Mosteiro de Santa María de Meira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°12′47.0″N 07°17′28.1″W / 43.213056°N 7.291139°W / 43.213056; -7.291139

Fachada principal da Igrexa de Santa María.

O mosteiro de Santa María de Meira é un mosteiro medieval fundado no século XII, do que se conserva a igrexa e parte das edificacións monásticas, situado na parroquia de Meira, pertencente ao concello do mesmo nome.

Historia[editar | editar a fonte]

Fontes[editar | editar a fonte]

Lateral da Igrexa.

Para o estudo da historia deste mosteiro cóntase como fontes cos fondos arquivísticos do mosteiro incautadas trala desamortización de Mendizábal e que mais tarde foron levados ao Arquivo Histórico Nacional de Madrid. Consérvanse tres pergameos anteriores ao ano 1151 e un total de 1.195 pergameos que van dende o ano 1151 ata o 1525.

Entre a documentación destacan os códices, que eran confeccionados con posterioridade aos feitos orixe dos datos que conteñen. Tratase de copias, transcricións íntegras ou extractos mais ou menos amplos dos documentos considerados de interese para a comunidade.

De entre os códices deste mosteiro debese destacar o coñecido como Tombo de Meira (Libro 114B). É un códice de gran tamaño, realizado entre os anos 1614 a 1617 e 1617 a 1824, e conformado por sete folios sen numerar e 32 máis 28 (estes de época máis moderna) que seguen a numeración anterior.

Fundación[editar | editar a fonte]

Os fondos arquivísticos de Meira non conservan noticias da carta fundacional da casa. A pesar disto pódese afirmar que a súa fundación foi o froito da chegada ao poder de Afonso VII.

O Pai Yepes, na súa obra Crónica General de la Orden de San Benito, fai referencia a unha noticia do ano 997 que alude ao mosteiro pero descoñecese a orixe deste dato. A máis o Pai Yepes, e a pesar desta referencia, sitúa a fundación do mosteiro no ano 1142, diferindo nun só ano no defendido por Manrique. Tamén asegura que foi o propio San Bernardo quen enviou a un selecto grupo de 13 monxes entre os que se atopaba o Abade Vidal e Rogerio.

Pola súa parte M. Domínguez Casal sitúa a fundación da casa entre os anos 1151 a 1154, baseándose en que no ano 1151 documentase unha concesión feita por Afonso VII ao conde Álvaro Rodríguez, dato que xunto con outras doazóns do conde ao mosteiro fan que esta autora defenda a fundación do mosteiro por parte desta personaxe. Outros autores persisten en discrepar na data de fundación, como o profesor Lucas Álvarez, que opta por situar no ano 1144 a incorporación da comunidade a Orde do Císter e a súa fundación poucos anos antes.

O primeiro documento que se refire a este mosteiro data do ano 1154. A fundación do mosteiro afástase do máis habitual en Galicia e a fundación foi dirixida directamente desde a casa central francesa, fundando un novo mosteiro, nun lugar doado polo conde de Sarria e a súa dona, filla do conde de Trava.

Descrición[editar | editar a fonte]

Dos edificios conventuais na actualidade consérvase só a igrexa. Construída no austero estilo cisterciense foi consagrada o 3 de xullo do ano 1258 polo bispo Martiño de Lugo.

No templo seguiuse o modelo de templo cisterciense máis antigo conservado, o de Fontenay[1], con capelas absidais cadradas. Este modelo tamén foi o seguido na igrexa do mosteiro de Santa María de Oia.

O mosteiro desde os seus inicios realizou actividades económicas a través das tres formas clásicas: doazóns, compravendas e cambios. A maior parte delas foron feitas ata o ano 1350, podéndose sinalar ata 446 doazóns e 180 compras, que representan o 81% do total das adquisicións documentadas.

Igrexa[editar | editar a fonte]

A nave principal cóbrese con bóveda canón apuntado, e as naves laterais con bóvedas de aresta.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Abadía de terceira clase levantada en Borgoña como factoría industrial

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro de Santa María de Meira

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]