Perfecto Feijoo Poncet, nado en Pontevedra o 25 de agosto de 1858 e finado na mesma cidade o 10 de xuño de 1935, foi un farmacéutico, gaiteiro e musicólogo galego.
Xa adulto pediulle a Manuel Villanueva, gaiteiro de Poio, que lle aprendese os segredos do instrumento. En 1883 fundou Aires da Terra, o primeiro coro galego. En 1904 gravou o primeiro disco de música galega[1], no que usou a zanfona, o que converte o dito traballo na primeira gravación do mundo deste instrumento[2]. A mencionada iniciativa partiu do empresariocoruñésPedro Ferrer, editor da revista Portfolio Galicia, quen lle encargou á compañía francesa Gramophone a gravación. A Compañía desprazou un equipo de gravación motorizado que realizou a gravación dos 22 temas do disco. Por este traballo o Coro non recibiu ningún tipo de compensación económica, porén tivo moita repercusión chegando a súa distribución a terras americanas. O éxito acadado levou a que fose reeditado en 1911 pola Compañía Odeón[3]. Escribiu a composición Alborada de Rosalía de Castro.
Como escritor publicou La Gaita gallega, un conxunto de artigos sobre o instrumento nun debate aberto na prensa do momento no que participaban Faustino Santalices, Jaime Solá ou Francisco Portela entre outros. Algúns dos seus artigos xornalísticos asinábaos como O gaiteiro do Lérez.