Golfo de Biscaia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa do mar Cantabrico.
Imaxe de satélite.
Rasa mareal entre Deba e Zumaia en Guipúscoa (País Vasco).

O golfo de Biscaia (en éuscaro: Bizkaiko Golkoa, en francés: golfe de Gascogne, en occitano: golf de Gasconha) é un golfo do Atlántico Norte que comprende o mar Cantábrico. Comprende, aproximadamente, dende Estaca de Bares en Galicia ata o sur de Bretaña. Baña as costas de Cantabria, País Vasco e Aquitania (Francia).

Comprende importantes portos comerciais, como o de Bilbao, Pasaia ou Bordeos, e pesqueiros como os de Santoña, Laredo, Castro-Urdiales, Bermeo, Ondarroa, Getaria ou Saint-Jean-de-Luz.

Xeografía física[editar | editar a fonte]

A súa costa no sur é escarpada, con multitude de cantís entre os que se abren praias e pequenas baías, xeralmente nas desembocaduras dos ríos (que adoitan ser en forma de rías). Destacan a rasa mareal da costa guipuscoana, entre Deba e Zumaia (esténdese en menor medida ata Ondárroa), e as praias de Laredo, Comillas, Laga, Deba, Zarautz ou Donostia, mentres que a costa francesa é baixa e areosa, con numerosos pantanos. Nuns 320 km ao norte da Xironda predominan as marismas, pero logo vólvese rochosa e elevada ata a península de Quiberon.

Os ríos que desembocan neste golfo son de curto percorrido e moi irregular caudal, como todos os da vertente Cantábrica (agás o río Garona que desemboca na cidade de Bordeos). Entre eles destacan o Nervión, que forma a ría de Bilbao, e o río Bidasoa, que marca a fronteira entre Francia e España.

A pesqueira do golfo de Biscaia é similar á do mar Cantábrico. Está moi explotada e hai moitas especies que están en perigo serio de extinción, como o ollomol, a pescada e ata a bocarte. Outras, como o verdel e o bonito, gozan de boa saúde e explótanse regularmente. Algunhas especies xa desapareceron, como a balea vasca, cuxo último exemplar pescouse en Orio a principios do século XX.

O golfo de Biscaia foi unha zona de tránsito naval importante desde a antigüidade. A característica da súa localización e forma potenciou que se usase para a navegación entre a costa occidental continental e o norte peninsular, e entre estes puntos coas Illas Británicas (a diferenza da rexión occidental do mar Cantábrico, as costas galega e asturiana, onde se propiciaron as rutas cara a e desde Irlanda).

A corrente de Nadal, que percorre toda a costa Cantábrica de oeste a leste, chega ao golfo de Biscaia arrastrando toda clase de obxectos ata chocar coa costa continental, o que lle obriga a subir ao norte e morrer. Esta corrente é a culpable de que a vertedura de chapapote ou galipot do naufraxio do Prestige chegase ata as costas francesas desde máis aló da cidade da Coruña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golfo de Biscaia