Espazo natural protexido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Espazos protexidos
por rexións continentais
Illas Cíes, do parque nacional das Illas Atlánticas
Parque Nacional das
Illas Atlánticas
África: 14.7 % terrestre, 2,4 %mariña
América Central: 28,2 % terrestre, 2,1 % mariña
América do Norte: 14,4 % terrestre, 6,9 % mariña
América do Sur: 25,0 % terrestre, 3,9 % mariña
Asia: 12,4 % terrestre, 4,5 % mariña
Caribe: 14,6 % terrestre, 1,2 % mariña
Europa: 13,6 % terrestre, 3,9 % mariña
Oceanía: 14,2 % terrestre, 15,6 % mariña
Océanos do sur: 18,6 % terrestre, 17,7 % mariña
Oriente Medio: 15,2 % terrestre, 1 % mariña
Fracción de área mariña ou terrestre. Fonte: UNEP-WCMC 2014

Un espazo natural protexido, área protexida ou espazo de conservación, é unha paraxe terrestre ou mariña definida xeograficamente e que se protexe coa finalidade de conservar a súa biodiversidade e os seus hábitats.[1] Préstaselles atención pola súa importancia no ecosistema ou o seu valor engadido de importancia cultural.

Nestes espazos, ben por interese gobernamental ben asociativo, aplícanse accións de preservación do ecosistema para manter os seus servizos ou melloralos, se é que teñen zonas degradadas por actividade humana. A finalidade da protección soe ser a de paliar o impacto humano nos procesos do ecosistema, que provocan unha redución da biodiversidade,[2] e a de garantir que os ecosistemas se conserven para as futuras xeracións[1].

Hai diferentes tipos de espazos naturais protexidos segundo a categoría que as leis de cada país lle outorguen ou a regulación de convenios de organizacións internacionais, como a Rede Natura 2000 da Unión Europea ou as Reservas da Biosfera da UNESCO. Moitos dos espazos mariños protexidos soen incluír áreas mariñas extensas e ser transfronteirizos, polo que a súa conservación é un compromiso internacional.

En 2016 só o 14,8% (161 millóns km2) da superficie terrestre e as augas continentais, o 12,7% (3,6 millóns de km2) da costa e o 5,1% (3,6 millóns de km2) das augas oceánicas estaba protexidas por algunha categoría de espazo natural.[3][4]

Definición[editar | editar a fonte]

As áreas protexidas enténdense como aquelas nas que a ocupación do espazo natural pola humanidade ou dos recursos do ecosistema é limitado. As definicións que máis se aceptan nos marcos de desenvolvemento rexional e nas lexislacións estatais son as da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). As súas definición foron:

Unha área definida xeograficamente que se asigna, regula e xestiona con finalidades específicas de conservación.
Convención da Diversidade Biolóxica de 1992, 1 Artigo 2
Un espazo xeográfico claramente definido, recoñecido, adicado e xestionado, a efectos legais ou con outra medida efectiva, para acadar a conservación a longo prazo da natureza, cos seus servizos de ecosistema asociados e valores culturais
Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) 2008, 2

Categorías de xestión das áreas protexidas da IUCN[editar | editar a fonte]

Mapa do planeta coa porcentaxe de espazos protexidos en cada país de 2005.

A IUCN, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, a través da súa "Comisión Mundial para os Espazos Protexidos" (WCPA) definiu unha táboa de clasificación de seis categorías dos espazos naturais segundo os obxectivos de conservación. Esta táboa é aceptada por varios gobernos e polas Nacións Unidas.[5] Permite definir e catalogar as áreas protexidas e iniciar os seus planos de conservación, segundo as necesidades de conservación.[6]

As categorías dos espazos protexidos segundo a IUCN son:

  • Categoría Ia — Reserva natural estrita
  • Categoría Ib — Área salvaxe
  • Categoría II — Parque nacional
  • Categoría III — Monumento natural
  • Categoría IV — Área de hábitats ou xestión de especies
  • Categoría V — Área terrestre ou marítima protexida
  • Categoría VI – Área protexida cun uso sostible dos recursos naturais

Os elementos aos que se lle presta atención para definir como de interese de preservación unha área son a cantidade de especies en risco de extinción, as especies limitadas xeograficamente, as ensamblaxes de especies e o número de especies en risco e que coexisten e os tipos de ecosistema en perigo de desaparición e a súa integridade. As agregacións demográficas de especies, os refuxios ecolóxicos e as fontes de recursos, como alimentos ou puntos de reprodución serven para determinar as áreas tamén. A biodiversidade dos ecosistemas avalíase ao nivel da riqueza taxonómica e da variabilidade xenética das especies.[7]

Espazos naturais por rexións[editar | editar a fonte]

Europa[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Rede Natura 2000.

