Igrexa de San Francisco da Coruña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de San Francisco da Coruña
Iglesia de los Franciscanos.001 - La Coruña.JPG
Fachada da igrexa.
Datos xerais
Tipo Igrexa parroquial
Advocación San Francisco de Asís
Localización A Coruña, Coruña, Galicia
Coordenadas 43°21′50″N 8°24′50″O / 43.36389, -8.41389Coordenadas: 43°21′50″N 8°24′50″O / 43.36389, -8.41389
Culto
Culto Católico
Diocese Santiago de Compostela
Arquitectura
Construción Século XIV - século XV
Estilo Románico e gótico

A igrexa de San Francisco é un templo relixioso situado no Paseo das Pontes,[1] da Coruña, área cruzada diagonalmente por un antigo acueduto. Orixinalmente estaba na Cidade Vella[2] e formaba parte do primitivo convento franciscano, situado fóra das antigas murallas, nun outeiro elevado sobre as rochas, fronte ao mar. Esta localización fóra das murallas foi precisamente o motivo da súa ruína, xa que durante o cerco inglés da Coruña, no século XVI, foi incendiada para evitar que o inimigo se fortificase no antigo convento.

As súas ruínas, cando inda estaban no seu antigo emprazamento, foron declaradas Monumento Nacional por Orde do 16 de marzo de 1939.

Historia[editar | editar a fonte]

Ruínas da localización orixinal da igrexa.

Inda que existen citas de 1262 e 1279 sobre os «frades menores da Coruña»[3][4], o primeiro testemuño escrito sobre a existencia do convento data de 1423. No convento aloxáronse personaxes coma Afonso XI en 1345, o Emperador Carlos V, que congregou alí mesmo as Cortes en 1520, denantes da saída cara a Alemaña[5] e o seu fillo, o futuro Filipe II, en 1554.

En 1589 o Marqués de Cerralbo, capitán xeneral de Galicia, ordenou incendiar o convento para evitar que fose empregado polos ingleses durante o sitio de Drake, mais foi logo reconstruído no mesmo lugar. En 1651 sufriu un novo incendio debido á explosión da próxima polvoreira de San Carlos, situada no xardín actual do mesmo nome.[6]

Despois da exclaustración de 1835 foi convertido en cárcere correccional e, posteriormente, instaláronse as dependencias da 8ª Compañía Xeral do Exército, que permitiu que a igrexa se convertese nunha ruína e a principios do século XX só se conservaba parte da fachada do convento e o resto estaba adaptado para usos militares. En 1964, a igrexa foi trasladada ao seu emprazamento actual, e inda que estaba en funcionamento, fallaba por completar o acceso pola súa fachada principal. A configuración existente da igrexa databa dos séculos XIV e XV, inda que no seu novo emprazamento foi fortemente modificada. A reconstrución fíxose a partir das tres capelas da cabeceira, unha capela do século XVI que se cambiou de situación relativa e a portada principal.

Descrición[editar | editar a fonte]

Ángel del Castillo, que estudou e debuxou a súa planta na súa situación orixinal, considéraa un «exemplar oxival típico de Galicia, do século XIV ao XV, a igrexa, con supervivencias románicas na ornamentación».[3]

Interior[editar | editar a fonte]

Altar maior.

A igrexa, de planta de cruz latina, ten unha soa nave, inda que orixinalmente tiña dúas, a central maila lateral sur. O cruceiro está formado tamén por unha única nave. A nave principal cóbrese con teitume de madeira a dúas augas, semellante á que debeu ter no seu día, mais agora sostida por arcos escarzanos de nova feitura. Tamén, analogamente, presenta un coro aos pés, cun órgano. A nave divídese transversalmente en catro tramos por arcos moi rebaixados, de moderna feitura. Está iluminada por unha xanela grande oxival á altura do coro, sobre a portada occidental, outras dúas fiestras grandes oxivais situadas nos dous tramos centrais a ambas as bandas da nave, e por dous pequenos rosetóns situados no primeiro tramo da nave a partir da encrucillada. Na parede, hoxe nordés, da nave sitúanse dous arcosolios sen os correspondentes sartegos e monumentos funerarios.[7]

A cabeceira está formada por tres ábsidas aliñadas, que coinciden cos tramos do cruceiro, a maior poligonal e as laterais de planta rectangular. Os arcos de ingreso ás correspondentes capelas son moi levemente apuntados, sendo máis apuntados os arcos torais que enmarcan o cruceiro.

