Pío XI, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pío XI
Pío XI en 1930
Papa da Igrexa católica
Biografía
Nacemento31 de maio de 1857 en Desio, Reino da Lombardía-Venecia
Pasamento10 de febreiro de 1939 na Cidade do Vaticano
Nome secularAmbrogio Damiano Achille Ratti
Ordes
Ordenación sacerdotal20 de decembro de 1879
Consagración episcopal28 de outubro de 1919, por Aleksander Kakowski
Creado cardeal13 de xuño de 1921, por Bieito XV
Elixido papa6 de febreiro de 1922
Papa
1922 - 1939
PredecesorBieito XV
SucesorPío XII
Outros

Escudo de Pío XI
Raptim Transit
Ficha en catholic-hierarchy.org

Pío XI, nado en Desio o 31 de maio de 1857 e finado en Roma o 10 de febreiro de 1939, foi o 259º papa da Igrexa católica entre 1922 e 1939, bispo de Roma e soberano da Cidade do Vaticano desde 1922 ata a súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e estudos[editar | editar a fonte]

Nado como Achille Damiano Ambrogio Ratti en (Desio, naquela altura Reino da Lombardía-Venecia), cuarto fillo de Francesco Rati, director dunha fábrica téxtil, e de Teresa Galli. Comezou os seus estudos na escola elemental de Desio, e aos dez anos ingreso no Seminario Menor de Seveso, posteriormente estuda no Seminario de Monza e no Colexio de San Carlos de Milán, onde remata os seus estudos secundarios.

Comeza os seus estudos de teoloxía no Seminario da mesma cidade de Milán , que continúa en Roma, no Seminario Lombardo. O 20 de decembro de 1879 é ordenado sacerdote na basílica de San Xoán de Latrán.

Era un home dotado para o estudo e dunha grande erudición, tanto que os seus estudos de Filosofía chamaron a atención do papa León XIII. O ano 1882 será o da súa tripla licenciatura. O 13 de marzo na Pontificia Facultade della Sapienza consegue a titulación en teoloxía; o 9 de xuño, na Universidade Gregoriana, licenciase en dereito canónico e o 23 de xuño, sempre no mesmo ano, na Pontificia Academia de San Tomé, a licenciatura en filosofía.

Ao mesmo tampo chamaa atención na súa biografía que era un excelente atleta, gran afeccionado ao alpinismo. De feito, foi dos primeiros en escalar o Mont Blanc.

Milán[editar | editar a fonte]

Comezou como profesor de oratoria sagrada e teoloxía dogmática no seminario de Milán. Máis tarde entrará a traballar como investigador na prestixiosa Biblioteca Ambrosiana da mesma cidade, onde chegou ó máis alto grao. Chamado por San Pío X a Roma, en 1914 convértese en Viceprefecto da Biblioteca Vaticana.

Tras a primeira guerra mundial, en 1918 o Papa Bieito XV nomeouno Visitador apostólico en Polonia, cargo que se converteu en Nuncio en 1919. Pero era un home de carácter enérxico e escasas dotes diplomáticas, e pola súa actitude sobre os plebiscitos na Alta Silesia e en Prusia Occidental, que provocou o descontento de tódalas partes, o goberno polaco solicita ao Vaticano a súa marcha.

En 1921, foi creado cardeal e nomeado arcebispo de Milán. Volveu á súa cidade de orixe e destacou pola súa capacidade de traballo, a pesar do pouco tempo que exerceu este posto deixou obras como a Universidade Pontificia do Sacro Cuore, que no seu pensamento, era a continuación case natural da longa e prestixiosa tradición da Biblioteca Ambrosiana.

Papado[editar | editar a fonte]

O 6 de febreiro de 1922, á morte de Bieito XV, foi electo papa polo Sacro Colexio Cardenalicio en Conclave. Foi un candidato de compromiso, escolleito tamén pola súa ampla formación e cultura e polo seu dominio de idiomas.

