Uceira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uceira no Ortegal (Galicia).
Uceira en Woodbury Common, Devon (Inglaterra); mestúranse as flores púrpuras das queiroas (Calluna vulgaris) coas chorimas amarelas do toxo femia (Ulex gallii).
Toxos e breixos, na península do Grove (Galicia).

Unha uceira ou uzal[1] é un monte ou terreo poboado principalmente de uces (especies dos xéneros Erica e/ou Calluna). Outros nomes destas formacións son breixeira, moural e urceira.[2]

Atopamos uceiras en diferentes partes do mundo, sendo moi abundantes na Europa atlántica, como nas Illas Británicas e Galicia.

Uceira atlántica[editar | editar a fonte]

A uceira atlántica é un hábitat de matogueira que se atopa principalmente en terreos sen drenaxe, infértiles e acedos (como en gándaras, páramos, turbeiras ou brañas) caracterizados por vexetación leñosa de pouco crecemento. Poden ser o resultado dunha degradación importante de formacións de carballos (carballos veriños, cerquiños ou sobreiras). Van dende o norte de Portugal até Escandinavia.

As especies das uceiras adoitan ser capaces de sobrevivir a perturbacións severas, coma o lume ou a roza, xa que agroman a partir de gomos situados en órganos subterráneos. O feito de soportar o lume dálles unha enorme vantaxe sobre outro tipo de vexetación que ten que florear e xermolar. Naturalmente sucumben se os lumes son moi reiterativos, entre outros factores, polo empobrecemento do solo.

As condicións climáticas das uceiras acostuman ser húmidas e cálidas, algo secas polo verán; co solo acedo, de baixa fertilidade, e normalmente areento. Cando a drenaxe é moi baixa poden aparecer as turbeiras, pero que adoitan ser pequenas. Os arbustos das uceiras van dos 0.2–2 m de alto.

A vexetación da uceira pode ser moi rica (as uceiras de Australia máis, con até 3.700 especies endémicas, e os fynbos de Suráfrica até 7,000 especies, biodiversidade só superada nas zonas tropicais).[3] mais as uceiras europeas acostuman ser pobres en especies cunha flora basicamente representada por queiroas (especies de Calluna), uces (especies de Erica) e toxos (especies de Ulex). Ademais acompáñanse doutros arbustos que poden ter boa representación como algunhas Cistus ssp), como a esteva (Cistus ladanifer) ou a carpaza macho (Cistus populifolius), ou as carqueixas.

A fauna aviar acolle a numerosas especies locais, que poden incluír á tartaraña cincenta, ou á pica das árbores.

Uceira mediterránea[editar | editar a fonte]

En zonas mediterráneas (sur de Portugal e costa mediterránea) aparece tamén o érbedo, o aderno, Halimium ocymoides ou Polygala microphylla, entre outras.

Adoitan ser o resultado dunha degradación importante de formacións de sobreiras e aciñeiras principalmente.

No suroeste da Península Ibérica poden distinguirse dous tipos de uceira: as altas e as baixas. Nas uceiras altas a especie dominante é a uz moura (Erica australis), ás veces acompañado de uz branca (Erica arborea), carpaza macho (Cistus populifolius), xesta molar (Cytisus striatus), Genista triacanthos, queiroa (Calluna vulgaris) ou carqueixa (Pterospartum tridentatum). As baixas, que ocupan en moitos casos posicións circundantes ás altas, están dominados pola presenza dunha uz de escaso porte: a carroucha de umbela (Erica umbellata) que na maioría dos casos acompáñase de Halimium ocymoides, e con frecuencia tamén da carqueixa (Pterospartum tridentatum). Estas nanouceiras atópanse fundamentalmente en solos moi degradados.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomes favoritos en galego para o ecosistema en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para uceira.
  3. Montane fynbos and renosterveld

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]