Cidade do Cabo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Capetón")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 33°55′31″S 18°25′26″E / 33.92528°S 18.42389°E / -33.92528; 18.42389

Cidade do Cabo
Cape Town (en inglés)
Kaapstad (en africáner)
iKapa (en xhosa)
Cape Town coa.jpg
Central Cape Town.jpg
Centro da cidade
Situación xeográfica
Cidado do Cabo en Suráfrica
Cidado do Cabo
Cidado do Cabo
País Flag of South Africa.svg Suráfrica
Provincia Cabo Occidental
Concello Concello de Cidade do Cabo
Xeografía
Altitude 0-1.590,4 msnm
Superficie 2.445 km²
Poboación
Poboación 3.740.026 hab. (2011)
Densidade 1.500 hab/km²
Información
Código postal 7700 a 8099
Alcalde Patricia de Lille (DA)
Páxina web www.capetown.gov.za

Cidade do Cabo[1] (chamada Cape Town en inglés, Kaapstad en afrikaans e iKapa en xhosa), tamén coñecida en galego como Capetón,[1] é a segunda cidade máis poboada de Suráfrica despois de Xohanesburgo, con 3,481.156 habitantes (2008). A cidade é a capital da provincia do Cabo Occidental, así como a capital lexislativa de Suráfrica (dende 1910), e polo tanto acolle o Parlamento Nacional e outras sedes gobernamentais.

Trátase dun importante centro turístico e comercial.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Cidade do Cabo.
Cabo de Boa Esperanza.

Os restos máis antigos da presenza humana na rexión atópanse na Cova Peers, e teñen uns 12.000 anos. Non existe documentación sobre os pobos que habitaron a zona ate que o navegante portugués Bartolomeu Dias mencionou a rexión en 1486. Vasco da Gama tamén rexistrou o avistamento do Cabo de Boa Esperanza en 1497.

Os san e os khoisan eran os poboadores da zona do Cabo da Boa Esperanza cando a actual cidade foi fundada polo comerciante holandés Jan van Riebeeck o 6 de abril de 1652. A misión era que servise como un centro de fornecemento a medio camiño da viaxe ás Indias, ao servizo da Compañía Holandesa das Indias Orientais.

En 1688 uníronse aos holandeses 150 hugonotes franceses fuxidos de Francia e algo máis tarde chegaron algúns soldados alemáns ata chegar a arredor de 1000 brancos. E xa que os indíxenas rexeitaban traballar para os holandeses, estes importaron traballadores escravos de Madagascar, India, Malaisia e Indonesia, ao seren poucas as mulleres europeas, os holandeses empregaban as mulleres asiáticas como escravas sexuais, co tempo os escravos uníronse cos khoisan, dando orixe á actual poboación de Colorados do Cabo, ao tempo que os malaios do Cabo tamén chegaron ata hoxe. Os ingleses ocuparon a cidade no 1795, nese momento a poboación branca era uns 21.000 persoas con 25.000 escravos.

Despois dun breve período de dominio holandés entre 1803 e 1806, e pasou oficialmente á coroa o 13 de agosto de 1814 tornouse a capital da colonia británica do Cabo. En 1820 chegaron 5.000 colonos británicos. O descubrimento de ouro e diamantes na área de Highveld entre 1870 e 1880 implicou que a cidade deixara de ser a maior do país, pero como o principal porto do país, converteu a cidade no principal destino dos beneficios do mineral, industrializándoa.

A peste de 1901 serviu de escusa para a política de segregación racial, trasladando aos africanos a dúas localidades da periferia, agravándose a situación coa implantación do apartheid en 1948.

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

A cidade dominada pola Montaña de Mesa.
  • Cabo de Boa Esperanza. Localizado ó sur da cidade, é un espazo natural protexido, cunha gran riqueza de flora. Este cabo é o que inspirou o nome da cidade. Durante séculos foi considerado o límite entre os océanos Atlántico e Índico.
  • Montaña de Mesa (Table Mountain). A cidade está dominada por esta montaña, cuxo punto máis alto é unha meseta de 3 quilómetros de anchura. A montaña posúe unha flora e fauna autóctonas polas que foi declarada Parque Nacional e Patrimonio da Humanidade. O turismo acode á montaña por estrada ou teleférico por mor das súas famosas vistas da cidade. En novembro de 2011 a Montaña de Mesa foi declarada unha das sete marabillas naturais do mundo.
  • Victoria & Alfred Waterfront. É o corazón histórico do primitivo porto comercial da cidade, que actualmente acolle museos, centros comerciais, un acuario e a terminal marítima na que se collen os barcos que levan á illa Robben. Está considerado o punto turístico con máis visitas de toda Suráfrica.
  • Illa Robben. Nesta illa houbo unha prisión dende o século XVII. Nela cumpriron cadea moitos opositores ó réxime do apartheid durante a segunda metade do século XX. Nelson Mandela pasou alí 36 anos antes de ser posto en liberdade. En 1999 foi declarada Patrimonio da Humanidade.
  • As praias. As 26 praias que rodean Cidade do Cabo son un destino turístico de primeira orde por mor do clima soleado e a fermosura natural da zona.
Parlamento de Suráfrica.
  • Parlamento de Suráfrica. Acolle dende 1910 a Asemblea Nacional (cámara baixa) e o Consello Nacional de Provincias (cámara alta), malia que a sede do goberno surafricano está na cidade de Pretoria.
Concello de Cidade do Cabo.
Castelo de Boa Esperanza.
  • Grand Parade. É unha gran praza pública situada no centro da zona histórica da cidade. Nela atópanse edificios como a Casa do Concello de Cidade do Cabo, construído en 1905, ou o Castelo de Boa Esperanza, monumento nacional do século XVII.
  • Cabeza de León (Lion's Head). É unha montaña de 669 metros de altitude situada preto do centro histórico da cidade. Ó seu carón atópase a Signal Hill, un outeiro de 350 metros de altitude no que se atopa o Observatorio Astronómico de Suráfrica.
  • Catedral de San Xurxo. Trátase dun templo anglicano, sede do Arzobispado de Cidade do Cabo. A súa construción comezou en 1901, e considérase o edificio relixioso máis salientable da cidade.
  • Galería Nacional de Suráfrica. É un museo de arte situado no centro histórico da cidade, que acolle esculturas e pinturas correspondentes ós séculos XVII, XVIII e XIX, malia que tamén organiza mostras de arte contemporáneo.

