Museos Científicos Coruñeses

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os Museos Científicos Coruñeses son un servizo do Concello da Coruña que abrangue tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus (Casa do Home) e o Aquarium Finisterrae, que se sitúan en diferentes lugares da cidade.

O seu obxectivo é a divulgación, comunicación e educación científica e tecnolóxica dos cidadáns de todas as idades. Organiza exposicións, conferencias, premios, cursiños, proxeccións, edicións, e colabora cos medios de comunicación nas tarefas de difusión científica. Tamén participa no desenvolvemento e creación de reunións, foros e congresos.

Nas súas instalacións pretende crear entretemento e ambientes distendidos onde os visitantes se familiarizaren coa ciencia. Ofrece oportunidades para a diversión e máis o xogo, buscando a educación en valores, aptitudes e procedementos científicos, e vencellándoos a outros máis xerais coma os de solidariedade, tolerancia, racionalidade, respecto e protección do medio.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro en crearse foi a Casa das Ciencias, en 1983. Tiña como obxectivo cultural contribuír á cultura e educación científica, prestando especial atención aos escolares. Converteuse en pouco tempo no museo máis visitado de Galiza.

En 1995 abriuse a Domus, dedicada monograficamente ao ser humano, que mostra nos seus aspectos biolóxicos, demográficos, psicolóxicos e culturais.

En 1999 inaugurouse o Aquarium Finisterrae, que se centra nos ecosistemas mariños da costa galega. A súa creación veu motivada polos desastres ecolóxicos ocasionados polos accidentes que se producen na costa.

No 2000 presentouse o Plan Hércules, co que se creou a marca de Museos Científicos Coruñeses (=mc2) e se integraban os tres centros co obxecto de ampliar as súas actividades e servizos.

Dende 2008 o seu director é Xosé Antón Fraga, quen substituíu a Ramón Núñez Centella.

Os tres museos ofrecen servizos que inclúen:

  • 5.000 m² de salas de exposicións
  • 30.000 m² de espazo expositivo ao aire libre (Aquarium)
  • Un planetario
  • Dous salóns de actos
  • Unha sala de proxección de cine
  • Videoteca, con máis de 1.500 títulos

Anualmente visitan os Museos unha media de 700.000 persoas.

En canto á poboación escolar, este número alcanza os 190.000 alumnos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]