Cneo Pompeio Magno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cneo Pompeio Magno, coñecido como Pompeio o Magno, nado o 29 de setembro de 106 ane e finado en Exipto o 28 de setembro de 48 ane) foi un político e xeneral do Imperio romano.

Desde moi novo tivo vocación política e militar e grande ambición por conseguir unha boa carreira e chegar ao mandato supremo de Roma. Os seus comezos nesta carreira foron xunto ao cónsul de Roma, Sila, como oficial do seu exército. Casou cunha muller chamada Antistia, á que repudiou anos máis tarde para casar de novo con Emilia (fillastra de Sila). Tivo unha terceira muller, Xulia, que era filla de Xulio César, o home con quen Pompeio formou o primeiro triunvirato de Roma.

Moitos foron os méritos militares que levaron a Pompeio ao triunfo de ser nomeado cónsul romano no ano 71 ane. O devandito nomeamento foi unha excepción na que o Senado se saltou as normas das leis polas que se rexían entón para obter este título, é dicir, o que se chamaba cursus honorum.

Éxitos militares[editar | editar a fonte]

Guerras sertorianas[editar | editar a fonte]

Cando Roma se deu conta de que Quinto Sertiorio, pretor da Hispania Citerior, se engrandecía e pretendía chegar a ser un monarca independente nesta provincia, mandou a Pompeio para que axudase ao procónsul Quinto Cecilio e xuntos venceran a Sertorio. Deste xeito Roma expresaba o seu desexo de quitar plenamente o poder a Sertorio, que se fora facendo cada vez máis grande e perigoso.

Para este empeño Roma creou un exército especial e pediu aos cónsules que se fixesen cargo, pero os cónsules negáronse a emprender esa campaña. Con todo, ofreceuse voluntario un xeneral novo e ambicioso, que xa triunfara á beira de Lucio Cornelio Sila na reconquista de África e por cuxos méritos o propio Sila deulle o apelativo de Magno, e o Senado honroulle co trunfo (espectacular desfile que se organizaba en ofrenda cara a algún xeneral que o merecese) no 79 a.C. Este xeneral era Cneo Pompeio o Grande.

En primeiro lugar, Pompeio e o seu exército fixeron a grande obra de construír unha calzada no monte Xenebra, que foi o primeiro camiño artificial que houbo nos Alpes, o mesmo que anos máis tarde, no 58 ane, utilizaría César para levar as súas lexións á Galia. Foi necesario construír esta rota porque o camiño da costa estaba ocupado polo pobos dos salvios (bárbaros veciños de [[Marsella), que estaban en pé de guerra. Ao pasar Pompeio pola nova ruta construída sorprendeu aos salvios polo flanco e venceunos sen dificultade, podendo así seguir pola estrada da costa, cruzar os Pireneos e entrar na Hispania o ano 77 ane.

A guerra contra Sertorio comezou e nos primeiros tempos o trunfo deste último foi considerable. As súas forzas militares e o seu talento eran moi superiores ás de Pompeio e Metelo]], que tamén loitaba contra el desde o extremo meridional do oeste. Pompeio edificou un campamento de inverno á vista de que a guerra sería dura e que se alongaría. O campamento chamouse Pompaelo, e así naceu a futura cidade de Pamplona. Pola súa banda, Metelo tamén edificara o seu propio campamento, que se chamou Metellinum, e que co tempo sería Badaxoz.

A guerra contra Sertorio terminouse no ano 71 ane, co absoluto trunfo de Pompeio e Metelo.

Os piratas[editar | editar a fonte]

O Senado de Roma levaba moitos anos sen ocuparse da mariña e do coidado das súas costas, feito que os numerosos piratas aproveitaron para vivir ás súas anchas e actuar en consecuencia. O Mediterráneo estaba invadido por estes fuxidos aventureiros que procedían case todos das costas de Cilicia, en Asia Menor (no golfo de Alexandreta, fronte á illa de Chipre). A súa audacia e a súa seguridade eran tal que chegaron a desembarcar na desembocadura do río Tíber, internándose ata as proximidades de Roma sen seren molestados.

Dadas as circunstancias, no ano 67 a.C. a Asemblea do pobo aprobou unha lei pola cal outorgábase a Pompeio ata 200 naves e autorización para aumentar o seu exército, cousa que non se facía normalmente con ningún xeneral. No término de 40 días, Pompeio varreu de piratas as costas do Mediodía occidental e noutros tantos días limpou a parte oriental ata chegar ás costas de Cilicia, onde tamén fixo un bo escarmento.

O regreso a Roma[editar | editar a fonte]

Logo da campaña contra os piratas Pompeio dirixiuse a Siria loitando e vencendo ao rei Mitrídates, campaña bélica que durou desde o 67 a.C. ata o 62 a.C.. No 61 regresou a Roma de forma triunfal por terceira vez. Licenciou ao seu exército e pediu ao Senado que lle concedese terras para os seus lexionarios, como paga e recompensa. Pero o Senado non fixo caso da súa petición, polo que Pompeio, que era altivo e orgulloso e coñecía os seus propios méritos en todas as campañas anteriores, volveuse contra o partido aristocrático dos senadores, e no ano 60 declarouse abertamente enimigo do Senado, poñéndose de acordo co político Marco Licinio Craso e co xeneral Xulio César para formar o primeiro Triunvirato, cuxos triunviros eran estes tres xenerais. Nun principio este acordo careceu do apoio do Senado e non tivo soporte legal ningún. O seu programa estaba concibido para engrandecer Roma aínda a costa da oposición dos senadores. Tiñan da súa parte ao pobo e aos soldados e por un tempo os tres xenerais foron os donos de Roma.

Cos anos, a relación dos tres xenerais foise deteriorando. No ano 53 a.C. morreu Craso en Carres (cidade próxima a Harran, na actual Turquía, ao sureste), loitando contra os partos. No ano 52 a.C., o Senado decidiu destituír a César do seu cargo de cónsul coa idea de que quedase un só, Pompeio. Este feito foi o comezo da grande enemizade entre César máis os seus partidarios e Pompeio máis os seus.

A fin de Pompeio[editar | editar a fonte]

Cando lle chegaron as noticias do seu cesamento a César, decidiu regresar a Roma co seu exército e defender os seus dereitos coa súa axuda. Cruzou no 49 a.C. o antigo río Rubicón, que marcaba a fronteira entre Italia e a Galia Cisalpina, e presentouse nas proximidades de Roma desafiando ao Senado e ao propio Pompeio. Ante esta audacia de César, Pompeio optou por retirarse a Brundisium (actual Brindisi, ao sur de Italia) e máis tarde a Grecia, onde contaba cun exército que lle era fiel; tiña tamén moitos partidarios seguidores de Hispania e contaba así mesmo coa frota que mandara na campaña contra os piratas. Malia todo, César tomou o control da península Itálica e perseguiu a Pompeio, derrotándoo na soada batalla de Farsalia (antiga cidade ao norte de Grecia), no 48 a.C. (Esta batalla tenna na Historia como unha das máis interesantes da antigüidade, desde o punto de vista da arte militar).

Pompeio puido fuxir dirixíndose a Exipto, onde lle esperaba a morte a mans dun sicario do rei Ptolomeo XIII (irmán da soada Cleopatra), cando desembarcou en Pelusio o 28 de setembro do ano 48 a.C. Ptolomeo quixo deste xeito render tributo a César, de quen se sentía grande amigo político.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pompeyo