A ábsida central esá cuberta por unha bóveda nervada de abano composta por oito arcos acanalados que proveñen de sinxelos capiteis sobre columnas acaroadas, enmarcando os catro centrais tres esveltas xanelas trilobuladas so arcos apuntados. As capelas laterais cóbrense con bóvedas máis sinxelas de cruzaría e están iluminadas tamén por fiestras trilobuladas baixo arcos apuntados. Na do Evanxeo consérvanse tres arcosolios apuntados profusamente ornamentados con motivos xeométricos, que se atopan lateralmente e na da Epístola outros dous, correspondentes todos eles a desaparecidos monumentos funerarios.

Na primitiva configuración da igrexa, no extremo do cruceiro correspondente ao Evanxeo en que agora se sitúa o acceso, que non portada, principal á igrexa achábase unha capela do século XVI, de bóveda estrelada e sobrias parellas de arcosolios laterais, correspondentes a antigos monumentos funerarios. Agora está situada no ángulo que forman o muro sueste da nave e o extremo do cruceiro correspondente á Epístola. En forzada simetría, apoiada no brazo oposto do cruceiro, sitúase a actual sancristía, que non existía no antigo emprazamento.

Exterior[editar | editar a fonte]

Exterior.
Torre primitiva do convento de San Francisco, xunto á igrexa da Orde Terceira.

A única parte que realmente corresponde á igrexa orixinal é a teórica portada principal, sendo evidente que toda a fábrica exterior da igrexa é obra nova. Está formada por unha tripla arquivolta sobre pequenas columnas acodilladas, baixo un arco moi sinxelo de volta perfecta integrado nun lenzo de fábrica que sobresae levemente da fachada. So da portada principal érguese unha especie de cripta co acceso situado xusto so desta, o que dificulta unha solución axeitada do exterior da igrexa e o seu acceso lóxico a esta.[8]

A torre, situada no ángulo norte da mesma fachada, é tamén da segunda metade do século XX e lembra esencialmente á de San Francisco de Lugo. A torre primitiva das campás, obra de finais do século XVI a principios do XVII e, polo tanto, non contemporánea coa igrexa gótica, inda que conserva algúns relevos medievais,[9] deixouse no seu emprazamento orixinal, coa igrexa irmá da Orde Terceira, que segue aberta ao culto. Os contrafortes da ábsida principal, inda que situados na mesma posición que os anteriormente existentes, tamén son recentes.[10]

Ruínas[editar | editar a fonte]

Pozo do antigo convento.

As ruínas da igrexa foron declaradas monumento histórico artístico o 16 de marzo de 1939.[11] Tralo traslado dos restos, parte das ruínas foron ocupadas polo Museo Militar[12] e durante a ampliación deste museo apareceron novos restos.[13]

En 1991 os antigos terreos do exércitos foron convertidos no Xardín da Maestranza, no que se integraron os restos conservados in situ.[12] Tamén se conserva un pozo do antigo convento.[14]

Nos primeiros anos do século XXI comezaron novas escavacións arqueolóxicas para converter os restos nun museo ao aire libre,[15][16] atopándose restos anteriores á construción da igrexa.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Parroquia San Francisco de Asís". Consultado o 20 de decembro do 2015. 
  2. Denominación popular do casco antigo da cidade, que coincide co trazado medieval.
  3. 3,0 3,1 Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. 
  4. Ángel del Castillo di que "recordamos haber visto una lápida sepulcral del año 1289". Atribúeselle ao monxe Fr. Benincasa de Todi, enviado polo propio San Francisco de Asís, a fundación do convento cara ao 1214 e os seus restos estarían colocados so o arco toral da capela maior.
  5. Embarcou moi preto do convento, na desaparecida praia do Parrote, onde unha porta de pedra conmemora o acontecemento.
  6. Franciscanos, Orden Tercera y Capuchinos en A Coruña
  7. Edmund Street, George (1926). La arquitectua gótica en España. Saturnino Calleja. 
  8. VV. AA. (1986). Arquitectura gótica en Galicia. ISBN 8485665120. 
  9. Estes relevos atópanse empotrados na fábrica da torre.
  10. Barral Rivadulla, M. D. (1995). "Alteraciones en la fábrica de la ex iglesia conventual de San Francisco de La Coruña". Anuario Brigantino (18). 
  11. Boletín Oficial, 4 de abril de 1939
  12. 12,0 12,1 Parques e xardíns
  13. Museo militar de La Coruña
  14. Galicia pueblo a pueblo
  15. "Mimo a la ruina de San Francisco". La Opinión de A Coruña (en castelán). 6 de agosto de 2013. Consultado o 4 de xaneiro de 2016. 
  16. Deus, Alba (9 de xullo de 2015). "Arrancan las excavaciones para convertir San Francisco en museo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de xaneiro de 2016. 
  17. "Novos achados no espazo do Convento de San Francisco aumentan o valor patrimonial do xacemento". Concello da Coruña. 26 de xullo de 2015. Consultado o 4 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]