqueoloxía Submarina, o Novo Club de Regatas, ou o Pazo de Deportes.

A 15 km da cidade consérvanse os restos do mosteiro de San Ginés de la Jara, de orixe medieval, aínda que a súa configuración actual data do século XVII.

Museos[editar | editar a fonte]

Augusto togado. Museo Arqueolóxico Municipal.
  • Museo Arqueolóxico Municipal. Edificado sobre unha necrópole tardorromana.
  • Museo Nacional de Arqueología Marítima. Na actualidade ultimando a construción da súa nova localización xunto ao porto.
  • Museo do Teatro Romano. Obra de Rafael Moneo. Prevista a súa inauguración en 2008.
  • Museo Naval. Localizado nas antigas Escolas da Sociedade Española de Construción Naval.
  • Museo Militar. Comparte co Arquivo Municipal o espazo do antigo Parque de Artillería.
  • Museo Carmen Conde - Antonio Oliver. No Centro Cultural da cidade, recriando a casa deste matrimonio de escritores.
  • Museo etnográfico do Campo de Cartagena. Atópase na Diputación de Cartagenera dos Puertos de Santa Bárbara.

Monumentos[editar | editar a fonte]

Outros moitos bustos e monumentos atópanse polas rúas, prazas e parques de Cartagena. Entre outros os dedicados ao Comandante Villamartín (obra de José Capuz), Isidoro Máiquez, Monroy, Antonio Alvarez Alonso ou o popular Icue.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Os pratos mais coñecidos de Cartagena son o caldero, un arroz elaborado polos pescadores preparado con pescado de roca e os michirones, un guiso feito con favas secas.

Outros pratos típicos son o arroz e coello, o coello ao allo cabañil, as salgaduras (pescado seco) e sobremesas como o arrope (doce elaborado con figos secos), o Touciño de ceo e o Pan de Calatrava.

Entre as bebidas destaca o asiático (un café con licor e outros condimentos), a láguena (mistura de anís e viño doce a partes iguais) e o reparo (coñac e viño doce a partes iguais).

Deportes[editar | editar a fonte]

Cartagena conta con diversos equipos en competicións de nivel nacional. Destacan o Fútbol Club Cartagena, que milita na Segunda División de fútbol, o Cartagena Fútbol Club, o Muebles Tuco Cartagena FS, na Liga Nacional de fútbol sala, o Club de Amigos del Baloncesto Cartagena, na Liga EBA de Baloncesto, ou o UCAM Tenis de Mesa na Superdivisión de Honra de tenis de mesa, único que participou en competicións europeas.

Outros equipos da cidade son o Club Atletismo Mandarache, o UCAM Atletismo Cartagena, o Club Marathon Cartagena, o Club de Tenis Cartagena, o Club Balonmano Cartagena, o Club Balonmano Maristas Ceregón, o Club Voleibol Talasur Cartagena, a Asociación Desportiva Algar Surmenor, o Real Club de Regatas de Cartagena, o Club Natación Cartagonova-Cartagena e o Club de Rugby universitario de Cartagena.

Instalacións deportivas[editar | editar a fonte]

Entre as instalacións desportivas da cidade destacan fundamentalmente o Estadio Cartagonova, inaugurado en 1988, o antigo Pavillón Municipal de Desportes Wsell de Guimbarda, a Piscina Municipal cuberta, o Centro Deportivo Mediterráneo e o Pazo de Deportes.

Festividades[editar | editar a fonte]

Xesús Nazareno da confraría Marraja

Personaxes ilustres de Cartagena[editar | editar a fonte]

(En cursiva os personaxes que non naceron en Cartagena, pero tiveron tiveron grande relevancia na cidade).

Lugares homónimos[editar | editar a fonte]

Fundada polos cartaxineses, Cartagena adoptou o seu nome da vella cidade púnica de Cartago. Unha herdanza que seguiu transmitíndose cos séculos:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. J. Sanmartín. "Toponimia y antroponimia: fuentes para el estudio de la cultura púnica en España". El mundo púnico: historia, sociedad y cultura. A. González Blanco; J.L. Cunchillos Ilarri; M. Molina Martos. ISBN 84-7564-160-1. 
  2. Fonte: Estatística do censo segundo o Instituto Nacional de Estadística de España. Poboación por sexo, municipios e nacionalidade (principais nacionalidades).
  3. Fonte: Poboación de feito segundo o Instituto Nacional de Estadística de España. Alteracións dos municipios nos Censos de poboación desde 1842, Series de poboación dos municipios de España desde 1996.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cartagena, España

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MARTÍNEZ ANDREU, M. Manual de Historia de Cartagena, Concello de Cartagena. 1996.
  • ACOSTUMAR CANTOU, J. A Historia de Cartagena. 2ª.ed. Murcia,1999.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]