Teatro Colón da Coruña
Teatro Colón da Coruña | |
---|---|
Teatro Colón | |
Localización do Teatro Colón en Galiza. | |
Enderezo | Avda. da Mariña, sn 15003 A Coruña |
Cidade | A Coruña |
País | España |
Propiedade de | Deputación da Coruña |
Capacidade | 847 |
Inauguración | 1948 |
Reapertura | 5 de decembro de 2006 |
Uso actual | Representacións teatrais Concertos |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Teatro Colón é un centro de representación escénica situado nos xardíns de Méndez Núñez, centro da cidade da Coruña. O Teatro Colón é de titularidade da Deputación Provincial da Coruña e xestionado por Novacaixagalicia dende a súa reapertura no 2006.
Características
[editar | editar a fonte]Dispón dun escenario de 120,05 metros cadrados e dunha capacidade total de 847 localidades repartidas entre o patio de butacas (521 localidades) e dous niveis (palcos e antepalcos con 107 localidades, e principal con 219 localidades).
Historia
[editar | editar a fonte]Emilio Rey Romero, empresario de espectáculos, foi o promotor e artífice do Teatro Colón, cuxo obxectivo era o de ofrecer unhas condicións de capacidade e comodidade óptimas para albergar variedade de espectáculos escénicos e proxeccións cinematográficas, pretensións que se viron cumpridas nada máis comezar a súa andaina en 1948, ofrecendo ao público unha gran variedade de eventos musicais e teatrais, ademais de especializarse nas grandes estreas de Hollywood.
En 1945, Jacobo Rodríguez-Losada Trulock comezou co deseño arquitectónico do edificio, dando ao conxunto unha imaxe clasicista, unha aposta estética segura para un edificio tan singular, tanto por tamaño como por posición.
Remodelación
[editar | editar a fonte]A remodelación do Teatro Colón, iniciada no ano 2002, centrouse en obter un aproveitamento máis racional dos espazos. Mantívose o esquema do teatro á italiana, buscando establecer unha clara delimitación entre os lugares para o público e a escena. Por outra banda, a carencia de estancias de servizo resolveuse mediante a creación dun soto con numerosas dependencias como salas de ensaio e descanso, almacéns, talleres, camerinos, aseos e salas de instalacións. A intervención apoiouse en gran medida na estrutura preexistente, aínda que renovando tódolos elementos.[1]
Como principal diferenza co estado anterior, incorporouse unha instalación de aire acondicionado á sala independente da do resto do edificio. Substituíronse os pavimentos, acabados e butacas, dotando ás prazas de maior amplitude, comodidade e calidade. A iluminación da sala renovouse completamente coa incorporación dunha gran luminaria central, ao igual que a amplificación do son. Outras instalacións da sala contemplan a regulación lumínica, detección e extinción de incendios, megafonía, circuíto interno de vídeo ou sinalización e iluminación de emerxencia.
O teatro abriuse de novo ao público trala remodelación o 5 de decembro do 2006 cun concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia no que interpretou a Sinfonía núm. 9 "do Novo Mundo", de Antonin Dvorák, Impresión nocturna de Andrés Gaos e Negra Sombra.[2] O novo teatro remodelado foi renomeado Teatro Colón Caixa Galicia, debido á concesión da súa xestión, mantemento e realización de accións socioculturais a Caixa Galicia por parte da Deputación Provincial da Coruña (a titular do teatro), esta adxudicación fíxose efectiva o 30 de novembro do 2006, mentres que o contrato da xestión do teatro formalizouse o 16 de xaneiro do 2007 e durou ata o 2012.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O teatro
- ↑ Amado, Evaristo (6 de decembro de 2006). "O reformado Teatro Colón reabre as súas portas". ABC. Consultado o 2 de xullo de 2019.
- ↑ "Unahoramenos gestionará el Teatro Colón de La Coruña". Diario de Las Palmas. 29 de maio de 2012. Consultado o 29 de novembro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |