Casas de Paredes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°22′11″N 08°23′58.5″O / 43.36972, -8.399583

Casa Paredes 11032.jpg

As chamadas Casas de Paredes da Coruña son unhas singulares construcións realizadas a partir do ano 1778, dentro do estilo neoclásico que diversos enxeñeiros militares de varias procedencias estaban a desenvolver no norte de Galicia, sobre todo na cidade de Ferrol. Deben o seu nome ao capitán xeral García de Paredes, gran promotor do proxecto.

Contexto artístico[editar | editar a fonte]

A pesar de que o estilo neoclásico foi primeiro desenvolto en Galicia (de maneira bastante prematura) na cidade de Santiago polo arquitecto Domingo Antonio Lois Montegudo (creador da Porta de Acibechería e a Capela da Comuñón da catedral e do Pazo de Bóveda na Terra Chá), realmente comezou a estenderse e a alcanzar certo privilexio no país grazas a un grupo de enxeñeiros pertencentes ó corpo militar que se encontraban en Galicia por mor das empresas reformistas borbónicas, é dicir, a construción de fortificacións, redes viarias, o arsenal de Ferrol... Estes enxeñeiros tiñan unha destacábel formación técnica e unha marcada estética racionalista. Ademais das construcións xa nomeadas aquí de carácter técnico-militar, tamén realizaron outras construcións singulares durante a súa estancia na terra galega. Dous dos máis salientábeis enxeñeiros pertencentes a este grupo son o francés Carlos Lemaur (quen elaborou os planos do Pazo de Raxoi de Compostela) e o conquense Julián Sánchez Bort.

O proxecto das Casas[editar | editar a fonte]

A construción das casas de Paredes comezou no ano 1778. O principal obxectivo do plan de construción, que non chegou a realizarse na súa totalidade, era embelecer a vista da cidade dende o mar. O plan inicial pretendía comprender toda a fachada atlántica de Marineda, é dicir, o tramo comprendido entre o Cantón Grande e a Porta Real, deixando a Casa da Aduana como elemento central. Porén, debido á falta de presupostos e incluso tendo xa os terreos á disposición, a obra non foi concluída (destacando o baleiro formado pola praciña do Calello da Estacada). Foi un dos proxectos máis singulares levados a cabo na cidade da Coruña durante o período da Ilustración. Foron varios os arquitectos, enxeñeiros, mestres de obra e canteiros os que participaron no proxecto. Pedro Martín Cermeño, nado en Melilla e coñecido por proxectar a Catedral Nova de Lleida e a Igrexa de San Miguel do Porto no barcelonés barrio da Barceloneta foi quen deseñou toda a fronte.

As construcións mostran unha concepción filoilustrada, vinculada á arquitectura francesa do momento, concretamente á portuaria. Sobre os baixos porticados, no primeiro piso destacan os balcóns corridos, nos que se abren xanelas decoradas con frontóns triangulares. No segundo piso, repítense as mesmas filas de fiestras, neste caso só cunhas molduras como decorado. Trátanse de fachadas moi académicas, nas que destacan os pórticos, os balcóns e a cuberta de bufardas.

Foi un dos primeiros experimentos urbanísticos modernos da cidade da Coruña e de Galicia en xeral, e buscaba, baixo os idearios ilustrados, dotar de salubridade o barrio da Peixería, ademais de renovar o aspecto da cidade, que comezaba a gañar máis importancia a nivel comercial.

Véxase temén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]