Papagaio Ravachol

Ravachol, nado cara a 1891 e finado o 24 ou 25 de xaneiro de 1913, era un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo, e vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra. Recibiu o seu nome do anarquista francés François Claudius Koënigstein, máis coñecido como Ravachol, condenado a morte en 1892.
Era moi apreciado polas xentes da vila polos seus afamados diálogos e expresións, non sempre correctas, pois era moi mal falado. Frases famosas súas eran se collo a vara, aquí non se fía, ou arre, arre.
Sepelio[editar | editar a fonte]
Trala súa morte, acontecida o venres 24 ou o sábado 25 de xaneiro de 1913, o Diario de Pontevedra fíxose eco da nova, e o boticario axiña empezou a recibir mostras de condolencias. Animado polo ambiente de loito, decidiu esaxerar o feito aproveitando a proximidade do entroido. Así, o mércores 29 celebrouse o seu enterro, tras unha capela ardente no Salón del Recreo de Artesanos desde o día anterior. Ás sete do serán unha gran comitiva dirixiuse ó Circo Teatro, onde se celebrou "...una criminal velada que correrá a cargo de unos cuantos conocidos atropelladores del arte cómico-lírico-rapsódico-romántico-sentimental". Nela actuaron Víctor Cervera-Mercadillo vestido de clown, Antonio Blanco Porto recitando un poema, o barítono Torres, o coro "La paella", a banda de música e un discurso necrolóxico a cargo de José Fernández Tafall.
Finalmente foi soterrado nunha leira que o boticario tiña en Marcón.
Homenaxes[editar | editar a fonte]
En 1985 recuperouse a súa memoria, organizándose unha incineración da súa efixie para o venres da semana de Entroido. A iniciativa tivo éxito desde o primeiro ano, non así outra proposta que suxería aproveitar as cinzas da cremación para servir de fertilizante a árbores plantadas cada ano para dar lugar a un "paseo de Ravachol".
En 1992 e, ininterrompidamente, desde o 2003, durante a semana de Entroido recreouse a botica de Perfecto Feijoo no lugar que antigamente ocupaba. Nese mesmo lugar instalouse unha estatua do papagaio.
Entre 1985 e 1988 apareceu espido, pero desde 1989 aparece disfrazado.

- En 1989 apareceu cun elegante chaqué, mofándose dunha asignación de fondos da Xunta de Galicia ós conselleiros.
- En 1991 apareceu vestido de cacique do século XIX.
- En 1992, co gallo das Olimpíadas de Barcelona, apareceu vestido de deportista coa lapa olímpica.
- En 1993, co gallo do Ano Xacobeo, apareceu vestido de Peregrino.
- En 1994 apareceu vestido de Reitor Universitario.
- En 1995 apareceu vestido de toureiro.
- En 1996 apareceu vestido de obreiro, polos atrasos en obras públicas acontecidos no momento na cidade.
- En 1997, dado que o sepelio coincidiu co día dos namorados, apareceu vestido de Romeo galán.
- En 1998 apareceu vestido de bailarín de ballet cun cisne nun brazo, por unha solta de cisnes na Illa das Esculturas.
- En 1999 compaxinou indumentaria (metade e metade) de pobre e maxistrado, polos problemas da Audiencia Provincial.
- No 2000 solicitaba a gratuituidade da Ponte de Rande, cunha representación da ponte nunha man e un maletín con cartos na outra.
- No 2001 ía vestido de xefe de estación de Renfe.
- No 2002 apareceu de bombeiro.
- No 2003 apareceu vestido de voluntario limpador de chapapote, logo do desastre do Prestige.
- No 2004 apareceu vestido de militar namorado, como homenaxe á BRILAT e ó enlace do Príncipe Felipe con Letizia Ortiz.
- No ano 2006 foi disfrazado de xogador do Pontevedra Club de Fútbol co numero 44.
- No 2008 apareceu vestido de enfermo por sobredose de viagra.
- No 2009 foi vestido de millonario repartindo billetes, dada a situación de crise económica do momento.
- No 2010 foi disfrazado de policía local, debido á medida tomada no casco urbano de Pontevedra de reducir a velocidade dos vehículos a 30 km/h.
- No 2011 foi disfrazado de obreiro, por mor da decisión do goberno de España de aumentar a idade de xubilación até os 67 anos.
- No 2012 apareceu como xastre, cunhas tesoiras por mor dos recortes feitos polas administracións públicas debido á crise económica.
- No 2013 vestiuse coa camisola laranxa que identifica os afectados polas participacións preferentes e sobre unha peana coa lenda "loba caixa galicia" [1].
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Fortes, A.: Memorias de Ravachol (2006).