Igrexa de San Xurxo da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Xurxo da Coruña
Iglesia de San Jorge, La Coruña, España, 2015-09-25, DD 42.jpg
Cruceiro e fachada da igrexa.
Datos xerais
Tipo Igrexa parroquial
Advocación San Xurxo
Localización A Coruña, Coruña, Galiza
Coordenadas 43°22′18″N 8°23′49″O / 43.37160556, -8.39692222Coordenadas: 43°22′18″N 8°23′49″O / 43.37160556, -8.39692222
Culto
Culto Católico
Diocese Santiago de Compostela
Arquitectura
Construción Século XVII - século XX
Estilo Barroco

A igrexa de San Xurxo é un templo relixioso católico da cidade da Coruña de estilo barroco, construída entre 1725 e 1906.[nota 1][1][2][3] Está situado na praza do Marqués de San Martín, nas inmediacións da praza de María Pita, ao lado esquerdo da casa do concello da cidade herculina.

Historia[editar | editar a fonte]

Hai constancia de que a parroquia de San Xurxo xa existía no século XIV, citando o testamento do párroco de San Nicolao en 1399 a existencia duns terreos na «freguesía de San Jurjo». Posteriormente atópanse referencias á parroquia no tumbo vermello do arcebispo Lope de Mendoza, en 1435.[4]

Para coñecer a orixe da igrexa cómpre remontarse a 1673, ano no que os xesuítas se estableceron na cidade herculina cun colexio e unha residencia.[3] Foi proxectada por Domingo de Andrade,[2] e obra de Clemente Fernández Sarela,[1] se ben a súa construción foi realizada en varias fases, todas elas durante o século XVIII.[5] Dende o inicio da súa construción en 1725 ata 1767 foi convento da Compañía de Xesús.[1] Porén, a expulsión da orde de España levada a cabo por Carlos III ese ano fixo que pasara a converterse en 1774 en Convento de Agostiños.[3] Foi nesta época cando o templo experimentou as maiores modificacións, realizándose a maior parte da súa ornamentación, as portas laterais, e o presbiterio, entre 1704 e 1867,[1] finalizándose en 1760 a construción da torre norte.[3]

Trala exclaustración de 1836, o 24 de abril de 1837 o concello da cidade enviou un expediente ao Ministerio da Gobernación solicitando a demolición da igrexa:[6]

... acerca da utilidade que resultará de demoler a igrexa parroquial de San Xurxo de aquela cidade e pequena casa reitoral unida a ela, trasladando a parroquia á igrexa do suprimido convento de Santo Agustín, pois deste xeito facilitarase teña aquel veciñanza unha praza de Mercado espazosa e ben situada e proporcionarase maior salubridade e ornato á poboación.

Finalmente, o antigo convento foi destruído para construír no seu lugar a Casa do Concello, mentres que na igrexa se mantivo a parroquia de San Xurxo.O párroco e membros da xunta da parroquia opuxéronse á demolición, aínda que sen resultado, xa que finalmente o 4 de maio de 1837 o Ministerio da Gobernación daba a súa aprobación á demolición:[1][6]

... acceder ... aos desexos do Concello da Coruña... e satisfacer polo do terreo edificable da igrexa de San Xurxo posto que o Estado cede á de Santo Agustín en utilidade da cidade.

Xa no século XX, en 1906 rematouse a construción da torre sur, o que puxo punto e final á longa construción da igrexa herculina.[3] En 1975 foi declarada Ben de Interese Cultural.[7]

Descrición[editar | editar a fonte]

Interior[editar | editar a fonte]

Interior da igrexa.

Por ser unha igrexa de xesuítas, o seu esquema construtivo interior segue o de Jesús de Vignola.[5] O templo ten planta de cruz latina con tres naves e o seu interior está exuberantemente decorado.[1][3] As naves, con bóveda de medio canón reforzada con arcos faixóns,[5] están separadas por grosos piares con arcos de medio punto, e a nave central ten o dobre de ancho que as naves laterais. A nave central está cuberta por unha bóveda de aresta, mentres que o cruceiro se cobre cunha bóveda de crucería nervada de moito resalte e cunha pequena lanterna no centro. As enormes pilastras organizan o espazo interior en tamos, amais de soster un entaboamento de orde dórica cun friso de tríglifos e métopas.[3] O transepto ten unha soa nave e unha cabeceira con organización tripartita, na que a ábsida central é máis profunda e elevada que as dos laterais. A ábsida posúe unha bóveda de aresta.[5]

Destaca a tribuna sobre as dúas naves laterais, que percorre lonxitudinalmente o templo, permitindo á comunidade xesuítica asistir ó culto sen mesturarse cos fieis.[3]

Tamén cómpre salientar os altares que hai nos dous extremos do transepto, que conteñen dúas táboas representando a Anunciación e as Ánimas no Purgatorio,[8] obra de Agustín Robles.

