Saltar ao contido

Chalé Escudero

Chalé Escudero
Fachada á rúa de Ferrol
Edificio
EstiloModernista, con ornamentación vienesa
LocalizaciónRúas de Ferrol (nº 18) con Juan Flórez (nº 27), A Coruña (Galicia)
Coordenadas43°21′54″N 8°24′29″O / 43.364944444444, -8.4079444444444
Uso(s)residencial
Construción
Inicio1913
Remateca. 1915
Dimensións
Plantas4 (planta baixa, 1 andar e 1 andar máis en torreón con ático abufardado).
Equipo
Arquitecto(s)Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón
PromotorAlonso Escudero López
editar datos en Wikidata ]
A casa Escudero vista dende a rúa Juan Flórez.

O Chalé Escudero, tamén chamado Casa Alonso Escudero, Palacete de Juan Flórez (pola súa situación nesta rúa) e Consulado de Cuba, é un inmoble de estilo Modernista dos anos 1910 que está situado no centro da cidade da Coruña.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Este edificio responde á tipoloxía de chalés construídos nesta parte da cidade a principios do século XX, e é o único que chegou ata os nosos días. Constitúese nun exemplo da fusión das dúas correntes predominantes na arquitectura modernista desa época: o Art-nouveau francés (de tendencia ornamentalista) e a Secesión vienesa e centro-europea (máis xeométrico)[1].

Ten a súa entrada polo número 18 da rúa de Ferrol, a través do xardín e dunha singular escalinata.

Detalle dunha postal de 1913 mostrando a entrada principal do chalé

Durante os primeiros anos do século XX esta área non estaba apenas urbanizada. Á actual rúa de Juan Flórez coñecíaselle como Camiño Novo ou Estrada de Castela, e era unha longa avenida que tiña plantada unha ringleira de árbores desde tempos de Carlos III[2]. En 1900 o Concello deulle o nome do que foi por dúas veces alcalde da cidade, Juan Flórez Freire[3]. Pouco a pouco a burguesía coruñesa comezou a construír nos seus soares diversos chalés e palacetes, como o Chalé Molezún, o Chalé Mateo e os Chalés de Fariña, e a establecerse institucións como o Colexio Dequidt, as Escuelas Labaca (1912) e o coñecido como "Leirón do Casino" (un parque pertencente ao Sporting Club Casino que tiña instalacións deportivas a carón do monte de Santa Margarida, e que era lugar de esparexemento dos coruñeses).

O Chalé Escudero deuse en construír na confluencia das actuais rúas de Juan Flórez e de Ferrol. Semella que a rúa de Ferrol, ou ben un tramo, debeu chamarse durante un tempo "calle del Padre Sarmiento", posto que nas sesións do Concello que falaban da construción deste edificio, así o facían constar[4][5].

Os planos co proxecto de edificación presentáronse en agosto de 1913[6], de mans do daquela novo arquitecto Eduardo Rodríguez-Losada, constituíndo a presente unha das súas primeiras obras. O 1 de outubro do mesmo ano o Concello da Coruña autorizou á construción do chalé a Alonso Escudero[4][5]. Poucas semanas despois da concesión, o Concello da Coruña publicou un proxecto de modificación das aliñacións da Praza de Galicia[7] que afectaban de xeito evidente ao chalé. Alonso Escudero opúxose e presentou unha reclamación perante o propio Concello, que a rexeitou[8]. Alonso continuou coa reclamación, ata que en xullo de 1914 un Real Decreto do Ministerio da Gobernación aprobou o expediente instruído polo Concello sobre o Ensanche e, particularmente, sobre a chamada Vía Oeste (actual rúa do Arcebispo Lago González) na Praza de Galicia[9]. O remate das obras demorouse ata o ano 1915[10][11]. Nese tempo construíuse a beirarrúa que rodea o chalé, e así mesmo houbo de pechar cun valado a propiedade, por requirimento do Concello. En febreiro de 1920 o mesmo Rodrígez-Losada proxectou o garaxe do edificio.[12]

Orixinalmente, a dirección do edificio foi o número 16 da Praza de Galicia[13] e encontrábase xusto en fronte do Leirón do Casino, moi frecuentado polas familias de clase alta coruñesas ata a súa desaparición no ano 1964, polo que a situación do Chalé Escudero resultaba envexable. De feito, este chalé foi un acicate para que outros moitos membros da burguesía coruñesa construíran alí as súas vivendas[14]. Nos anos 60 desapareceu o Parque do Casino para dar paso ao chamado Edificio Trébol.