Na Unión Europea creouse a Rede Natura 2000 entre todos os estados membros coa finalidade de garantir a supervivencia das especies de maior interese e en maior risco de extinción da Unión Europea. Esta rede de espazos protexidos componse de zonas especial de conservación (ZEC) e zona de especial protección para as aves (ZEPA). Os lugares de importancia comunitaria (LIC) son a primeira fase de declaración dun espazo, por parte dun estado membro, antes da súa catalogación como zonas especial de conservación (ZEC) na Unión. Desígnase baixo a lexislación da Directiva de Hábitats (Directiva 92/43/CE de 1992 coa que se crea a rede) e a Directiva de Aves.

En 2017 estaban catalogados dentro da Rede Natura 2000 europea máis do 18% do territorio terrestre e o 6% do mariño da Unión. Así é que é a maior rede de conservación de espazos naturais do planeta.[8][9][10]

A rede ten por obxectivos protexer a especies e hábitats, manter e restaurar ecosistemas, conseguir unha agricultura, explotación forestal e pesca sostibles, combater as especies invasoras, reducir a perda de biodiversidade global.[8]

España[editar | editar a fonte]

Os espazos protexidos terrestres e marítimos dentro da soberanía do estado español réxense pola Lei 42/2007 do patrimonio natural e da biodiversidade.[11] A lei ten por obxectivo a conservación e protección da diversidade biolóxica, a riqueza xeolóxica e a tradución cultural asociada a estes espazos. Na lei considéranse de interese de protección espazos naturais en risco ou con posibilidade de ameaza, ou espazos de interese ecolóxico, xeolóxico, paisaxístico ou outros.[12]

A lei recolle cinco categorías de clasificación para os espazos:

  • Parques: son lugares con ecosistemas, formacións xeomorfolóxicas ou outros valores que merecen a máxima atención. Inclúe a rede de parques nacionais.
  • Reservas naturais: son lugares con ecosistemas con interese de preservación ben por estar baixo risco de preservación ben por ter elementos raros ou de interese xeral.
  • Áreas mariñas protexidas: son áreas intermareais e submareais que singulares, con risco ou importancia de conservación.
  • Monumentos naturais: son formacións peculiares que pola súa rareza ou beleza se lles outorga dereito de preservación.
  • Paisaxes protexidos: son espazos do territorio que por elementos estéticos ou culturais, e segundo as regras do convenio europeo da paisaxe do Consello Europeo, merecen ser protexidos.

As comunidades autónomas do estado desenvolveron as súas propias lexislacións sobre dos espazos protexidos e en 2017 chegaban a ser máis de 40 figuras de proteccións. Segundo o seu marco xurídico, estes espazos están agrúpanse dentro de:

  • Espazos naturais protexidos, que é un inventario nacional[13]
  • Espazos protexidos pola Rede Natura 2000[10]
  • Espazos protexidos por instrumentos internacionais, como as zonas húmidas de importancia internacional, a lista de patrimonio natural, áreas protexidas do convenio de protección do ambiente mariño do Atlántico do noroeste OSPAR, os xeoparques e reservas da biosfera da UNESCO e as reservas bioxenéticas do Consello de Europa.[14]

A Lei 42/2007 recoñeceu a figura e importancia dos lugares de interese xeolóxico; definindo a xeodiversidade, o patrimonio xeolóxico e os xeoparques.[15]

En España en 2017 os espazos naturais declarados supoñen o 28,03% (142 mil km2) da superficie terrestre e o 8,37% (84 mil km2) de superficie mariña. Seguindo a clasificación da IUCN, das 4,040 áreas protexidas só 13 espazos naturais son da categoría Ia e 61 da Ib.[16]

Galicia[editar | editar a fonte]

Dentro do marco estatal, a lexislación galega rexe que existen as seguintes figuras de espazos naturais:

A costa galega conta con áreas mariñas catalogadas como zonas de especial protección dos valores naturais, mais que son de competencia do estado polo réxime xurídico de costas vixente. Este é o caso das ZEPVN[17][18][19]: ZEPA e LIC Banco de Galicia e ZEPAs das Rías Baixas de Galicia, da Punta de Candelaria - Ría de Ortigueira - Estaca de Bares, da Costa de Ferrolterra - Valdoviño, da Costa da Morte e a das Rías Baixas de Galicia

Así mesmo as outras figuras de orde internacional que existen no territorio galego son:

Galicia tiña no 2017 16 lugares de interese xeolóxico de relevancia internacional, geosites declarados pola Unión Internacional das Ciencias Xeolóxicas e a UNESCO,[20][21] e arredor de 75 lugares de interese xeolóxico[22].

