Río Verdugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Verdugo
Ponte medieval en Comboa.
PaísGalicia
NacementoMonte do Outeiro Grande
Lonxitude47 km
Caudal medio17 m³/s
DesembocaduraRía de Vigo
Ponte Caldelas.

O Verdugo[1] é un río galego da provincia de Pontevedra, cuxa foz se sitúa no fondo da ría de Vigo.

Percorrido[editar | editar a fonte]

O Verdugo nace a 760 m de altura no monte do Outeiro Grande, na aldea de Cernadelo (Santa Mariña de Presqueiras, Forcarei). No seu primeiro tramo baixa encaixado atravesando os concellos de Beariz, A Lama e Ponte Caldelas, facendo un val máis amplo na súa entrada en Soutomaior. No seu último tramo serve de fronteira entre Soutomaior e Pontevedra, desembocando entre Arcade e Ponte Sampaio.

No concello de Ponte Caldelas atravesa os pasos da Fraga, onde se conservan varios muíños e un peto de ánimas. Despois de formar a praia fluvial da Calzada, na vila de Ponte Caldelas hai un paseo fluvial, a carón do antigo balneario, onde hai un monumento ao pescador.

Características[editar | editar a fonte]

O seu afluente principal é o río Oitavén, que se lle une pola esquerda, en Ponte da Barca, e que desenvolve un percurso de lonxitude similar á do Verdugo, desde o seu nacemento até a confluencia (32 km). De modo que ás veces se fala do sistema Verdugo - Oitavén (o curso común é de 7 km), e máis se se ten en conta que o caudal do Oitavén é superior. Outros dos seus afluentes son o Calvelle e o Barbeira.

O tamaño total da conca é de 357 km² (177,7 km² corresponden á bacía do Oitavén). O caudal absoluto do Verdugo na desembocadura é de 17 m³/s (o do Oitavén, antes da confluencia, atinxe os 10,5 m³/s). O Verdugo e os seus afluentes son ríos de réxime pluvial. As precipitacións medias na súa conca atinxen os 1884 mm anuais.

Ponte romana en Ponte Sampaio.

Aproveitamento[editar | editar a fonte]

No Verdugo sitúanse tres encoros: os de Feixa I e Encoro de Feixa II, localizados no concello de Ponte Caldelas e máis o encoro da Ponte do Demo, no de Soutomaior. Son de potencia inferior a 10 Mw.

O río Verdugo ten sona pola pesca da troita. O último domingo de maio celébrase en Ponte Caldelas a festa da troita e o concurso internacional de pesca de salmónidos.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lourenzo Sobral, Manuel (24 de xaneiro de 2018). "Río Verduxo ou río Verdugo?". Soutomaior en Pé. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]