Castelo de Eirís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°20′45″N 8°23′38.71″O / 43.34583, -8.3940861

Castelo de Eirís
Forte de Valparaíso.jpg
Concello A Coruña
Provincia Provincia da Coruña
Comunidade
autónoma
Galicia
Estilo arquitectónico
Castelo de Eirís en A Coruña
Castelo de Eirís
Castelo de Eirís
Localización no mapa provincial.

O castelo de Eirís, é un castelo da cidade da Coruña construído no século XVI e actualmente en ruínas.[1] O forte de Valparaiso foi erixido para protexer a entrada da ría da Coruña, formando parte do sistema de defensa da cidade xunto cos castelos de San Diego, Santa Cruz e Santo Antón.[2]

A edificación recibe o seu nome por ser o Marqués de Valparaíso o que lle propuxo a Filipe IV a construción deste forte.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O castelo de Eirís foi construído en 1636, e a súa construción finalizou en 1655, momento no que se pensou erroneamente que se comezou a levar pedra a Porta Real,[3] porén, a principios do século XX aínda estaba en pé gran parte deste forte ou casaforte.[4]

O castelo de Eirís, pola súa posición privilexiada, estivo directamente relacionado con feitos históricos de gran relevancia para a cidade herculina como o cerco da cidade polo Almirante inglés Francis Drake en 1589 e a batalla de Elviña en 1809.[5] De feito, todo indica a que a edificación foi destruída por un lume provocado polas tropas francesas logo do combate, xa que a casa forte se encontraba xusto diante do campo de batalla.[6]

Recuperación e actualidade[editar | editar a fonte]

En marzo de 2013, o daquela concelleiro de urbanismo coruñés Martín Fernández Prado anunciou un plano de mellora de varios sitios arqueolóxicos da cidade herculina, entre os que se encontraban o castelo de Eirís e a próxima a batería de Oza.[3] Os traballos de recuperación da edificación dividíronse en tres fases: unha inicial de limpeza e retirada de vexetación da contorna e a parte alta dos muros; unha segunda fase na que se escavaron os derrubamentos do edificio, así como a consolidación dos muros e a prospección mediante xeo-radar para localizar muros de fases construtivas anteriores; e a fase final, na que se realizará o rexistro arqueolóxico dos chans e outras estruturas do edificio, a sondaxe da contorna para documentar posibles fases construtivas anteriores, a consolidación de estruturas e a sinalización do edificio.[4]

O 25 de marzo de 2013 comezáronse os traballos de limpeza de vexetais na torre da fortaleza baixo a supervisión do arqueólogo municipal Marco Antonio Rivas. Os traballos iniciais na torre revelaron "unha casa grande que tiña dous escudos, pero que non se sabe onde están", segundo declarou o equipo de arqueólogos.[3] As escavacións amosaron que en realidade o edificio era unha casa nobre do século XVI. A restauración sacou á luz un importante tramo de muros que quedara sepultado polos entullos e a vexetación, así como outras estruturas. Tras finalizar os traballos de restauración o concello coruñés decidiu que as ruínas quedasen integradas no parque sen ningún peche para evitar a entrada.[5]

Con todo, en agosto de 2015, tan só un mes despois da finalización dos traballos de restauración da fortaleza, esta era vítima dun acto vandálico cando se detectou unha pintada de grandes dimensións que ocupou boa parte dun dos muros. Segundo as primeiras análises dos danos provocados pola acción, a eliminación da pintada é case imposible ao ter empregado o autor gran cantidade de pintura.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

Esta casaforte, chamada dos Reboredo e actualmente coñecida como "castelo de Eirís", tiña forma cadrada de 21 metros de lado. A torre, de forma rectangular, tiña unhas medidas de 8 x 10 metros. A fortaleza contaba en total cunhas seis estancias, e sumando os anexos puido chegar a ter unha superficie aproximada de 1265 .[4]

A entrada noroeste, por onde se supón que tiña entrada á torre, amosaba dúas pedras armeiras nunha porta de medio punto.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Castelos de Galiza/Galicia. Castelos e torres da provincia da Coruña". onosopatrimonio.blogspot.com.es. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 "Unión Coruñesa denuncia o abandono do Forte de Valparaíso no parte de Eirís". barriodocastrillon.es. 10 de xullo de 2012. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Desbrozan la torre de Valparaíso en busca del fuerte del siglo XVII". La Voz de Galicia. 28 de marzo de 2013. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Castelo de Eirís". Patrimonio Galego. Consultado o 31 de xaneiro de 2016. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "El castillo de Eirís es víctima de una enorme pintada un mes después de su restauración". La Opinión (en español). 17 de agosto de 2015. Consultado o 31 de xaneiro de 2016. 
  6. "Valparaíso, casa fuerte y tumba". La Voz de Galicia (en español). 31 de maio de 2015. Consultado o 27 de febreiro de 2016.