Portugal[editar | editar a fonte]

A lexislación portuguesa declara aos espazos naturais protexidos como áreas protexidas e establece para cada tipo unha regulación específica. A lei para este fin foi o decreto-lei 19/93 do 23 de xaneiro de 1993 e o posterior decreto-lei 142/2008, e nelas declaráronse as seguintes categorías de áreas protexidas:

  • De ámbito nacional[23]:
    • Parque nacional
    • Parque natural
    • Reserva natural
    • Monumento natural
    • Paisaxe protexida
    • Lugares de interese biolóxico
  • De ámbito rexional ou local:
    • Parque natural rexional
    • Reserva natural local
    • Paisaxe protexida local
    • Área protexida privada

O seu único parque nacional é o da Peneda-Gerês. Conta con outros trece parques naturais: o Montesinho, Douro Internacional, Litoral Norte, Alvão, Serra da Estrela, Tejo Internacional, Serras de Aire e Candeeiros, São Mamede, Sintra-Cascais, Arrábida, Sudoeste Alentejano e Costa Vicentina, Vale do Guadiana, e Ria Formosa.[23] Portugal conta co seu 22.9% (21 mil km2) de superficie terrestre e 8,36% (144 mil km2) de superficie mariña protexido. 13 áreas son de categoría Ia da IUCN e 25 da Ib.[24]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Biodiversity A-Z, United Nations Environment (eds.). "Protected area definition - Biodiversity A-Z". Consultado o 03/10/2017. 
  2. Dudley, N. (ed.) (2008). IUCN, eds. Guidelines for Appling Protected Areas Management Categories. Suíza. 
  3. Protected Planet. United Nations Environment Programme, eds. (2016). "UNEP-WCMC and IUCN (2016). Protected Planet Report 2016. DEP/2022/CA". UNEP-WCMC e IUCN: Cambridge (Reino Unido). ISBN 978-92-807-3587-1. 
  4. "Protected Planet Report 2016: Update on global statistics from Protected Planet Report 2016" (en inglés). decembro de 2016. 
  5. "IUCN - Home". 
  6. Dudley, Nigel (02/10/2008). IUCN, eds. Guidelines for applying protected area management categories (en inglés). Suíza. p. 86. ISBN 978-2-8317-1086-0. Consultado o 03/10/2017. 
  7. IUNC, eds. (2016). A global standard for the identification of Key Biodiversity Areas : version 1.0 (1.0 ed.). Gland, Suiza e Cambridge, Reino Unido. ISBN 978-2-8317-1835-4. Consultado o 2017-10-03. 
  8. 8,0 8,1 Comisión Europea - Ambiente (eds.). "Biodiversity Strategy" (en inglés). 
  9. Comisión Europea - Ambiente (eds.). "The Natura 2000 Biogeographical Process" (en inglés). 
  10. 10,0 10,1 Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Red Natura 2000" (en castelán). 
  11. Boletín Oficial del Estado, eds. (15/12/2007). "Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad. «BOE» núm. 299, de 14/12/2007.". Consultado o 2017-10-03. 
  12. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Espacios protegidos" (en castelán). 
  13. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Espacios Naturales Protegidos en España" (en castelán). 
  14. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Áreas Protegidas por Instrumentos Internacionales" (en castelán). 
  15. Instituto Geológico y Minero de España, Ministerio de Economía, Industria y Competitividad (eds.). "Patrimonio Geológico y geodiversidad de España: Legislación" (en castelán). 
  16. Protected Planet, UN Environment (eds.). "Spain, Europe in Protected Planet". Consultado o 3/10/2017. 
  17. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Espacios marinos protegidos de competencia estatal: A Coruña" (en castelán). 
  18. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Espacios marinos protegidos de competencia estatal: Pontevedra" (en castelán). 
  19. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Gobierno de España (eds.). "Espacios marinos protegidos de competencia estatal: Lugo" (en castelán). 
  20. Instituto Geológico y Minero de España, Ministerio de Economía, Industría y Competitividad (eds.). "Geosites" (en castelán). 
  21. United Nations Organization for Education, Science and Culture (UNESCO) (eds.). "UNESCO Global Geoparks" (en inglés). 
  22. Instituto Geológico y Minero de España, Ministerio de Economía, Industria y Competitividad (eds.). "Base de datos del Inventario Español de Lugares de Interés Geológico (IELIG)" (en castelán). 
  23. 23,0 23,1 Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (eds.). "Áreas Protegidas" (en portugués). 
  24. Protected Planet, UN Environment (eds.). "Portugal, Europe". Consultado o 3/10/2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]