Saltar ao contido

Grupo Galaico de Arte Rupestre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Petróglifo de Mogor.

Un petróglifo é unha representación gravada sobre unha pedra ou rocha. O Grupo Galaico de Arte Rupestre está constituído polos gravados galegos realizados en pedra en tempos prehistóricos. A denominación vense usando xa dende 1993 por arqueólogos como De La Peña Santos ou Rey García.

Características

[editar | editar a fonte]
Gravados do Castriño de Conxo.

O conxunto de petróglifos galegos é un dos máis ricos e peculiares dentro do marco europeo e mesmo mundial[1]. Os petróglifos do Grupo Galaico de Arte Rupestre están realizados sobre granito, agás os máis primitivos, que están gravadas sobre lousa, e en Sarria e Samos sobre xisto. Non se sabe se esta foi unha escolla intencional ou se é que se trata simplemente do material máis duradeiro, e por ese motivo chegaron ata os nosos días. Os petróglifos galegos presentan unha elevada erosión e, en ocasións, son difíciles de observar.

Os conxuntos de petróglifos sitúanse nas abas das serras, e en ocasións atópanse rodeando brañas e cubetas, así como nas liñas de tránsito que comunican estas zonas cos lugares onde se atopan os poboados, como demarcando un territorio. Durante a Idade de Bronce os poboados eran establecidos en zonas con fácil acceso á auga. Nas sociedades prehistóricas a arte sempre estivo relacionada con actividades de carácter ritual e relixioso, é dicir, que ademais de servir como marca territorial, os petróglifos puideron funcionar como lugares de agregación de guerreiros e como indicadores de sitios cunha especial carga simbólica [Cómpre referencia].

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]
Petróglifo de Teo.

Os petróglifos abranguen tres períodos:

Tradicionalmente os petróglifos galegos foron datados na Idade de Bronce, aínda que algúns investigadores cínguena ao cambio do III ao II milenio, no inicio da Idade de Bronce.[2] Nalgúns casos aparecen gravados de datacións posteriores mesturados cos existentes anteriormente, nalgunhas ocasións perseguindo a finalidade de cristianizar os símbolos considerados pagáns, a imaxe do que sucedeu con moitos castros nos que se erixiron ermidas, igrexas ou cruceiros no lugar que ocupaban como proceso de cristianización de lugares que eran obxecto de lendas (cos mouros de protagonistas na súa maioría) e cultos pagáns por parte do pobo.

Temática

[editar | editar a fonte]
Petróglifo do Outeiro do Cogoludo, que representa unha manda de cervos.

Existen dous tipos de deseños: naturalistas ou figurativos, que son respectivamente aqueles nos que é posíbel adiviñar que representan, como por exemplo os cervos, os cabalos, figuras humanas e armas; e os xeométricos ou abstractos, aqueles que non sabemos que representan, como son as combinacións circulares. Os petróglifos naturalistas son os máis característicos da arte rupestre galaica ao ar libre (a pesar de ser menos abondosos que os xeométricos), por mor da súa orixinalidade que a diferenza doutras zonas atlánticas[1]. Pola contra, os xeométricos ou abstractos son os máis abundantes e os que están máis espallados xeograficamente.

Nas representacións naturalistas destacan as representacións zoomorfas, antropomorfas e de certas armas:

  • Nas representacións zoomorfas, os cérvidos acadan o 95% do total de figuras deste tipo, o que fala da importancia deste animal na sociedade da época (tanto alimentaria, como o seu uso de peles ou ósos e como animal simbólico do seu mundo mítico). Hai numerosas escenas do ciclo reprodutivo dos cervos, como machos adultos a facer a berrea (en grandes laxes en costa, desde as cales o berro se expandiría mellor) e femias acompañando as crías. Ademais tamén son representados cabalos (xeralmente montados por unha figura humana) e serpes.
  • As representacións antropomorfas adoitan ir asociadas a figuras animais, así principalmente a figura humana aparece representada en escenas de caza, pastoreo ou, como se dixo antes, de a cabalo. As representacións humanas son moi esquemáticas e simples.
  • Nas representacións de armas distínguense sobre todo as espadas curtas, os puñais, as alabardas e os escudos. Porén, nalgúns casos, é difícil distinguir se se pretende debuxar unha arma ou distinguir cal é. É o caso de diversos deseños, tanto circulares coma triangulares, que poden suxerir un escudo.

