Antes do século XVIII o exército ocupaba vivendas da Coruña cando precisaban facer traballos na cidade. O capitán xeneral Diego das Mariñas comprara por iso unhas casas na praza principal da cidade en 1594.[3]
En 1751, dado o estado ruinoso dos edificios, decidiuse construír un novo na área situada xunto os conventos de Santa Bárbara e San Francisco. O proxecto foi do enxeñeiro Francisco Llobet.[3] As obras remataron en 1754 a pesar das queixas dos franciscanos que dicían que eran os propietarios dos terreos e das bárbaras que dicían que o edificio quitaba o sol das súas celas e estragaba a ventilación.[3]
O edificio quedou axiña pequeno e entre 1763 e 1771 foi ampliado segundo o deseño de Baltasar Ricaud.[3] En 1774 estableceuse o Almacén de Pertrechos de Artillaría para a mestranza, é dicir, a elaboración e reparación de pezas de artillaría.[1] Este cuartel deu nome á rúa.[4] Durante os séculos seguintes o cuartel sufriu diferentes modificacións.[3]
Na década de 1980, coa reestruturación dos terreos militares da cidade, o cuartel quedou sen uso. En 1994 reformouse o edificio para acoller a reitoría[4] e o paraninfo Universidade da Coruña.[3] Na contorna do antigo cuartel dispúñanse as baterías de artillaría para a defensa da ría do Burgo, espazo que agora ocupan os Xardíns da Mestranza.