Castro de San Millao
Castro de San Millao | |
---|---|
Parroquia | San Millao |
Concello | Cualedro |
Provincia | Ourense |
Comunidade autónoma | Galicia |
Id. catálogo | GA32028026 |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | Séc. II-IV d.C |
Data da descuberta | ? |
Períodos de escavación | 1953 |
Estado actual | Abandonado |
Extensión estimada | 2,7 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
O castro de San Millao é un poboado castrexo situado na parroquia de San Millao, no concello ourensán de Cualedro. É coñecido tamén coma Cidá do Castro[1] ou Cidá de Grou[2].
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]O Castro de San Millao está sobre un pequeno outeiro a 730 m de altitude, ó pé do río dos Muíños. Está orientado en dirección norte-sur, cun eixo maior na súa dirección leste-oeste. Atópase encaixado no medio de pequenos outeiros, o que dificultaría a visibilidade dos seus habitantes, así como a dos seus posibles atacantes. É de doado acceso se se compara con outros, dado que a zona ten un relevo pouco pronunciado[2]. Canto ao terreo, é pouco fértil na altura dos estratos desa época.
É un castro de tipo chairego, de grandes defensas e de trazos gandeiros. Atópase circundado por un pequeno regato de montaña. Ten certas similitudes en canto a distribución co castro de Elviña: presenta tres barrios superpostos a distinto nivel, todos eles amurallados e independentes os uns dos outros. A súa planta é de forma ovoide.
O sistema defensivo é a particularidade mais salientábel do conxunto. Na cara norte ábrese un gran foxo que chega a acadar unha profundidade de 8 m de alto e ten entre 6 e 12 m de ancho. Nas caras sur e oeste atópase un regato encaixado no substrato do chan que fai de barreira natural inaccesíbel. Na cara leste está a área de terreo mais chá, cuberta cunha barreira de pedras fincadas de 70 cm. nunha zona que abarca 130 metros de longo por 30 de ancho. O conxunto conta cunha muralla ciclópea de cachotería de granito, que nalgunhas zonas acada mais de metro e medio[3].
Arqueoloxía
[editar | editar a fonte]Historia
[editar | editar a fonte]A aparición do castro de San Millao remóntase o século II d.C[2] e a fin da súa ocupación data do século IV d.C[4]. Enmárcase dentro do período de ocupación romana da Gallaecia, mais dentro del non se atopou material arqueolóxico romano ningún[4]. Está situado na zona ocupada polos bibalos ou Bebaloi, os cales participaban do Forum Bibalorum, dentro do Conventus Bracarensis, o que antes viría a ser o Oinaikos Growion[5]. Os seus habitantes adicábanse principalmente á gandaría ovina, olería e comercio con outros castros ou aldeas da zona, aproveitando a vía romana que percorría a zona próxima á Xironda[3].
Estudos
[editar | editar a fonte]Dende mediados ata finais do século XX o sitio arqueolóxico foi estudado en tres períodos, ficando a día de hoxe abandonado. Os primeiros estudos veñen da man de Florentino López Cuevillas e Xesús Taboada Chivite no ano 1953. No ano 1954 López Cuevillas e Taboada Chivite volven ó castro para realizar as primeiras escavacións, así como para analizar a súa estrutura defensiva. Estas escavacións continúanse no ano 1955 co mesmo fin. X. Rodríguez González e Francisco Fariña Busto retoman os traballos desenvolvendo tarefas de limpeza e escavación. Máis tarde publican as memorias científicas nas que recollen os seus estudos[4].
Achados arqueolóxicos
[editar | editar a fonte]Tanto os traballos de Florentino López Cuevillas e Xesús Taboada Chivite coma os de Rodríguez González e Francisco Fariña Busto deron luz a numerosos achados. Entre os máis importantes atópanse[4]:
- Fragmentos cerámicos de estampillado SSS pertencentes a unha peza de tamaño medio.
- Fragmentos cerámicos de bordos.
- Fragmentos cerámicos de labios.
- Fondos de pezas cerámicas correspondentes a olas abertas globulares.
- Fragmentos de remaches e caldeiros de bronce .
- Fragmentos dun chocallo de ferro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ficha do castro en Turgalicia
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Guía do concello de Cualedro Arquivado 15 de decembro de 2009 en Wayback Machine.. (Pdf).
- ↑ 3,0 3,1 Boletín Auriense do 1986.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Guía dos castros de Galicia. Ed. do Cumio.
- ↑ Atlas histórico da Galiza. Ed. da Galiza. Páx. 21
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Cultura castrexa |