Monte Aloia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°4′46″N 8°40′13″O / 42.07944, -8.67028

Monte Aloia
Vistas Aloia 2.JPG
Marco Legal
Figura de Protección: Parque natural, ZEC
Ano de constitución: 4 de decembro de 1978
Superficie: 746 ha.
Lexislación:
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Pontevedra
Concellos: Tui
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O monte Aloia é un cumio situado na serra do Galiñeiro, declarado parque natural o 4 de decembro de 1978[1][2] e como zona especial de conservación (ZEC)[3]. Está situado no concello pontevedrés de Tui e ten unha extensión de 746 hectáreas. A súa vexetación está caracterizada por especies autóctonas acompañadas por especies de repoboación forestal. Posúe restos da cultura castrexa e elementos de interese etnográfico.

Xeografía e xeoloxía[editar | editar a fonte]

Penedo cunha forma curiosa, no monte Aloia.

Orografía[editar | editar a fonte]

O monte Aloia presenta un relevo accidentado con cotas que oscilan entre os 80 e os 629 metros do alto de San Xiao, desde onde se domina un amplo tramo do río Louro e do río Miño ata a súa desembocadura.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Está cruzado por varios regueiros entre os que destacan o regueiro das Cabanas, o Deique e o das Tabernas.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Os seus solos son ácidos. Son de escasa ou media profundidade e están sobre substrato granítico que aflora con frecuencia orixinando laxas e rochedos, característicos da comarca do Baixo Miño.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

Flora[editar | editar a fonte]

É abundante a vexetación arbustiva do toxo, queiruga (Calluna vulgaris), xesta e carpazas. Quedan algúns restos de caducifolio autóctono como carballeiras de carballo común (Quercus robur, árbore dominante antes das repoboacións do século XX), sobreirais (Quercus suber, que indica certa mediterraneidade no clima) e vexetación de ribeira composta por, entre outras, amieiros (Alnus glutinosa) e salgueiros (Salix atrocinerea). Tamén é frecuente a presenza de sanguiño (Frangula alnus), bidueiro (Betula alba), castiñeiro (Castanea sativa), acivro (Ilex aquifolium), érbedo (Arbutus unedo), estripeiro (Crataegus monogyna), abruñeiro (Prunus spinosa), pereira brava (Pyrus cordata) e abeleira (Corylus avellana).

En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeirosdo país (Pinus pinaster), silvestre (Pinus sylvestris) e radiata (Pinus radiata)— e establecéronse masas de árbores exóticas dando lugar a un arboreto de grande interese. O eucalipto (Eucalyptus globulus) tamén foi intoducido en grandes cantidades, constituíndo canda o piñeiro a base arbórea do monte.

Fauna[editar | editar a fonte]

A máis abondosa é a típica de monte interior:

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Patrimonio arqueolóxico[editar | editar a fonte]

Nel atopáronse restos de Citania, un poboado castrexo anterior á romanización, e outros prehistórico no Alto dos Cubos. Apareceron restos prehistóricos como machadas, muíños de man, ou cerámica. Tamén hai unha muralla ciclópea[4], de 1250 metros de lonxitude, que circunda a meseta superior. Hai quen atribúe o nome de monte Aloia á presenza da lexión romana V Alaudae.

Hai constancia das poboacións tudenses usando o monte Aloia como refuxio en sucesivas invasións como as romanas (e asóciase co monte Medulio de autores latinos), as árabes, as normandas, as francesas e as portuguesas.[5]

Patrimonio relixioso[editar | editar a fonte]

Capela de san Xiao.

A capela de San Xiao foi reconstruída no 1713 sobre un templo románico. Ocupa o centro dun grande adro do que parte por unha banda unha escalinata de pedra ata a fonte do santo e pola outra, un Vía Crucis que culmina na Gran Cruz de 1910.

Patrimonio civil[editar | editar a fonte]

No parque hai:

  • Unha casa forestal de 1921 de curioso deseño do enxeñeiro de montes Rafael Areses e un monumento de homenaxe a ese enxeñeiro.
  • Unha nova casa forestal e sede da Xunta Reitora do parque.
  • Unha muralla ciclópea.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Festas[editar | editar a fonte]

O primeiro domingo de xullo celébrase o xubileu, unha romaría adicada á Virxe das Angustias e que se fai na ermida de San Xiao, Pazos de Reis. O primeiro domingo de agosto celébrase a romaría de San Fíns, Rebordáns. A imaxe de San Xiao é obxecto de devoción na comarca polas súas virtudes taumatúrxicas: obtención de colleitas, curación de enfermidades ou similares.

Lendas[editar | editar a fonte]

Hai lendas referidas ó monte que relatan como as eguas do Aloia son fecundadas polo vento ou que na cama de San Xiao non medra a herba. Dan unha idea do carácter mítico que sempre tivo para os tudenses o monte Aloia.

Lexislación[editar | editar a fonte]

Zona habilitada para comer.

Estableceuse como Sitio Natural de Interese Nacional pola Orde Ministerial do 5 de xuño de 1935. O Real Decreto 3160 do 4 de decembro de 1978 declarouno como Parque Natural.

Os terreos do espazo natural pertencen á entidade local menor de Pazos de Reis e á Comunidade Veciñal de Montes en mancomún de Rebordáns.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bosques monumentales de España. Global Edition & Contents SA, 2005. ISBN 84-8476-244-0.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]