Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°32′31″N 8°31′49″O / 42.541844, -8.53023

Petróglifo do cervo na Laxe dos Carballos.
Vista xeral da Laxe dos Carballos.

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), é un parque dedicado a arte rupestre ao ar libre, situado no concello de Campo Lameiro e pertencente á Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Abrangue 22 hectáreas con numerosos petróglifos de gran valor arqueolóxico e histórico, sendo varios deles Ben de Interese Cultural.

Historia[editar | editar a fonte]

O proxecto de creación do PAAR foi iniciado no 2002, coa presentación dun concurso de anteproxectos por parte do goberno de Manuel Fraga[1]. A súa construción comezou no 2007, durante o goberno bipartito[2], e inaugurouno o 6 de xullo do 2011 o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo[3].

Características do parque[editar | editar a fonte]

Os gravados repártense entre os sitios de Paredes, Parada e Santo Isidro, Painceiros, As Fragas, A Lagoa / Fentáns e Caneda, sendo relativamente sinxelos de visitar. O parque comprende nove estacións rupestres cunha vintena de rochas gravadas nuns tres quilómetros de largura. En 1974 foron declarados Monumentos Histórico-Artísticos, e toda a área foi declarada Zona Arqueolóxica o 20 de xuño do 2002.[4]

O parque inclúe a reconstrución dun poboado da Idade de Bronce, un centro de interpretación con 5.000 m², que conta con salas de proxección, exposicións, biblioteca e fondos.

Os petróglifos[editar | editar a fonte]

Os petróglifos do lugar inclúen deseños xeométricos (cruces, círculos concéntricos, coviñas...) e naturalistas (cervos, cabalos, serpes...) propios da arte rupestre galega (que inclúe o Norte de Portugal) e que se integran dentro do grupo da vertente atlántica europea. No sitio pódense ollar algún dos petróglifos mellor conservados do Grupo Galaico de Arte Rupestre.

As súas principais estacións son:

  • Laxe da Forneiriña, na que se pode ver a figura dun grande animal, xunto con diferentes representacións de cervos e círculos.
  • Laxe dos Carballos é un conxunto cuxo interese se centra na figura dun gran cervo hastado, que ademais conta coa infrecuente particularidade de que ten marcados os ollos e a boca. As súas patas adiantadas poden dar a idea de que estea tombado, o cal, xunto con que ten un gran número de lanzas cravadas no lombo, serían sinal de castigo ou morte. Ademais ten unha marca arredor do pescozo: ou ben atáronlle unha corda, ou ben como marca de dominación na caza, ou ben como cambio de cor na pelaxe. Xunto a este aparecen, entre outros gravados, combinacións circulares, aliñacións de coviñas ou outros cervos máis pequenos (dous deles debaixo do grande, tamén hastados).
  • Outeiro dos Cogoludos ten gravadas un bo número de figuras de suco moi visíbel, largo e fondo. Na banda dereira óllanse tres xinetes de a cabalo, dispostos verticalmente, mentres que na esquerda hai un gran panel con figuras de círculos concéntricos. Tamén aparecen un ídolo e varios cervos, entre outras manifestacións.
  • Outeiro das Ventaniñas presenta os gravados máis sinxelos desta área e representan varias formacións circulares.
  • Fonte da Pena Furada conta con varias pedras con gravados de cervos e círculos concéntricos. De especial importancia é o cervo hastado ao que se lle ten representado a boca e mailos ollos no mesmo plano.
  • Outeiro da Pena Furada é o único conxunto deste ámbito que conta con figuras labirínticas e na súa proximidade hai outros gravados.
  • Laxe dos Cabalos consta de varias pedras gravadas con figuras de cervos e combinacións circulares. Salienta a que dá orixe á zona e que está formada por dous cabalos con cadanseus xinetes, dando a impresión de que están a disputar unha carreira.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]