Vista panorámica dende a Table Mountain. Á esquerda atópase a Lion's Head. Ó seu carón, no centro da imaxe, a Signal Hill. Na parte alta da imaxe vese a Robben Island. Na parte dereita pódese ver o comezo da zona histórica de Cidade do Cabo, co V&A Waterfront. Nesta imaxe tamén aparece o Cape Town Stadium.

Vista panorámica dende a Table Mountain. Á esquerda atópase a Lion's Head. Ó seu carón, no centro da imaxe, a Signal Hill. Na parte alta da imaxe vese a Robben Island. Na parte dereita pódese ver o comezo da zona histórica de Cidade do Cabo, co V&A Waterfront. Nesta imaxe tamén aparece o Cape Town Stadium.


Demografía[editar | editar a fonte]

Na imaxe da esquerda represéntase a densidade de poboación, superior nas zonas escuras. Na imaxe da dereita amósase a predominancia de idiomas. En verde o africaans, en amarelo o inglés, e en vermello o xhosa.

O censo de 2008 determinou que a poboación de Cidade do Cabo era de 3,481.156 habitantes, o cal coloca á cidade no segundo posto dentro da lista de cidades máis poboadas de Suráfrica, só por detrás de Xohanesburgo.

Os 48'5% da poboación son persoas mestizas, mentres que o 31% son negros, o 19% son brancos, e o 1'5% son asiáticos. Estes porcentaxes indican que Cidade do Cabo é a única gran cidade surafricana na cal non hai unha maioría de poboación negra.

No tocante ás linguas que se falan, o 41'4% dos residentes da cidade falan afrikaans, o 28'7% falan xhosa, o 27'9% falan inglés e o 0'7% falan sesotho.

O 76'6% son cristiáns, o 9'7% son musulmáns, o 0'5% son xudeus, o 0'2% son hindús, e o 10'7% restante non teñen ningunha relixión.

Educación[editar | editar a fonte]

Campus da Universidade de Cidade do Cabo.

A educación pública primaria e secundaria de Cidade do Cabo está dirixida polo Departamento de Educación do Cabo Occidental (o Western Cape Education Department). Este departamento provincial divídese en 7 distritos.

O sistema público de universidades que ten Cidade do Cabo é moi prestixioso. A cidade conta con 3 universidades públicas: a Universidade de Cidade do Cabo (University of Cape Town) creada en 1829, a Universidade do Cabo Occidental (University of the Western Cape) creada en 1959, e a Universidade Tecnolóxica da Península do Cabo (Cape Peninsula University of Technology) creada en 2005 como resultado da fusión de dúas universidades tecnolóxicas máis antigas. Outro centro académico de prestixio é a Universidade de Stellenbosch (Stellenbosch University), situada a uns 50 quilómetros do centro da cidade, que foi creada en 1866.

Tanto a Universidade de Cidade do Cabo como a Universidade de Stellenbosch teñen sona de ser os centros académicos líderes no sistema universitario de Suráfrica.

Deportes[editar | editar a fonte]

Rugby[editar | editar a fonte]

Newlands Stadium.

O equipo de rugby Western Province é o mais laureado do campionato de liga surafricano, a Currie Cup, con 32 títulos dende 1889. Os mesmos xogadores de este equipo compiten baixo a denominación Stormers na máxima competición de rugby do Hemisferio Sur, o Super Rugby, fronte a outros equipos surafricanos, australianos e neocelandeses. Ámbolos dous conxuntos disputan os seus encontros no Newlands Stadium, alcumado a casa do rugby surafricano. Este estadio ten capacidade para acoller 50.900 seareiros, e acolle regularmente encontros da selección surafricana de rugby, alcumada os Springbok.

Equipo Fundación Competición Estadio Capacidade
Western Province 1883 Currie Cup Newlands Stadium 50.900
Stormers 1997 Super Rugby Newlands Stadium 50.900

Fútbol[editar | editar a fonte]

No tocante ó fútbol, os dous equipos máis salientables da cidade son o Santos Football Club e o Ajax Cape Town, ámbolos dous equipos habituais na máxima categoría da Premier Soccer League. O Santos FC chegou a gañar a liga surafricana na tempada 2001-02, mentres que o Ajax CT foi subcampión de liga nas tempadas 2003-04, 2007-08 e 2010-11.

Equipo Fundación Competición Estadio Capacidade
Ajax Cape Town 1999 Premier Soccer League Cape Town Stadium 55.000
Santos Football Club 1982 Premier Soccer League Athlone Stadium 30.000

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Goretti Sanmartín Rei et al. Criterios para o uso da lingua. Servizo de Normalización Língüística, Universidade da Coruña. p. 119. ISBN 84-9749-199-8. http://www.udc.es/publicaciones/documentos/biblioteca/CriteriosParaUsoDaLingua.pdf.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cidade do Cabo Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]