Lagarta das brañas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zootoca vivipara
Common (viviparous) lizard (zootoca vivipara).jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Squamata
Familia: Lacertidae
Tribo: Lacertini
Xénero: Zootoca
Wagler, 1830
Especie: Z. vivipara
Nome binomial
'Zootoca vivipara'
(Lichtenstein, 1823)[2]
Mapa Zootoca vivipara.png

Sinonimia

Lacerta vivipara Lichtenstein, 1823

A lagarta das brañas (Zootoca vivipara, antes Lacerta vivipara), é unha lagarta de Eurasia, que se caracteriza por ser o réptil que vive máis ao norte, mesmo en zonas frías, e porque a maioría das súas poboacións son ovovivíparas, é dicir, non expulsa os ovos, senón que estes eclosionan dentro da femia e pare as crías vivas, aínda que as poboacións galegas son ovíparas.[3] É a única especie do xénero monotípico Zootoca (antes estaba clasificada no xénero Lacerta).[4]

Identificación[editar | editar a fonte]

A lonxitude do corpo é menor de 12 cm excluído o rabo. O rabo ten unha lonxitude de ata dúas veces a do corpo, aínda que a miúdo o perderon parcial ou totalmente. As patas son curtas, polo que non é unha boa corredora, e a cabeza é bastante redonda. Os machos teñen corpos máis delgados ca as femias. O pescozo e o rabo son grosos. O colar e outras escamas aparecen dentadas.

A cor e patrón de debuxo desta especie é variable. A principal cor é normalmente marrón, mais pode ser tamén gris, marrón olivácea ou negra. As femias poen ter bandas escuras nos seus flancos e baixo a parte media das costas. Ás veces as femias teñen tamén bandas de cores claras, ou manchas escuras e claras ao longo dos lados das costas. A maioría dos machos e algunhas femias teñen manchas escuras na parte inferior. Os machos teñen a parte inferior de cores brillantes, xeralmente amarela ou laranxa, e máis raramente vermella. As femias teñen a parte inferior mías branquecha e clara. A gorxa é branca, ás veces azul.

Distribución[editar | editar a fonte]

A lagarta das brañas está amplamente distribuída en Europa e Asia. A súa área de distribución esténdese ata o Círculo Polar Ártico e vai desde Irlanda a Hokkaido (Xapón) e Sakhalin. Está ausente da maior parte da área do Mediterráneo, aínda que si aparece no norte de España (zona pirenaica e cantábrica e en Galicia só na serra do Xistral e Ancares[3]), norte de Italia, Serbia, República de Macedonia e Bulgaria. Tamén está ausente da zona do mar Negro.

Vídeo de xuvenís e adultos tomando o sol.
Femia.

Na parte sur da súa área de distribución a especie pode vivir a grandes alturas, rexistrándose ata a 3000 m sobre o nivel do mar nos Alpes. Nesas áreas, a lagarta das brañas vive en lugares húmidos ou preto da auga, incluíndo praderías, pantanos, campos de arroz, regatos e bosques húmidos. Galicia está nas zonas máis ao sur da súa área de distribución, e a especie en terras galegas pode considerarse un resto descendente das estensas poboacións da era glacial e vive en brañas e herbeiras húmidas das serras orientais.[3] Na parte norte da súa área de distribución, a especie tamén se encontra en terrras baixas, onde aparece en lugares máis secos, incluíndo terreos boscosos abertos, praderías, páramos, uceiras, marismas, dunas, rochas, foxos de camiños, setos e xardíns. Vive principalmente na terra, pero pode gabear a rochas, troncos e vexetación baixa.

O estado de conservación da especie no conxnto do mundo é "pouco preocupante", mais en Galicia a especie é moi escasa e está moi localizada xeograficamente, como xa se indicou.

Comportamento[editar | editar a fonte]

A lagarta das brañas aliméntase de invertebrados, principalmente insectos. Sacode as presas grandes na súa boca antes de mastigalas e tragalas enteiras. A inicios da primavera, finais de outono, e nos días fríos de inverno, déitase ao sol para acadar a súa temperatura óptima, que é duns 30 °C.

Estas lagartas aparéanse entre abril e maio. Os machos agarran as femias coa boca antes de aparearse, e se a femia non está interesada mórdenlle ferozmente.

O nome científico da especie deriva da súa capacidade de dar a luz as crías, o que é unha adaptación a climas fríos (onde se poderían conxelar ou non incubar os ovos), pero algunhas poboacións do sur son ovíparas, como ocorre nas poboacións galegas e do norte de España. As crías desenvólvense durante tres meses dentro da femia nas poboacións ovovivíparas. En xullo producen de 3 a 10 crías (ou ovos). As crías son predominantemente negras e miden uns 3 cm, e cando nacen están rodeadas polas membranas do ovo, das cales saen un día despois. Os machos chegan á madurez sexual aos dous anos de idade, e as femias aos tres anos. Os individuos das poboacións ovovivíparas e ovíparas poden ser hibridadas, pero cunha malformación embrionaria significativa.[5] A Z. vivipara ovovivípara desenvolve unha especie de placenta para facilitar o embarazo, pero non hai un transporte substancial de nutrientes a través dela, como se ve noutras especies de réptiles vivíparos como por exemplo Pseudemoia entrecasteauxii, polo que se trata de ovoviviparismo.

Nas rexións do norte, estas lagartas empezan a súa hibernación en setembro ou outubro baixo terra ou baixo moreas de troncos. A hibernación finaliza a mediados de febreiro. No sur a especie é activa todo o ano.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A. Agasyan; et al. (2010). "Zootoca vivipara". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2010 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o May 11, 2012. 
  2. Josef Friedrich Schmidtler1 & Wolfgang Böhme (2011). "Synonymy and nomenclatural history of the Common or Viviparous Lizard, by this time: Zootoca vivipara (Lichtenstein, 1823)" (PDF). Bonn Zoological Bulletin 60 (2): 214–228. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 306-309. ISBN 84-7507-722-6.
  4. Harris, D. J. and M. A. Carretero. (2003). Comments on the taxonomic value of (sub)genera within the family Lacertidae (Reptilia). Amphibia-Reptilia 24 119-22.
  5. Heulin, B., Arrayago, M. J., and Bea, A. 1989. Expérience d'hybridation entre les souches ovipare et vivipare du lézard Lacerta vivipara. Comp. Rend. Acad. Sci. Series 3 308: 341-346 (cited by the Reptile Database).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]