Fachada[editar | editar a fonte]

A fachada é un corpo saliente, obra de Clemente Fernández Sarela,[3] é tipicamente barroca, na que un grande oco rectangular preside a composición.[1]

No corpo saliente da fachada destacan dúas grandes columnas dóricas sobre podio a cada lado da porta, enmarcando fornelas laterais. A banda central superpón un esquema tripartito de porta-fornela-ventá, e un edículo con aletóns, como ocorre coa arquitectura de Simón Rodríguez. As torres laterais, en tres corpos, quedan lixeiramente por detrás do resto da fachada.[3]

A decoración baséase en placas, que poden ser recortadas e miúdas, alongadas e rematadas en disco, ou colgantes.[3] Destacan as imaxes, cuxa autoría non se coñece con certeza, pero que posiblemente foron esculpidas polos coruñeses fillos de Escudero. Estas esculturas representan a San Xurxo (enriba da porta principal), que está flanqueado polas imaxes de Santa Margarida e Santa Lucía.[4]

Cruceiro[editar | editar a fonte]

Diante da igrexa atópase un cruceiro realizado en granito. Está flanqueado polas imaxes de San Roque, Santa Lucía, Santa Margarida e San Nicolao, que se encontran sobre pilastra con inscricións e baixorrelevos da vida e a Paixón de Cristo. A plataforma é cuadrangular con tres graos de voo, mentres que o pedestal sobre o que se asenta é cuadrangular e moi moldurado. Por outra banda, o varal é de sección octogonal, que contrasta coa sección octogonal do pedestal liso. O capitel ten igualmente sección octogonal con follas de figueira, mentres que a cruz ten sección circular con remates florenzados.[9]

No anverso da cruz pode verse a Cristo Crucificado con tres cravos, coa cabeza inclinada á dereita e as mans pechadas, portando a coroa de espiñas, pano de pureza e inscrición de INRI. No reverso atópase unha Virxe orante coas mans cos dedos entrelazados sobre peaña sustentada por anxo con ás.[9]

Imaxes[editar | editar a fonte]

Virxe e San Xoán orando aos pés de Cristo crucificado.

No interior da igrexa de San Xurxo da Coruña poden atoparse, entre outras as seguintes imaxes talladas en madeira policromada:[7]

  • A Concepción.
  • Santo Agostiño.
  • San Francisco Xabier.
  • Virxe da Consolación.
  • Virxe e San Xoán orando aos pés do Cristo crucificado (O Amor, o Perdón e a Misericordia - O Calvario).
  • A nosa Señora da Maior Dor.
  • Santa Rita.
  • Cristo Flaxelado.
  • Ecce Homo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hai discrepancias sobre o ano no que comezaron as obras da igrexa, o sitio web de coruna-virtual.com sinala a 1693 como o ano de inicio da súa construción, mentres que Patrimonio Galego sinala a 1725 como data de inicio.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Iglesia de San Jorge" (en español). coruna-virtual.com. Consultado o 21 de decembro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 "A Coruña. Luz, pedra, mar e cristal...". Turismo Galicia. Consultado o 21 de decembro de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 "Igrexa de San Xurxo". PatrimonioGalego.net. Consultado o 22 de decembro de 2015. 
  4. 4,0 4,1 "Bibliografía". Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago. Consultado o 23 de decembro de 2015. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Igrexa de San Jorge". turgalicia.es. Consultado o 23 de decembro de 2015. 
  6. 6,0 6,1 Fernández Castiñeiras, páx 66
  7. 7,0 7,1 "Parroquia Igrexa San Jorge". Concello da Coruña. Consultado o 12 de xaneiro de 2016. 
  8. Coumes-Gay, Antonio. Guía de La Coruña (en español). A Coruña. p. 20. 
  9. 9,0 9,1 "Cruceiro da igrexa de San Xurxo". turgalicia.es. Consultado o 23 de decembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]