A igrexa de San Pedro de Mezonzo foi deseñada polo arquitecto Francisco Echenique Gómez nun estilo clásico do gusto das autoridades franquistas da época. Ten unhas dimensións de 30×60m e a fachada está delimitada por dúas torres con campanario de máis de 40m.[1] É basicamente de formigón, con partes en pedra e mármore e dúas vidreiras. Sobre a portada hai unha escultura de pedra da Virxe María e dous anxos.[2]
O interior de planta de cruz latina con tres naves. A luz entra por unha cúpula de 30m arrodeada pola lenda Salve Regina.[2]
O crecemento demográfico da Coruña dende o século XIX provocara a creación da nova parroquia de Santa Lucía no ensanche da cidade. Coa fusión nunha das parroquias de Santiago e Santa María na Cidade Vella púidose establecer unha nova parroquia, a de San Pedro de Mezonzo. Esta constituíuse o 1 de xaneiro de 1930, con José Toubes Pego como primeiro párroco. [3]
O primeiro templo parroquial foi a capela de Santa Lucía, demasiado pequena para a poboación do barrio, o que fixo que deseguida se pensase na construción dunha nova igrexa.[1] Entre os proxectos destaca a proposta de Antonio Tenreiro, de estilo expresionista.[4] Na década de 1950 chegouse a falar de trasladar a fachada do mosteiro de Monfero, entón en ruínas, para o novo templo.[5]