Castro de Fazouro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°36′13″N 07°17′57″O / 43.60361, -7.29917

Castro de Fazouro
Castro de Fazouro.JPG
Parroquia Fazouro
Concello Foz
Provincia Provincia de Lugo
Comunidade autónoma Galicia
Cronoloxía
Datas de ocupación (séc. I d.C. - século III d.C.
Data da descuberta ?
Períodos de escavación 1963
1988
Estado actual escavado, visita libre
Extensión estimada 6 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O Castro de Fazouro é un antigo castro que se atopa no concello de Foz, na provincia de Lugo. É o único que se conserva como museo en toda a costa cantábrica galega.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Está asentado sobre un terreo de suave relevo á beira do mar Cantábrico. O seu acceso a terra está delimitado por un foxo definido, bastante colmado por terra e polo terraplén da pista. Non se observa muralla.

Agás unha construción de planta ovalada, predominan os edificios de planta cadrada, con esquinas angulares ou redondeadas. Entre eles dispóñense patios ou zonas de paso enlousadas. Probablemente os edificios formasen pequenos grupos, pertencentes a unidades familiares.

Algunhas edificacións posúen bancos de pedra acaroados interiormente aos muros, que servían como lugar de descanso, área de traballo ou repisa. No interior das vivendas mantense o basamento en pedra dun fogar, xeralmente de planta cadrada, situado cara ao centro do espazo útil. Algúns muros presentan restos dun revoco no paramento interior.

Nun dos edificios de planta cadrada máis próximos ao mar, no que se conservaba o lugar de acceso e o enlousado, apareceron, acaroados á parede exterior, nove chanzos que conducían a unha plataforma de pedra que presumiblemente actuaba a xeito de segundo andar.

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

A superficie escavada do castro é duns 700 m² e sitúase na parte norte do castro. Esta superficie estase a reducir por mor da erosión mariña, que xa fixo desaparecer algunhas das construcións castrexas escavadas. Polos restos achados dátase o recinto nunha época próxima á romanización.

As estruturas corresponden ao último momento de ocupación do castro (finais do século III). A súa estratigrafía denota unha continuidade na construción, ocupación e abandono.

Materiais[editar | editar a fonte]

O conxunto cerámico presenta gran fragmentación, se ben puidéronse reconstruír algúns formatos menores como olas, funetes (con engobe vermello) e unha mínima representación de xerras e cuncas. Hai fragmentos moi alterados de cerámica fina, sigillata cun só fragmento de decoración con círculos concéntricos. As técnicas empregadas na decoración son o bruñido, incisa e plástica.

Malia que se atopou bastante ferralla metálica no recinto, só se rexistraron seis cravos e algúns fragmentos informes. En bronce apareceu unha fíbula anular en omega e un alfinete de pelo. Tamén atopouse unha moeda de Antoniano de mediados do século III durante a limpeza do enlousado. Apareceron unha fíbula de longo traveseiro e unha moeda con ceca de Clunia, sen determinar a súa procedencia. A fíbula e a moeda, así como algúns fragmentos de cerámica nos niveis de recheo da estrutura n.º 7, levan ao período entre finais do século I e comezos do II. Documéntase a progresiva influencia na poboación indíxena doutra externa máis evolucionada, estando esta chegada asociada a unha explotación máis intensa do espazo a través da minería. Este fenómeno de aculturación e evolución non foi traumático.

Entre os materiais orgánicos destacan restos de gando bovino.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]