Uz galaico asturiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Erica mackaiana")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Uz galaico asturiana das brañas
Uceira preto de Bellacorick, no norte de Mayo (Irlanda), coa uz galaico asturiana.
Uceira preto de Bellacorick, no norte de Mayo (Irlanda), coa uz galaico asturiana.
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicots
(sen clasif.): Asterids
Orde: Ericales
Familia: Ericaceae
Xénero: Erica
Especie: E. mackaiana
Nome binomial
Erica mackaiana
Bab. in J. Mackay

A uz galaico asturiana ou uz das brañas (Erica mackaiana Bab.) é unha pequena uz pertencente á familia das ericáceas que aparece no norte de Galiza, Asturias, Cantabria e Irlanda.

É semellante á carroucha das brañas (Erica tetralix). Unha das principais diferenzas desta uz é que as flores van en umbelas no extremo das pólas, sen bractéolas basais.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un arbusto que acada os 60 cm de altura, os talos son tortos e ramalludos, decumbentes e ergueitos, con pelos glandulosos curtos e non glandulosos nos talos novos, con abundantes folliñas, dispostas en verticilos de catro, provistas de pelos nos bordos e de forma elíptica ou ovado lanceolada, coa marxe revoluta e o envés abrancazado deixando ver o nervio medio verdoso. As flores son de cor rosada, de forma tubular, ás veces de cor alba. Reúnense en inflorescencias de tipo umbela no extremo dos talos, cada unha con entre 4 e 12 flores; teñen sépalos semellantes ás follas, de 1,3 a 2,5 mm, ciliados e cun longo pelo no ápice; a corola, de 5,5 a 7 mm, é urceolada, tubular. Os estames teñen anteras de case 1 mm, con apéndices de 0,6 a 0,8 mm, lineares e lixeiramente fendidos ou enteiros; o ovario é glabro, cun estilo papiloso no ápice e o estigma estreitamente obcónico. O froito é unha cápsula subglobosa. Florea entre xullo e novembro.

A polinización, como en todas as urces, faise grazas aos himenópteros, coma abellas e abesouros (mel de uz).

Hábitat[editar | editar a fonte]

Uceiras e matogueiras, clareiros de bosques, en lamazais e brañas (acedos e incluso básicos), dende o nivel do mar até os 1000 m.

Comparte ecosistemas con outras urces, toxos e outras especies como Alchemilla angustiserrata, Carex asturica, Centaurium scilloides, Cirsium filipendulum, Daboecia cantabrica, Erica ciliaris, Festuca ovina subsp. hirtula, Festuca paniculata subsp. longiglumis, Laserpitium prutenicum subsp. doufourianum, Leucanthemum gallaecicum, Pseudarrhenatherum longifolium, Pterospartum cantabricum, Serratula tinctoria var. seoanei, Thymelaea coridifolia, Ulex gallii subsp. breoganii e Ulex gallii subsp. gallii. Nas turbeiras comparte ecosistemas con Carex durieui, Odontoschisma sphagni e Sphagnum papillosum.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Medra a plena luz aínda que soporta a sombra; preferimdo climas temperados e con calor do piso colino principalmente. Continentalidade: Euoceánica; invernos suaves e humidade elevada. Prefire solos húmidos ou moi húmidos (lamazais, brañas etc), é, polo tanto, indicadora de humidade, ademais de acidez do solo, xa que prefire solos con pH entre 3,5 e 5,5.

Distribución[editar | editar a fonte]

É unha uz da Europa atlántica. Aparece en Galiza e Asturias, estendéndose até Cantabria, con algunhas poboacións en Connemara (Irlanda). Dende a costa até os 1.000 metros de altitude.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]