Alonso Escudero ocupou o inmoble ata mediados dos anos 20, en que abandonou a cidade para establecerse coa súa dona en Madrid, onde anos despois falecería. A partir de entón o chalé pasou por varios propietarios. Un deles foi un republicano que, ao estalar a Guerra Civil, se exiliou a Cuba[15]. Durante a guerra o edificio foi confiscado e destinado a sede da Delegación de Orde Pública,[2] funcionando como centro de detención e interrogatorio de presos políticos. Ante este estado de cousas, o seu propietario desde Cuba doou o chalé á República de Cuba a condición do seu emprego como Consulado da República. O edificio foi ocupado desde finais dos 30 polo cónsul honorario Fernando Pena Poldo e a súa familia[15][16], quen faleceu en xuño de 1953[17]. Desde 1955 ocupouno o novo cónsul Eduardo Mayea Aroca[18], ata a caída do réxime de Batista en 1959.

Pouco despois da supresión do consulado cubano na cidade herculina, instalouse no chalé un matrimonio cubano exiliado[15], continuando en mans privadas como residencia desde entón.

  1. Garrido Moreno, Antonio (2002). Aproximación a la primera arquitectura déco en Galicia. Quintana (Universidade de Santiago de Compostela). p. 226. 
  2. 2,0 2,1 "Los chalés del Camino Nuevo, un recuerdo de los viejos tiempos". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). 18-5-2002. Consultado o 4-9-2018. 
  3. Méndez Gallart, Cristina (20-8-2014). "De cuando Juan Flórez estaba bordeado de chalés y sombreado con arboledas". Mundiario (en castelán). 
  4. 4,0 4,1 "En el Ayuntamiento. La sesión de ayer. Orden del día". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 2-10-1913. p. 1. 
  5. 5,0 5,1 "En el Ayuntamiento. La sesión de ayer". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). 2-10-1913. p. 2. 
  6. Así despréndese da data que figura nos planos, que foron fotografiados e editados en fotopostal.
  7. Concello da Coruña (ed.). "Plano parcelario del ensanche 1ª y 2ª zona (Barón y Yáñez 1879 y diversos de 1900)". Guía Local. Planos históricos. (en castelán).  Plano do Ensanche de xullo de 1900 onde se pode ver a situación da Praza de Galicia (sinalado como "PLAZA") con respecto á Rúa de Ferrol coa súa confluencia co Camiño Novo.
  8. "En el Ayuntamiento. La sesión de ayer". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 13-13-1913. p. 1. 
  9. "La plaza de Galicia". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 24-7-1914. p. 2. 
  10. "En el Ayuntamiento. La sesión de ayer". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 3-6-1915. p. 1. Autorizar á D. Alonso Escudero para construir acera de cemento en los dos frentes del «chalet» que está edificando en la confluencia de las calles de Juan Flórez y Padre Sarmiento  Dedúcese que nesa data (xuño de 1915) aínda estaba o inmoble en construción.
  11. "De la Alcaldía". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 22-1-1916. p. 1. Solares de la calle de Juan Flórez situados entre los cerrados con formales de fachada y que pertenecen á D. Vicente Obelleiro y el «chalet» recientemente construido por D. Alonso Escudero  Do tenor da cita dedúcese que en xaneiro de 1916 o chalé estaba xa construído.
  12. Martínez Suárez & Casabella López 1989, pp. 102-103.
  13. Véxase a postal editada polo propio promotor e propietario da obra, Alonso Escudero López, e a súa dona Corona Caamaño Font, na que ofrecían o seu fogar ás súas amizades dispoñendo esa morada (postal en Todocolección.net).
  14. "Una ojeada a la población nueva". Acción Coruñesa (en castelán) (A Coruña). 28-2-1921. p. 2. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Luchita Verdejo (8-10-2010). "Calle Juan Flórez". La Coruña de mis tiempos (blog de Luchita Verdejo) (en castelán). 
  16. "Coruña (La)". Anuario 1947 (en castelán). 1947. p. 108. 
  17. "Falleció el cónsul de Cuba en La Coruña". La Noche (en castelán). 10-6-1953. p. 2. 
  18. "Llegó el Cónsul de Cuba". Hoja Oficial del Lunes (en castelán). 21-3-1955. p. 7. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Martínez Suárez, Xosé Luís; Casabella López, Xan (1989). Catálogo arquitectura. A Coruña 1890-1940. COAG. ISBN 978-84-85665-09-9. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]