Reserva da biosfera Área de Allariz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Área de Allariz e unha reserva da biosfera declarada o 25 de xuño do ano 2005 e que abrangue os concellos de Allariz (bisbarra de Allariz-Maceda), A Bola (Terra de Celanova), Vilar de Santos e Rairiz de Veiga (A Limia), todos eles pertencentes na provincia de Ourense. A reserva ten unha superficie de 21.482 hectáreas e nela vive unha poboación de menos de 10.000 persoas.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A reserva da biosfera está formada por unha ampla depresión morfotectónica semiendorreica de fondo plano,[1] cunha altitude media de 600 m, por onde discorre o río Limia, e rodeada dun rebordo montañoso do que destaca na súa parte Norte o macizo granítico de Allariz, por onde discorre encaixado o río Arnoia. O rango altitudinal abranguido oscila entre os 425 e os 927 m. O sitio ten unha grande importancia bioxeográfica, pois é un territorio fronteirizo entre as dúas grandes rexións cronolóxicas que existen na Península Ibérica, como son o mundo Mediterráneo e o Eurosiberiano.

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación non chega aos 10.000 habitantes. Está altamente concienciada respecto a un modelo de desenvolvemento sostible impulsado dende hai máis de 15 anos na Reserva e que elevou substancialmente o seu nivel de vida, e supuxo un importante elemento de ordenación territorial dende hai tempo.

Flora e fauna[editar | editar a fonte]

A riqueza e variedade de hábitats que se atopan no territorio permite a existencia dunha alta diversidade faunística, con especies vulnerables ou en perigo de extinción en Galicia.

Nesta zona predomina o bosque plano caducifolio de zonas mornas con mosaico de prados e canles de auga, e unha longa historia de presenza humana con transición cara a ecosistemas mediterráneos. Na Reserva existen paisaxes sobresaíntes, multitude de sitios arqueolóxicos romanos e prerromanos, con zonas de montañas de baixa altitude arborizadas e humidais (Lagoa de Antela) de grande importancia. Entre a fauna de vertebrados cabe destacar o lobo, a londra, poboacións de aves acuáticas de importancia e un alto índice de formas, sobre todo de anfibios, que constitúen endemismos ibéricos.

Zonificación[editar | editar a fonte]

A zonificación da reserva levouse a cabo a partir de dunha coidadosa análise que tivo en conta a investigación científica, a opinión da poboación, as cuestións socioeconómicas, a lexislación vixente, requirimentos do Programa o Home e a Biosfera e outra serie de cuestións pertinentes. Deste xeito establecéronse tres tipos de zonas: Núcleo, Tampón e de Transición.

Núcleo[editar | editar a fonte]

Constitúe o 0,7% da reserva, o que son unhas 149,2 has, compostas por aqueles lugares nos que é posible atopar ecosistemas naturais menos alterados e cun maior grao de conservación.

Allariz[editar | editar a fonte]

Rairiz de Veiga[editar | editar a fonte]

Vilar de Santos[editar | editar a fonte]

  • O Ruxidoiro: 7.7 Has. Concentración de enterramentos prehistóricos e ecosistemas de bosque autóctono ben conservado constituídos por carballos centenarios.

Tampón[editar | editar a fonte]

A zona tampón constitúe o 4,9% (1.054,6 ha) do espazo, trátase dunha zona de amortecemento das posibles perturbacións que poidan provir daquelas zonas con maior actividade antropoxénica. Estas actividades deben estar cinguidas aos diferentes Plans Xerais de Ordenación dos concellos, nos cales se contemplan xa figuras de protección para estas zonas. Nas zonas tampón propostas estanse a levar a cabo actividades que contribúen a mellorar a conservación, dentro dun marco de aproveitamento sostible dos recursos. Un bo exemplo diso son as explotacións de gandaría autóctona en réxime extensivo que se están a implantar nalgunha destas zonas. A participación neste programa dos veciños de varias parroquias en concepto de propietarios de Montes Veciñais en Man Común faino posible. Este proxecto de recuperación de superficies agrarias e forestais en estado de abandono recibiu unha mención da ONU, e mereceu a inclusión no Catálogo de Boas Prácticas que auspician.

Transición[editar | editar a fonte]

A Zona de transición é a de maior extensión, con 20.278 ha, representando un 94,4% do total da Reserva. A case totalidade do territorio conta con Plans de Ordenación, salvo unha pequena parte que se corresponde co municipio de A Bola, territorio no que se está a traballar nun plan. Neste territorio, ao igual que nas zonas tampón, se están a aplicar criterios de desenvolvemento sostible de acordo coa Estratexia de Sevilla. Dos catro municipios que compoñen a Reserva, o de Allariz é o que está a experimentar un maior crecemento, debido á posta en marcha fai agora 15 anos dun proxecto de desenvolvemento a través dos recursos endóxenos, que fixo posible que, a diferencia do resto da provincia de Ourense, Allariz estea a gañar progresivamente poboación.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Artigos relacionados[editar | editar a fonte]