Ocupa unha das tres penínsulas que delimitan a rada da praia de Santo Antón de Espasante, estando moi próximos o Castro de Coroa de Ladrido e o Castro do Tallo de Ladrido e tamén unha vila romana. O único acceso por terra ao sitio arqueolóxico conta cun sistema defensivo composto de dous foxos intercalados por dúas murallas e un parapeto case desaparecido.
Houbo varias intervencións arqueolóxicas, distribuídas en cinco campañas entre os anos 1987 a 1992.
O castro tivo dous momentos diferentes de ocupación, cunha posible cronoloxía do segundo momento arredor do século I a.c. momento que parece coincidir co do elemento máis importante atopado neste castro, o Monumento con Forno ou pedra fermosa ou formosa, do tipo de construcións hipoxeas atopadas nos grandes castros da zona portuguesa, e un dos poucos exemplos da zona galega xunto castro de Armeá en Allariz. A súa planta distribúese en Adro, Cámara, Antecámara e Forno, sendo a interpretación actual maioritaria que o seu uso era como balneario de vapor, e no cal a pedra fermosa, profusamente decorada e de aí o seu nome, constituía o sistema de acceso.
Durante as escavacións recuperouse numeroso material cerámico (indíxena, terra sigillata, anacos de ánforas...), muíños circulares, fusaiolas, alisadores, fibelas, fíbulas de traveseiro longo e un ás de bronce de época imperial (datado no 26 a.c.). Vinculados a estes restos óseos de gando vacún, ovicaprino e porcino, así coma cunchas de diferentes especies (ameixa, mexillón, berberecho, ostras...).