Saltar ao contido

Castro de Elviña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castro de Elviña
ParroquiaElviña
ConcelloA Coruña
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA15030003
Cronoloxía
Datas de ocupaciónSéculo III a. C. a Século II
Data da descuberta1947
Períodos de escavación1947 a 1953
1979 a 1985
2002 á actualidade
Estado actualEn escavación
Extensión estimadaMáis de 4 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia
Acceso á croa
Acceso sueste á croa
Alxibe

O castro de Elviña é un castro galaico, posteriormente romanizado pertencente á coñecida como Cultura castrexa do noroeste peninsular. Está situado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, próximo ao actual Campus de Elviña da Universidade da Coruña, nunha pequena elevación que domina as terras dos vales de Elviña e Mesoiro, no concello da Coruña.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O castro está formado por varios recintos con socalcos, separados por murallas. Entre elas, destaca a muralla da croa (o recinto máis elevado e central) cunha entrada monumental flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares entre os que se abre unha rampla e escaleiras de acceso empedradas.[1] Nalgúns dos seus tramos, a muralla conservada ten unha anchura e altura superior aos catro metros. Na zona de socalcos, situada no sueste, pódense observar diferentes construcións, algunhas delas singulares no conxunto da cultura castrexa, como a fonte-alxibe rectangular e o templo do ídolo fálico; tamén se conservan diferentes casas, principalmente de formas cadradas, e a complexa "casa da Exedra" que daría abeiro a familias acomodadas. Ademais, no castro atopouse o famoso tesouro de Elviña (conservado no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón).[1]

Fases de ocupación

[editar | editar a fonte]

Os resultados das escavacións permiten deducir a existencia de varias fases de ocupación:

  • Unha primeira, datada a partir do século III a. C., prerromana e tipicamente castrexa. As fases máis antigas de ocupación atopáronse na croa ou acrópole, con restos relacionados como cerámica datada no século II a. C., moldes de espadas de antena ou o conxunto de xoias áureas.
  • Unha segunda, dende o século I a. C. ata o século I d. C., de progresiva romanización (presenza de cerámica de importación) pero caracterizadas pola presenza de casas circulares.
  • Unha terceira fase de ocupación que foi o momento de apoxeo da comunidade, un auxe económico que se testemuña a través de restos arqueolóxicos de mercancías froito da actividade comercial marítima. Durante esta etapa o castro sofre un proceso de transformación urbana, visible principalmente nos seus muros e portas e na construción de casas rectangulares.
  • Un cuarto período de progresivo abandono. Probablemente, o castro foi abandonado no século II d. C. e quizais a súa poboación trasladouse cara á cidade romana de Brigantium, establecida na península coruñesa, na actual zona do Parrote. Caracterízase pola reutilización e transformación dalgunhas construcións preexistentes aproveitando os materias.

As construcións máis notorias son:

  • A Casa da Exedra, datada sobre o século I a. C.. É rectangular e ergueuse sobre varias casas circulares anteriores, unha das cales foi reaproveitada deixando un semicírculo (exedra) que foi abovedado. A Casa da Exedra foi posiblemente un forno. Nunha segunda etapa dividiuse en dúas partes, engadíndoselle un vestíbulo pequeno.[2]
  • O Templo do Ídolo Fálico é unha construción ovalada así denominada por Francisco Luengo, quen atopou no interior unha pedra grande coa fronte traballada representando a figura dun falo personificado.[2]
  • A fonte-alxibe, que ten 5,33 metros de fondo, permitía o abastecemento de auga. Accédese a el por dúas escalinatas abertas aos dous lados.[2] O manancial, proveniente da croa, aínda achega auga hoxe en día. É posíbel que contase cun tellado de lousa sobre madeira.
  • A Casa do Tesouro está próxima á fonte e nela atopáronse alfaias de ouro do século I.

Escavacións arqueolóxicas

[editar | editar a fonte]

As primeiras escavacións datan de finais dos anos 1940. O Concello da Coruña subvencionou as escavacións con 10.000 pesetas[3]. Podéndose establecer distintas etapas no seu estudo:

  1. Etapa (1947 - 1953), na que se realizan escavacións dirixidas por José María Luengo e Luis Monteagudo. Ditas escavacións leváronse a cabo fóra da muralla, ao sueste da croa. Saen á luz casas (entre elas a casa da exedra e a casa do tesouro), o alxibe, a muralla e os cubos da entrada sueste da croa.
  2. Etapa (1979 - 1985), anos nos que se realizaron escavacións dirixidas por Felipe Senén López. Fixéronse traballos de recuperación das zonas anteriormente escavadas, e sondaxes no interior do recinto amurallado.
  3. Etapa (2002 - actualidade), na que se levan a cabo escavacións dirixidas por Xosé María Bello enmarcadas dentro do Proxecto Artabria de posta en valor do sitio.

É de salientar que o actual director das escavacións e os seus predecesores, exerce e exerceron o mesmo cargo no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón.

Situación actual

[editar | editar a fonte]

O castro de Elviña foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1962, o que non impediu que Fenosa instalase unha torreta de tendido eléctrico no medio da croa, que foi tirada o 12 de marzo de 2015.[4]

Estanse a facer novas escavacións e traballos de consolidación incluídos no Proxecto Artabria, do concello da Coruña e apoiado pola Xunta de Galicia. Dito proxecto ten como finalidade a creación dun parque arqueolóxico dunhas 65 hectáreas dedicado non só á interpretación do sitio, senón tamén á súa contorna rural pouco alterada pola proximidade da cidade.

Como primeiro paso procedeuse á expropiación dunha superficie de 13 hectáreas centrada na croa. Ao proceder á limpeza da vexetación observáronse irregularidades no terreo que con anterioridade non foran advertidas. Nelas leváronse a cabo sondaxes que confirmaron que baixo delas ocultábanse novas murallas castrexas que ampliaban notablemente a superficie coñecida do castro, por riba das catro hectáreas[5]. Advertíronse tamén novos restos de construcións na ladeira norte da acrópole, indicando que o poboado tiña unha continuidade aínda por delimitar fóra da muralla. Estes novos descubrimentos fano ser considerado un dos castros máis grandes do norte de Galicia.[1]

Atopouse tamén unha nova entrada á croa polo suroeste nun punto no que a muralla ten catro metros e medio de grosor e uns tres de altura conservados, con restos de torres e camiño empedrado, así como unha construción de grandes dimensións no socalco exterior ao muro. Nesa zona, no interior da croa escaváronse algunhas pequenas casas ao redor dunha pequena rúa cun sistema de desaugadoiro datadas no séculos II a I antes de Cristo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]