Código de Dereito Canónico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Código de Dereito Canónico (en latín Codex Iuris Canonici, abreviado como "CIC" nas citas bibliográficas) é o conxunto ordenado das normas xurídicas (dereito canónico) que regulan a organización da Igrexa Católica de rito latino, a súa xerarquía de goberno, os dereitos e obrigas dos fieis, os sacramentos e as sancións que se establecen pola conculcación desas normas.

Historia[editar | editar a fonte]

Código de 1917[editar | editar a fonte]

Bieito XV, quen promulgou o primeiro Código de Dereito Canónico.

Até 1917, a Igrexa Católica estaba dirixida por un conxunto disperso e sen codificar de normas xurídicas espirituais e temporais coñecido como Corpus Iuris Canonici. O Concilio Vaticano I referiuse á necesidade dunha compilación na que foran agrupadas e ordenadas ditas normas, eliminando as que xa non estiveran vixentes e codificando as válidas con orde e claridade.

En 1904, Pío X creou unha comisión para redactar dito Código, e logo dunha ducia de anos de traballo, foi Bieito XV quen promulgou o Código o 27 de maio de 1917, que entrou en vigor o 19 de maio de 1918. O Código de 1917 é coñecido, xa que logo, como Código pío-beneditino.

Código de 1983[editar | editar a fonte]

Xoán Paulo II, quen promulgou o Código vixente.

Coa convocatoria do Concilio Vaticano II polo papa Xoán XXIII, anunciouse a reforma do Código, atrasada até a súa finalización. Logo da morte do papa e do final do concilio, Paulo VI creou a comisión encargada da súa reforma en 1964.

O código mantivo a súa natureza distinta para as igrexas de rito latino e as Igrexas católicas orientais, como no de 1917. Os decretos conciliares modificaran parte do Código de 1917, e os primeiros traballos dirixíronse á adaptación e derogación dos canons afectados. Consultouse a todos os bispos e a outros eclesiásticos, así como a todas as Facultades de dereito canónico. Realizáronse dous proxectos en 1977 e 1980, que foron estudados por canonistas, bispos, cardeais e superiores relixiosos. Coas diferentes reflexións redactouse o borrador de 1982.

O 25 de xaneiro de 1983, coa constitución apostólica Sacrae disciplinae leges, Xoán Paulo II promulgou o novo Código, que entrou en vigor o 27 de novembro de dito ano, e creou o novo órgano para a interpretación do texto, a Pontificia Comisión para a interpretación auténtica do Código de Dereito Canónico, coas mesmas funcións que tiña a anterior comisión de interpretación.

En 1988, mediante a constitución apostólica Pastor Bonus, a comisión foi transformada no Pontificio Consello para os Textos Lexislativos, con competencias mais amplas.[1]

Paralelamente, coa convocatoria do Concilio Vaticano II comezouse cunha nova codificación do dereito eclesiástico oriental, rematada en 1991 coa promulgación do Código dos Canons das Igrexas Orientais. Este código completou a codificación na Igrexa católica, ao estar en vigor para as Igrexas católicas orientais.

Malia existir moitas traducións do CIC, tan só o texto orixinal latino é considerado legal.

Modificacións[editar | editar a fonte]

En 1998 Xoán Paulo II emitiu o motu proprio Ad Tuendam Fidem, que emendou dous canons (o 750 e o 1371) do CIC, que aumentou as normas para que fosen respectadas as verdades doutrinais propostas de xeito definitivo polo Maxisterio da Igrexa e actualizou as penas canónicas relacionadas.[2]

O 15 de decembro de 2009 Bieito XVI emitiu o motu proprio Omnium in Mentem, que modificou cinco canons (1008, 1009, 1086, 1117 e 1124) para deixar máis claro que, daqueles que reciben o sacramento da orde, tan só os bispos e sacerdotes poden actuar in persona Christi, non así os diáconos.

Contidos[editar | editar a fonte]

Libro I: Normas xerais[editar | editar a fonte]

Libro II: O Pobo de Deus[editar | editar a fonte]

Libro III: A función de ensinar da Igrexa[editar | editar a fonte]

Libro IV: A función de santificar da Igrexa[editar | editar a fonte]

Esta parte trata das normas referentes aos sete sacramentos, dos sacramentais (como os exorcismos ou as procesións), da liturxia das horas, dos enterros relixiosos, do culto aos santos e veneración das súas reliquias e das festas e lugares sagrados.

Libro V: Os bens temporais da Igrexa[editar | editar a fonte]

Este libro define o dereito en canto ás propiedades da Igrexa como institución:

A Igrexa Católica, por dereito nativo, independentemente do poder civil, pode adquirir, conservar, administrar e alienar bens temporais para acadar os fins que lle son proprios. Os fins proprios son principalmente os seguintes: soster o culto divino, sustentar con dignidade ao clero e aos outros ministros, exercer obras do sagrado apostolado e de caridade, especialmente en favor dos necesitados.[3]

Libro VI: As sancións na Igrexa[editar | editar a fonte]

Libro VII: Os procesos[editar | editar a fonte]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. Pontificio Consiglio per i Testi Legislativi (en italiano)
  2. "sejam acrescentadas normas, pelas quais expressamente se imponha o dever de observar as verdades propostas de modo definitivo pelo Magistério da Igreja, referindo também as sanções canónicas concernentes à mesma matéria" [1]
  3. Cân. 1254 — § 1. A Igreja Católica, por direito originário, independentemente do poder civil, pode adquirir, conservar, administrar e alienar bens temporais para prosseguir os fins que lhe são próprios.
    § 2. Os fins próprios são principalmente os seguintes: ordenar o culto divino, providenciar à honesta sustentação do clero e dos outros ministros, exercer obras do sagrado apostolado e de caridade, especialmente em favor dos necessitados [2]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]