As representacións xeométricas ou abstractas son as máis abondosas, con exemplos coma os círculos concéntricos, deseños labirínticos (salientando o Labirinto de Mogor), deseños reticulados, espirais, puntos e coviñas. Todas estas representación posúen un significado simbólico[Cómpre referencia], aínda que é difícil interpretar o auténtico significado.

Os petróglifos non reflicten a vida cotiá das persoas que os gravaron. As comunidades da Idade de Bronce practicaban a agricultura e a gandaría como base da súa subsistencia, mais nos gravados os únicos temas representados son os relacionados coa caza e a guerra. Suponse que os petróglifos estaban relacionados coas actividades que, posibelmente, a sociedade da Idade de Bronce consideraba máis prestixiosas. Nas escenas cinexéticas o único animal cazado é o cervo, o que pode estar relacionado coa importancia simbólica que este animal debeu posuír. No mundo imaxinario destas comunidades a caza parece ser algo máis ca unha función lúdica ou subministradora de alimento e probablemente tería un forte contido ritual ou iniciático [Cómpre referencia].

Estacións arqueolóxicas

[editar | editar a fonte]

A maior parte dos petróglifos descubertos e que chegaron aos nosos días dan como resultado que é no sur de Galiza, na provincia de Pontevedra, na zona costeira que abrangue dende a ría de Muros ata a desembocadura do río Miño, e concretamente no val do río Lérez, onde se conservan a maior parte dos gravados. Canto máis nos afastamos deste lugar cara ao norte ou ás provincias de interior atopamos un número moi inferior e case sempre relacionados cos vales dos ríos.

Algunhas das estacións máis destacadas son as seguintes:

Conservación

[editar | editar a fonte]
Un experto calcando un petróglifo en Castrolandín (Cuntis).

Cando se visite unha "estación" con petróglifos non se deben tocar e moito menos pintar con xiz ou ceras escolares para que saian ben na foto. Isto deterióraos. Os especialistas pódeno facer contando sempre cun permiso previo da Dirección Xeral de Patrimonio e utilizan técnicas non destrutivas. Se se quere obter boas fotos abonda con esperar ás últimas luces do día, cando os raios do sol inciden lateralmente sobre os sucos e resaltan o seu trazado.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 CAAMAÑO GESTO, José Manuel: A gran historia de Galicia. Prehistoria de Galicia. Volume 2: O Calcolítico e a Idade de Bronce. ISBN 978-84-96931-02-2.
  2. Os petróglifos galegos

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Costas Goberna, F. J., Hidalgo Cuñarro, José Manuel e Peña Santos, Antonio de la (1999). Arte rupestre no sur da Ría de Vigo. Vigo. Instituto de Estudios Vigueses. ISBN 84-89599-13-0. 
  • Peña Santos, A. de la (1999). Os petroglifos galegos. A NOSA TERRA. ISBN 84-89976-68-6. 
  • Peña Santos, A. de la e Vázquez Varela, J. M. (1996). Los petroglifos gallegos. Grabados rupestres prehistóricos al aire libre en Galicia. Sada. Ediciós do Castro. ISBN 84-85134-99-0.  (3ª edición)
  • García Alén, Alfredo e Peña Santos, A. de la (1981). Grabados rupestres de la provincia de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-04-1. 
  • Guitián Castromil, Jorge e Xoán Guitián Rivera (2001). Arte rupestre do Barbanza. Noia. Editorial Toxosoutos. ISBN 84-95622-21-1. 
  • Sobrino Buhigas, Ramón (2000). Corpus Petroglyphorum Gallaeciae. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-956-3.  (orixinal de 1935)
  • Vázquez Varela, J. M. (1990). Petroglifos de Galicia. Santiago de Compostela. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-655-X. 
  • Vázquez Rozas, Roberto (1997). Petroglifos de las Rías Baixas gallegas. Pontevedra. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-89690-00-6. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]