A súa coroación papal realizouse na explanada da basílica de San Pedro, acto que despois sería imitado por Pío XII, Xoán XXIII e Paulo VI, e lugar onde se realizan as actuais "Misas de Inicio de Pontificado". Dende a autoproclamación da "catividade" da Igrexa católica por Pío IX en 1870, era esta a primeira coroación pública dun papa dende entón. Os seus predecesores foron coroados na basílica de San Pedro ou na Capela Sistina, como o fixeron León XIII, (Pío X e Bieito XV, este último porque, escolleito cando xa comezara a Grande Guerra, quixo unha cerimonia sinxela).

O seu papado caracterizouse polo recoñecemento do Estado italiano por parte da Igrexa, cuestión pendente dende a ocupación dos Estados Pontificios polo reino de Italia en 1870. Pío XI asinou co goberno italiano de Benito Mussolini e o rei Vítor Manuel III o Tratado de Letrán (febreiro de 1929), que deu nacemento ó estado Vaticano independente.

Este acordo, que poñía fin ó estado de cousas vixente dende 1870, fora procurado por ambas partes, e a ambas conviña. Para Mussolini, que buscaba un achegamento ós católicos, cuxa posición ante o Fascismo fora bastante fría. Para a Igrexa, o obte-lo recoñecemento de dereito do seu estado, que aínda que reducido a unha mínima expresión territorial, colocaba a este dentro do concerto das nacións do mundo, con capacidade de establecer relacións diplomáticas.

En Italia, o partido católico do dirixente político Luigi Sturzo, chamado Partido Popular, e opositor ó fascismo, disolvérase pouco antes. Pío XI animou ós católicos italianos nas eleccións de marzo de 1929 a que votasen ós fascistas, e catalogou a Benito Mussolini como un home enviado a nós pola providencia.

Pío XI na portada de El Ideal Gallego, 7/10/1923.

De ton similar foi o acordo ou concordato celebrado coa Alemaña nazi o 20 de xullo de 1933, e que implicou, como o Tratado de Letrán para Italia, a imposición do Código de Dereito Canónico en Alemaña e a desarticulación da intervención en política dos católicos. No caso de Alemaña, o Partido do Centro do ex chanceler Heinrich Brüning foi disolto, co que os nazis ficaron sen oposición legal algunha no seu país.

A pesar do seu intransixente anticomunismo, que compartía con quen era un dos seus colaboradores máis próximos, Uxío Pacelli, o futuro Pío XII, cara ao final do seu pontificado, en marzo de 1937, Pío XI emitiu unha encíclica coñecida como Con candente preocupación (en alemán: Mit brennender sorge), en onde se condenaba nunha forma moi tépeda ó réxime nazi. A pesar do ton moi vago das afirmacións deste documento, Adolf Hitler ordenou a Reinhard Heydrich, xefe da Gestapo, que incautase e destruíse as copia do mesmo, e as relacións entre a Alemaña nazi e o Vaticano enturbáronse por un tempo.

Días despois, outra encíclica, coñecida como Divino Redentor (en latín: Divini Redemptoris), condenaba, en termos esta vez máis explícitos, ó comunismo.

Afirmouse que cara fins de 1938 Pío XI preparaba un documento similar no que se aprestaba a denuncia-lo antisemitismo do réxime nazi, pero esta encíclica, cuxos borradores foron descubertos non hai moito, nunca foi publicada debido á súa enfermidade e morte.

Outra encíclica importante do seu reinado é a denominada Quadragessimo anno que conmemorou os corenta anos da publicación da Rerum Novarum de León XIII de 1891 e na que a Igrexa católica tomaba posición por vez primeira fronte ó movemento obreiro.

Pio XI morre o 10 de febreiro de 1939, cando só faltaban uns poucos meses para que estalase a segunda guerra mundial. Durante o seu pontificado, a Igrexa católica fortaleceuse como institución e comezou a ser un referente importante a nivel mundial non soamente nos aspectos relixiosos senón tamén políticos.

Algúns anos antes, en 1931, e coa colaboración dun dos inventores da radio, o nobre italiano Marconi, inauguráronse as transmisións de Radio Vaticano, a través das cales a Igrexa manifestou dende entón as súas opinións a nivel mundial, xa que a emisora moi pronto desenvolveu transmisións en diversos idiomas, cousa que ata o presente continúa facendo.

Outras realizacións[editar | editar a fonte]

Encíclicas[editar | editar a fonte]