Saltar ao contido

Obelisco dos Cantóns


Obelisco dos Cantóns
Obelisco dos Cantóns
Presentación
LocalizaciónA Coruña
DirecciónCantón Grande
TipoEscultura
Construción
Data da construción1895
O Obelisco antes do aumento da altura.

O Obelisco dos Cantóns é un monumento da cidade da Coruña, situado na rúa do Cantón Grande. Construíuse en 1895 en memoria de Aureliano Linares Rivas, deputado, senador e ministro compostelán durante a rexencia de María Cristina.

A denominación de obelisco, que lle deron, é inexacta, pois o monumento é en realidade unha columna conmemorativa[1].

En 1893 o concello coruñés creou un comité ad hoc, que decidiu que o monumento non só constituíse unha homenaxe a Linares Rivas, senón que ao tempo tivese utilidade pública, cun reloxo e aparellos meteorolóxicos.

O monumento foi proxectado polo mestre de obras Gabriel Vitini Alonso, e a cimentación polo arquitecto municipal Antonio de Mesa. Isto debeuse a que a cimentación foi pagada polo concello coruñés, en tanto que o monumento en si foi erguido a partir da recadación obtida por subscrición popular, e os mestres de obra eran os que proxectaban a maioría de obras privadas nesa época (profesión que logo cambiou a aparellador e máis tarde a arquitecto técnico ou enxeñeiro de edificación). O monumento foi feito polo construtor José Escudero, que cobrou 1.995 pesetas[2]. Foi inaugurado o 10 de febreiro de 1895.[3]

O alcalde Alfonso Molina decidiu en 1952 aumentar a altura da estrutura xa que os edificios da zona medraran en altura e desmerecían o monumento[4].

Na base deste obelisco están gravados en placas de bronce os datos xeográficos e os climáticos extremos da cidade.

  1. Non se corresponde a definición de obelisco co da Coruña, que e de sección circular. O termo de orixe grega obelisco designa un piar labrado illado, con remate en forma de pirámide, de sección cadrada ou rectangular que se estreita na parte superior e que ten función ornamental.
  2. "Barómetros con historia José Miguel Viñas Rubio" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 26 de outubro de 2014. 
  3. Ventureira, Rubén (2016). Calendario Histórico A Coruña 2017 (en castelán). Asociación da Prensa da Coruña, Compañía de Tranvías da Coruña. ISBN 978-84-608-9887-0. 
  4. El Obelisco cumple 115 años y recupera su plano de obra La Voz de Galicia.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]