Itálica (cidade)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Anfiteatro

A cidade de Itálica (Colonia Aelia Augusta Italicensium) atópase na actual localidade de Santiponce, na provincia de Sevilla.

Historia[editar | editar a fonte]

Fundada no ano 206 a.c. polo Xeral Publio Cornelio Escipión co obxecto de asentar nela aos soldados feridos que participaran na batalla de Ilipa(contra os cartaxineses) e servir de posto militar avanzado nun lugar de alto valor estratéxico. Nela naceu Marco Ulpio Traxano (53 - 117 d.C.), primeiro emperador oriundo dunha provincia romana, e probablemente tamén o seu sucesor Publio Elio Hadriano (76 - 138 d.C.). Este foi educado en Itálica, a cal honrou coa construción dun novo barrio (nova urbs), que se distingue da vetus urbs, núcleo fundado por Escipión. Na actualidade esta última atópase baixo o centro urbano de Santiponce. A nova urbs de Hadriano foi obxecto de numerosas escavacións arqueolóxicas, dende a primeira delas levada a cabo por Francisco de Bruna entre 1781 e 1788.

No Cerro de la Cabeza, a uns 500 metros o norte do anfiteatro documentouse nos anos oitenta a existencia dun asentamento prerromano cunha longa secuencia de ocupación abarcando dende o bronce final (sec. VIII a.C.) ata a época turdetana (sec. IV a.C.).

A cidade de Itálica era un importante centro político e relixioso, e obtivo maior importancia durante a época imperial que durante a republicana.

Itálica tiña unha privilexiada localización: sucaba a cidade a Vía da Prata e o Guadalquivir (era un dos portos fluviais máis importantes da Hispania romana) tiña a súa ribeira moi preto da cidade.

Os monumentos máis importantes de Itálica son:

  • O teatro, anterior ó gran desenvolvemento da cidade, da época de Augusto. O teatro débese á familia Traiani, do seno da cal nacería Traxano. Esta familia contribuía ó traballo de monumentalización de Itálica desde antes do seu gran crecemento.
  • O anfiteatro era un dos maiores do Imperio Romano, pois nel collían ata 25.000 espectadores. Era, ademais, un anfiteatro moi sofisticado en canto a infraestrutura e técnica.
  • As termas, coñecidas coma os baños da Reina Mora, foron creadas durante a época de Hadriano. Ocupaban catro insulae (mazás) da cidade, sendo así unha das maiores termas da Hispania romana.
  • O Traianeum, recinto cultual no centro da cidade dedicado ó emperador Traxano, naquel entón divinizado. Contaba gran templo de mármore branco e rodeado por unha praza porticada con exedras.

Na actualidade configura un Conxunto Arqueolóxico visitable que impresiona pese a ser despoxado de gran parte dos seus tesouros conservados no Museo Arqueolóxico de Sevilla e en distintos puntos da cidade sevillana, destacando os seus fermosos e completísimos mosaicos.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Itálica